Estás en:Emprego Novas

Emprendedoras e emprendedores máis novos do Pazo de Arenaza, galardoados co Premio ao Mellor Proxecto Emprendedor nos VII Premios Galicia de Enerxía

Esmas Smart SL, de David Adrián Rodríguez e Joaquín Esteban, é un dos 18 proxectos empresariais que se desenvolven en Arenaza, o centro piloto da Rede Provincial de Espazos de Coworking da Deputación

Emprendedoras e emprendedores  máis novos do Pazo de Arenaza, galardoados co Premio ao Mellor Proxecto Emprendedor nos VII Premios Galicia de Enerxía

Esmas Smart S.L., un dos proxectos emprendedores con sede no Centro de Coworking do Pazo de Arenaza, recibiu o premio ao Mellor Proxecto Emprendedor nos VII Premios Galicia de Enerxía que outorga a Asociación de Enxeñeiros Industriais de Galicia coa colaboración do Ilustre Colexio de Enxeñeiras e Enxeñeiros Industriais de Galicia.

Este premio vén a recoñecer o labor de David Adrián Rodríguez e Joaquín Esteban, os dous coworkers máis novos do Pazo de Arenaza, que crearon un proxecto empresarial enfocado á domótica no Fogar. Os premios serán entregados nunha gala que se celebrará en Ferrol e que reunirá a un gran número de profesionais e empresariado do sector, ademais de representantes da política local e autonómica.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, felicitou os emprendedores polo galardón e animounos a seguir desenvolvendo o seu proxecto. "É unha satisfacción ver como os proxectos que comezaron a xestarse en Arenza van crecendo e consolidándose", afirmou.

Centro piloto da Rede Provincial de Coworking

O Pazo oleirense é o centro piloto da Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo que impulsa a Deputación en Ames, Brión, Boiro, Carballo, Oleiros e Moeche, centros pioneiros polo seu carácter sectorial, pois están adaptados ás necesidades específicas dos sectores produtivos ou profesionais con maior demanda e potencial de cada comarca.

No caso do centro de Oleiros, a maioría dos 18 proxectos empresariais que alberga céntranse nos campos da arquitectura, urbanismo, enerxías renovables ou interiorismo.

Páxinas suxeridas
Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal ou  realiza unha consulta (formulario)X