Estás en:Emprego Novas

González Formoso sinala o emprego e os servizos sociais como “prioridades absolutas” dos investimentos da Deputación na Costa da Morte

O presidente da Deputación reuniuse hoxe en Muxía cos alcaldes e alcaldesas da Costa da Morte para avaliar o alcance das medidas implementadas e analizar as novas necesidades

Formoso anuncia que a Deputación traballa nun plan especial de apoio a autónomos de 10 millóns de euros

Destaca o importante papel que desenvolveron durante a pandemia os alcaldes e alcaldesas "que estiveron ao carón dos seus veciños afrontando momentos complicados"

González Formoso sinala o emprego e os servizos sociais como “prioridades absolutas” dos investimentos da Deputación na Costa da Morte

Estimular a creación de emprego, axudar a reactivar a economía e reforzar os servizos sociais municipais serán as "prioridades absolutas" dos investimentos da Deputación da Coruña tras a Covid19.

Así o anunciou o presidente, Valentín González Formoso, durante a reunión que hoxe mantivo en Muxía cos alcaldes e alcaldesas da Costa da Morte para avaliar o alcance das medidas implementadas polo goberno provincial para apoiar os concellos durante a crise da Covid19.

Ademais do anfitrión, Iago Toba, no encontro participaron os rexedores/as de Camariñas, Sandra Insua; Cee, Margarita Lamela; Corcubión, Lalo Insua; Dumbría, José Manuel Pequeño; Fisterra, José Marcote; Vimianzo, Mónica Rodríguez; Zas, Manuel Muíño; Carnota, Juan Manuel Sabordio e Malpica, Walter Pardo.

González Formoso recoñeceu "o labor do mundo municipal, que estivo á altura das circunstancias con alcaldes e alcaldesas coma Iago Toba, que estiveron a carón dos seus veciños afrontando momentos complicados, asumindo competencias propias e impropias para garantir o correcto funcionamento dos servizos públicos durante a pandemia", así como a de numerosos colectivos coma camioneiros, sanitarios, protección civil ou traballadores dos supermercados "aos que hai que recoñecerlles o seu esforzo e non esquecelo", pois tiveron "un papel fundamental" para que o país seguise funcionando.

Pola súa banda, o alcalde de Muxía agradeceu a colaboración da Deputación cos municipios da Costa da Morte durante o confinamento, tanto subministrando material de protección, coma as máscaras cando escaseaban, coma prestando apoio económico para programas de vital importancia para os concellos.

"Ante unha situación insólita como a que vivimos a única prioridade de todos os alcaldes e alcaldesas da Costa da Morte foi atender á xente, as súas necesidades", apuntou Iago Toba, que destacou "o importante papel que tivo e que vai a ter a Deputación na reconstrución da normalidade nos nosos municipios".

Un Plan de Reactivación de 10 millóns de euros para autónomos e peme

Na reunión, González Formoso repasou as numerosas medidas implementadas pola Deputación para axudar aos municipios na saída da crise e escoitou as propostas dos alcaldes e alcaldesas, moitos dos cales expresaron a súa preocupación polas consecuencias económicas e laborais que traerá a pandemia para moitas familias e empresas.

Neste sentido, o presidente da Deputación da Coruña explicou que, tras un proceso de reestruturación a fondo dos orzamentos de 2020 para adaptalos á realidade poscovid, o seu goberno terá a reactivación económica e a potenciación dos servizos sociais como principais prioridades.

Formoso afirmou que no pleno do pasado venres, a Deputación aprobouse por unanimidade consignar unha partida de 10 millóns de euros para financiar, ao abeiro do PEL, un novo plan especial de reactivación destinado a apoiar aos autónomos e microempresas máis afectadas pola crise da Covid19, tamén nos municipios da Costa da Morte.

O presidente afirmou que o goberno provincial ten xa moi avanzadas as bases do novo plan, que se desenvolverá en colaboración con todos os concellos da provincia e que suporá na práctica duplicar os 10 millóns que a Deputación inviste cada ano en materia de emprego "para chegar ao maior número posible dos 83.000 autónomos cos que conta a provincia da Coruña".

5 millóns para apoiar os municipios da Costa da Morte

Segundo explicou Valentín González, as achegas da Deputación durante estes meses supuxeron unha inxección económica de máis de 5 millóns de euros para os municipios da Costa da Morte. Entre elas destaca o Plan único, con máis de 3,8 millóns aprobados para a zona, que lles permite aos concellos afrontar gastos esenciais e acometer obras que axudan a reactivar a economía.

Como novidade principal deste ano, o POS+ incluíu unha partida de 4 millóns de euros procedentes de superávit para que os concellos puidesen afrontar os gastos sociais extraordinarios derivados da Covid19, dos que 300.000 se destinaron aos municipios da Costa da Morte.

Os investimentos provinciais supuxeron tamén un apoio importante para os concellos no ámbito social e do emprego con programas como o de servizos sociais comunitarios, que destinou 520.173 euros para reforzar os servizos sociais e de axuda no fogar dos concellos da Costa da Morte "cando son máis necesarios ca nunca", ou o PEL-Concellos que, cun investimento de 310.000 euros na zona, crea este ano 43 empregos directos para persoas con especiais dificultades de inserción laboral, co obxectivo de mellorar os servizos públicos.

Páxinas suxeridas
Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal ou  realiza unha consulta (formulario)X