Estás en:Emprego Novas

1.011 Peme e autónomos da provincia da Coruña optan ás axudas do PEL 2020 da Deputación

700 novas empresas e emprendedores solicitaron as axudas ao investimento de PEL EMPRENDE

Máis de 300 Peme, microempresas e persoas autónomas solicitaron as axudas á contratación de PEL PEMES

1.011 Peme e autónomos da provincia da Coruña optan ás axudas do PEL 2020 da Deputación

Un total de 1.011 empresas e persoas autónomas da provincia da Coruña presentaron este ano as súas solicitudes para optar ás axudas dos programas PEL-PEME e PEL-EMPRENDE 2020 da Deputación da Coruña. O prazo de solicitudes, ampliado polo estado de alarma, rematou o pasado 11 de xuño.

A Deputación da Coruña distribuirá entre ambas as liñas un total de 3.760.000 euros, contribuíndo a reforzar o tecido empresarial da provincia e a paliar o impacto que a pandemia da COVID-19 está a ter nas empresas e autónomos.

A meirande parte das solicitudes dirixíronse á liña de PEL EMPRENDE para investimentos, con 700 solicitudes presentadas, o que supón o 69,24% do total; seguido da liña de PEL PEME para a contratación de novo persoal con 246 ( o 24,33%), e 65 (o 6,43%) de PEL PEME mantemento, que permite manter a axuda a traballadoras/es contratados no ano anterior.

Por outra banda, 36 solicitantes presentaron a solicitude sen especificar a liña de axuda que desexan solicitar. Non debemos obviar que este ano as axudas de PEL EMPRENDE e PEL PEME son incompatibles entre si e que, con todo, as dúas axudas de contratación si resultan compatibles, podendo solicitar ambas a mesma empresa ou persoa autónoma.

As bases reguladoras das axudas, publicadas no BOP do 12 de febreiro, establecen que o procedemento de concesión é o réxime de concorrencia competitiva e que, polo tanto, de non acadar o crédito dispoñible para conceder todas as solicitudes presentadas nomearase unha Comisión de Valoración para a súa avaliación. A Comisión valorará e puntuará as solicitudes presentadas en cada liña conforme a criterios de obxectividade, igualdade e non discriminación dentro das dispoñibilidades orzamentarias e perseguindo a maior repercusión posible das axudas no ámbito territorial, en función dos criterios de valoración comúns e dos establecidos en cada unha das liñas no apartado valoración de solicitudes

O Plan de emprego local (PEL) naceu en 2016 como unha aposta estratéxica do goberno provincial para fomentar a creación de emprego no sector público e privado e supuxo multiplicar por seis o investimento que a Deputación da Coruña viña realizando nesta materia. Desde a súa creación, o PEL permitiu a creación de case 3.000  empregos directos en concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia da Coruña a través das liñas de PEL CONCELLOS e PEL PEME e subvencionou investimentos relacionados con proxectos empresariais de preto de 2.000 novas empresas con domicilio fiscal no territorio provincial.

Agora, o PEL 2020, continuará esta senda de fomento do emprego estable e de calidade e apoio ao tecido empresarial da provincia nun momento clave para a supervivencia de moitas empresas e negocios a través das súas diferentes liñas de actuación.

Páxinas suxeridas
Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal ou  realiza unha consulta (formulario)X