Estás en:Emprego Novas

A artista galesa Luned Rhys Parri inicia a súa residencia na Coruña polo proxecto intercultural Tosta no que participa a Deputación da Coruña

A artista galesa Luned Rhys Parri inicia a súa residencia de cinco semanas na Coruña, grazas ao intercambio promovido polo proxecto intercultural Tosta para linguas minorizadas, dentro do programa Donostia Capital Cultural do que é parceira a Deputación da Coruña. A vicepresidenta e responsábel da área de Normalización Lingüística e Cultura, Goretti Sanmartín, recibiuna no espazo no que abrirá o seu estudio artístico.

A artista galesa Luned Rhys Parri inicia a súa residencia na Coruña polo proxecto intercultural Tosta no que participa a Deputación da Coruña

A artista galesa Luned Rhys Parri inicia a súa residencia de cinco semanas na Coruña, grazas ao intercambio promovido polo proxecto intercultural Tosta para linguas minorizadas, dentro do programa Donostia Capital Cultural do que é parceira a Deputación da Coruña. A vicepresidenta e responsábel da área de Normalización Lingüística e Cultura, Goretti Sanmartín, recibiuna no espazo no que abrirá o seu estudio artístico.

Durante cinco semanas, a artista galesa Luned Rhys Parri creará nova obra na Coruña, convidada á residencia artística que inclúe o proxecto de intercambio cultural e lingüístico Tosta, que forma parte da programación de Donostia Capital Cultural 2016, do que a Deputación da Coruña é parceira.

A responsábel da área de Cultura e Normalización Lingüística e vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, recibiu este mércores a Luned Rhys Parri para desexarlle unha creativa estadía e indicarlle algúns dos lugares que son referencia para coñecer a arte contemporánea galega, ámbito de interese e traballo da creadora.

A artista galesa ten intención de se achegar á paisaxe e á cultura galegas e deixar pegada delas na súa obra, en especial, nas ilustracións en 3D que está a elaborar na que, segundo sinalou, quere, entre outras cousas, incluír a cerámica de Sargadelos, da que se mostra impresionada.

Luned Rhys pasará cinco semanas na Coruña e montará o seu estudio creativo para a creación de nova obra na súa residencia artística. Con anterioridade, a galesa pasara tamén unha tempada na Patagonia achegándose a súa xente, arte e costumes, estadía que se aprecia tamén nas creacións plásticas daquel tempo. Na Coruña, Luned Rhys quere impartir algúns obradoiros con nenas e nenos para presentarlles a súa técnica de debuxo en volume na que recrea ás veces o interior das casas e a vida de quen as habita coas particularidades dos distintos territorios. A artista traballa desde o seu estudio en Groeslon, preto de Caernarfon, localidade en que nacen as súas esculturas en papel ou ilustracións en tres dimensións que identifican a súa liña creativa. Segundo os requisitos do proxecto Tosta, un artista local fai de mentor da convidada e, neste caso será Kiko da Silva, con quen comparte moitos vínculos artísticos.

Arte por música

Dentro das residencias artísticas do proxecto Tosta, a Deputación da Coruña enviará un músico ou música como protagonista do intercambio que será, neste caso, en Irlanda. O vindeiro venres ás 11.30 horas darase a coñecer o nome da persoa que viaxará proximamente a Irlanda para residir alí cinco semanas en contacto con músicas e músicos do país.

O proxecto Tosta Cargo é a embaixada itinerante do Faro das Voces, un dos tres eixos nos que se articula o programa de Donostia Capital Europea da Cultura 2016. Tosta Cargo preséntase como un proxecto de colaboración entre axentes culturais das comunidades lingüísticas minoritarias do Eixo Atlántico no que participan Gales, Escocia, Irlanda, Frisia, Cornualles e o País Vasco, ademais da cultura e a lingua galega por medio da participación da Deputación da Coruña e a Mesa pola Normalización Lingüística.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X