Estás en:Emprego Novas

A Deputación da Coruña demanda á Xunta máis recursos e investimentos para garantir a seguridade do curso escolar

O pleno aproba mocións do Goberno provincial (PSOE-BNG) e Marea Atlántica instando ao Goberno galego a rebaixar o número de alumnos por aula, contratar máis persoal docente, asumir a desinfección dos colexios e ampliar as medidas de conciliación, entre outras medidas.

Aprobados os investimentos para o Pasatempo de Betanzos e a Casa das Máquinas de Santiago .

A Deputación da Coruña demanda á Xunta máis recursos e investimentos para garantir a seguridade do curso escolar

A Deputación da Coruña demanda á Xunta de Galicia máis recursos e investimentos para garantir a seguridade e a calidade no ensino no curso académico que agora comeza.

O pleno da Deputación aprobou hoxe, cos votos favorables de PSdeG-PSOE, BNG, Marea Atlántica e Alternativa dos Veciños e o voto en contra do Partido Popular, dúas mocións presentadas polo Goberno provincial (PSOE-BNG) e Marea Atlántica instando á administración autonómica a implementar unha serie de melloras e a asumir as súas competencias exclusivas en materia educativa ante "o fracaso da organización do curso escolar 2020-2021".

A moción de PSOE e BNG sinala que "o protocolo de adaptación ao contexto do Covid-19 da Xunta, que xa foi reformado en tres ocasións, está presidido por único principio reitor: o custe cero" e "deriva a responsabilidades nos centros educativos e nos concellos, suscitando as protestas de sindicatos, ANPAS e entidades locais"

A través desta moción, a Deputación demanda á Xunta "a contratación dos docentes necesarios para o desdobramento das aulas" e que se estableza un metro e medio de distancia de seguridade en todas as actividades escolares, solicitando aos concellos, se é preciso, cesión de espazos públicos para desdobrar as aulas.

No texto, ínstase tamén a Xunta a que asuma as tarefas de desinfección dos centros educativos, que agora deriva aos concellos, ou "dote os municipios dos medios materiais, persoais e económicos necesarios para facelo".

O pleno da Deputación esixe tamén que se planifique a atención do alumnado en situación de risco que non poda asistir a clase, así como a dos alumnos que deban gardar corentena e daqueles con necesidades de apoio educativo, investindo en dixitalización para que, no caso de ter que prescindir do ensino presencial, se poida garantir igualmente unha educación de calidade.

A moción de Marea Atlántica, que tamén foi referendada por todos os grupos a excepción do PP, sostén que "a deixación de funcións por parte da Xunta tivo xa efectos directos no ensino secundario do noso país, que viu como se suspendía o inicio do curso ao careceren os centros dos medios precisos para garantir a seguridade e saúde da comunidade educativa".

O texto insta á Xunta a pór en marcha "dun proceso de diálogo social coas ANPAS e equipos educativos para asegurar un curso seguro", e a articular "os investimentos necesarios para reducir o número de nenos e nenas por aula" e ampliar os recursos de conciliación "ante o posible peche das aulas por repuntas".

Debate

O portavoz do Grupo Socialista, Bernardo Fernández, demandou á Xunta de Galicia a contratación de máis persoal docente que permita desdobrar as aulas e reducir o número de alumnos e instou á administración autonómica a "asumir as súas competencias en educación e subministrar os fondos necesarios, tamén para a desinfección dos centros escolares, que triplican os gastos dos concellos, a pesar de tratarse dunha competencia autonómica".

A portavoz do BNG, María Muíño, incidiu tamén neste tema apuntando que "a consellería non inviste un só euro no reforzo da limpeza", citando como exemplo que no concello de San Sadurniño se mantén o mesmo persoal que había para a limpeza dos centros escolares a pesar de que os protocolos esixen limpezas en horario de mañá.

O portavoz de Marea Atlántica, Alberto Lema, censurou "o desleixo e falta de planificación" no inicio do curso e lembrou que un informe dos servizos xurídicos da Deputación avala que a competencia de desinfección dos centros escolares é competencia autonómica e non pode ser derivada aos concellos sen dotala de financiamento.

Por parte de Alternativa dos Veciños, Ángel García Seoane, afirmou que Oleiros conta nas súas escolas con máis de 300 alumnos e alumnas doutros municipios da comarca "porque hai anos que non se fan escolas", o que xera parte do problema actual. "Os alcaldes teñen que demandar colexios, pero tamén pór o solo para que poidan facerse", afirmou.

A portavoz do Partido Popular, Rosa Gallego, xustificou o voto en contra do seu grupo a ambas mocións afirmando que "a Xunta está a facer o seu traballo e o Goberno do Estado non. Desentendeuse de todo ata o 27 de agosto".

Gallego sostivo que este "será o curso escolar con máis profesores da historia" e que os concellos "son responsables da limpeza dos centros de infantil e primaria".

Pasatempo de Betanzos e Casa das Máquinas de Santiago

O pleno deu hoxe luz verde ao convenio co Concello de Betanzos para financiar a primeira fase das obras do Pasatempo, cun investimento de 525.000 euros, dos que a institución provincial achega o 80%.

Os fondos empregaranse para a recuperación dos elementos máis deteriorados do parque debido á súa antigüidade e o efecto da auga: o Estanque do Retiro e o seu templete, un espazos máis representativos do Pasatempo, que precisa dunha actuación urxente para evitar a súa destrución. O proxecto redactado polo arquitecto Xan Casabella inclúe a recuperación de todos os elementos escultóricos, pictóricos e arquitectónicos desta área e ten un prazo de execución dun ano e medio.

Tamén se aprobou unha achega de 252.000 euros para financiar, en colaboración co Concello de Santiago, a primeira fase das obras de rehabilitación da Casa das Máquinas, un emblemático inmoble de 1919 que será restaurado no exterior e interior, dotándoo de nova cuberta e carpintería exterior.

Outros asuntos aprobados no pleno de hoxe foron o convenio coa USC e os Colexios de Avogados e Procuradores de Santiago para permitir ao alumnado da Escola de Práctica Xurídica da USC realizar prácticas nos concellos da provincia e co Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) para o desenvolvemento dun programa de actividades de formación e divulgación ambiental.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal ou  realiza unha consulta (formulario)X