Estás en:Emprego Novas

Down Coruña estrea nova sede en Pedralonga

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou esta mañá no acto de inauguración da nova sede de Down Coruña en Pedralonga, ao que tamén asistiron o alcalde da cidade, Xulio Ferreiro; o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela; o delegado territorial da Xunta, Diego Calvo; o presidente da entidade, Manuel Álvarez Esmorís, e a presidenta da Asociación Veciñal de Pedralonga, que compartirá este novo espazo con Down Coruña.

O novo edificio, localizado no antigo colexio de Pedralonga, conta con máis de 1000 metros cadrados útiles, que duplican o espazo co que contaba o centro educativo, e supuxo un investimento de 800 000 euros, financiados ao 50 % pola Deputación e polo Concello da Coruña.

Tras percorrer as novas instalacións, Valentín González afirmou que "é un orgullo inaugurar este centro nun día tan especial", en referencia á conmemoración hoxe do Día Mundial da Síndrome de Down, instituído en 2011 pola ONU e que este ano se celebra baixo o lema "Os beneficios dos contornos inclusivos para os nenos do presente e os adultos de mañá".

Neste sentido, considerou que o novo centro será "un exemplo de inclusión", xa que a Asociación de Veciños de Pedralonga e Down Coruña compartirán espazos. "Son dous mundos que se unen para faceren realidade dous soños", afirmou o presidente provincial, que subliñou tamén a importancia da colaboración entre institucións para levar a cabo conxuntamente proxectos coma este.

González Formoso apuntou tamén as políticas sociais son un dos "eixos transversais" das políticas da Deputación, que este ano incrementou un 8 % o orzamento que lle dedica a esta área e que vén de aprobar un importante Plan de Acción Social, dotado con 33 millóns de euros, que financia obras en todos os Concellos da provincia que, na súa maior parte, teñen un carácter social relevante.

Pola súa banda, o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey, definiu o novo centro como "un espazo de oportunidades" e un exemplo de "unión de diferentes administracións" e anunciou que os orzamentos do seu departamento incrementan este ano as achegas económicas destinadas á Federación de Asociacións de Síndrome de Down e que A Coruña contará este ano cun servizo de promoción da autonomía destinado a estas persoas.

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, afirmou que A Coruña "é unha cidade inclusiva, que respecta a diversidade" e destacou que a igualdade "é un compromiso esencial, transversal á nosa acción de goberno".

O rexedor coruñés manifestou o seu desexo de que este novo espazo contribúa a "mellorar a calidade de vida" de veciños e usuarios do centro de Down Coruña e considerou que o modelo de compartir espazos nun mesmo edificio "será enriquecedor".

O novo edificio

As obras consistiron na ampliación e reforma dun pequeno centro docente actualmente en desuso, o antigo colexio Pedralonga, construído en 1971 e con 525 metros cadrados de superficie, para o seu novo uso como centro docente-asistencial da Asociación Down Coruña.

O novo centro duplica a superficie, con 1000 metros cadrados de superficie útil, e completa o programa de necesidades da entidade, coa dotación dunha nova e ampla sala polivalente e coa incorporación ao edificio de novos volumes, que conforman un inmoble con planta en U, de xeito que se articulan dúas ás diferenciadas no inmoble conectadas por unha zona central de recepción e administración, o que contribuirá a ordenar mellor o funcionamento do centro.

O edificio conta con aulas, cunha gran sala de usos múltiples, cunha zona administrativa, cunha sala de informática e cunha zona asistencial, con espazos para comedor, con sala de enfermería, con salas de terapia e con aseos adaptados, así como cun patio exterior, protexido polo propio edificio, onde se poden desenvolver actividades ao aire libre.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X