Estás en:Emprego Novas

A Deputación e o Concello da Pobra do Caramiñal teñen a primeira toma de contacto para incorporar o coworking do Lagar á Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo

O deputado da área de emprego, José Ramón Riobóo, reuniuse hoxe co alcalde da Pobra, Xosé Lois Piñeiro, para tratar as cuestións previas á formalización do convenio

O coworking da Pobra do Caramiñal habilitouse no verán de 2017 e dispón de 10 postos de traballo

A Deputación e o Concello da Pobra do Caramiñal teñen a primeira toma de contacto para incorporar o coworking do Lagar  á Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo

Hoxe a sede provincial acolleu a primeira toma de contacto entre a Deputación da Coruña e o Concello da Pobra do Caramiñal para a formalización dun convenio de dinamización do espazo de coworking do Lagar e a súa futura adhesión á Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo do Plan de Emprego Local da Deputación da Coruña.

O deputado da área de emprego, Xosé Ramón Rioboo, reuniuse cunha delegación do concello da Pobra do Caramiñal formada polo alcalde Xosé Lois Piñeiro, a concelleira de Promoción Económica, Charo Varela, a concelleira de Cultura, Sanidade e Relacións Institucionais, Patricia Lojo e a coordinadora do Plan de Emprego Local da Deputación da Coruña, Marisa Lista.

A Rede Provincial de coworkings aglutina distintos espazos de traballo localizados en concellos da provincia e establece uns mecanismos de coordinación e colaboración na prestación de servizos a empresas e persoas emprendedoras entre os distintos espazos que formen parte dela.

A Pobra do Caramiñal podería sumarse así aos concellos de Ames, Oleiros, Carballo, Brión, Boiro e Moeche, onde a Deputación impulsa a creación de espazos de traballo colaborativo de carácter sectorial, adaptados ás necesidades específicas dos sectores profesionais con maior potencialidade de cada unha das zonas.

Nesta reunión Riobóo salientou que "a Deputación da Coruña ten un especial interese en promover o emprendemento e a creación de novas empresas na provincia, motor da nosa economía" e que "desde o Plan de Emprego Local se están a realizar grandes esforzos por impulsar ás novas empresas e reter o talento novo na provincia".

O edificio no que se atopa actualmente o coworking é un lugar multidisciplinar no que conflúen diferentes áreas e sinerxías. Alí está tamén a Casa da Mocidade na primeira planta, que conta cunha sala de usos múltlples, unha sala para cursos e informática e dúas zonas Fab-Lab (laboratorios de creatividade) nas que se poderá acceder as novas tecnoloxías, como á impresión 3D. "O fab lab é unha instalación que vive da mesma filosofía que a do coworking, a do traballo colaborativo e de aprender de outros", indicou o rexedor da Pobra, Xosé Lois Piñeiro que valorou a reunión como "moi positiva, cremos que vamos a conseguir o pulo que estabamos buscando para o noso coworking grazas ao asesoramento da Deputación.

Os espazos de coworking están a ser considerados en toda Europa como fonte de inspiración para poñer en práctica novos enfoques de traballo, innovación e colaboración e son un reflexo na aparición de novos modelos e novas expectativas no mundo dos negocios e na sociedade en xeral.

Con esta iniciativa, o concello da Pobra do Caramiñal en colaboración coa Deputación quere dar un paso máis no ámbito da promoción económica e empresarial que vén desenvolvendo e incidir máis no fomento da cultura do emprendemento pois existe unha correlación positiva entre a promoción do espírito emprendedor e os resultados económicos en termos de crecemento, supervivencia de empresas, innovación, creación de emprego, cambio tecnolóxico e incremento da produtividade que ofrecen as perspectivas de desenvolvemento socioeconómico para a comarca do Barbanza

Páxinas suxeridas
Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal ou  realiza unha consulta (formulario)X