Estás en:Emprego Novas

O venres remata o prazo para que os concellos soliciten a súa adhesión ao plan PEL Reactiva

Conta cun orzamento de 10 millóns de euros, que poden incrementarse ata os 12 millóns coas achegas municipais

O programa desenvolverase en colaboración cos concellos coruñeses de menos de 50.000 habitantes, con axudas de entre 1.500 e 3.000 euros para autónomos e microempresas

O venres remata o prazo para que os concellos soliciten a súa adhesión ao plan PEL Reactiva

O venres, 9 de outubro, ás 14.00 horas, remata o prazo para que os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia da Coruña que o desexen soliciten a súa adhesión ao programa PEL- Reactiva da Deputación.

PEL-Reactiva é unha nova liña de axudas destinadas aos autónomos e microempresas da provincia da Coruña cun orzamento de 10 millóns de euros. O programa desenvólvese en colaboración cos concellos, que cofinanciarán o 20% deste con fondos propios, polo que o investimento total pode incrementarse ata os 12 millóns de euros.

O programa, que supón duplicar o investimento que a Deputación realizará este ano en materia de emprego, pretende impulsar a recuperación da actividade económica nos municipios de menos de 50.000 habitantes, axudando a paliar a crise xerada pola Covid-19 nas microempresas e persoas autónomas, un dos sectores máis afectados pola pandemia.

O reparto de fondos realízase de forma absolutamente obxectiva, baseándose no número de autónomos e microempresas de cada municipio. Para beneficiarse das axudas os concellos deberán adherirse ao Fondo e solicitar a contía que lle corresponda en función deste número. As subvencións que se han conceder aos Concellos oscilan entre un mínimo de 11.271,99 euros e un máximo de 550.578,18 euros.

Os fondos poderán ser destinados, entre outras cuestións, a gastos de adaptación e acondicionamento dos negocios á nova realidade derivada da Covid-19, compra e instalación de biombos, adquisición de produtos de limpeza e protección, así como a gastos correntes. As axudas aos negocios oscilarán entre os 1.500 e os 3.000 euros, en función dos traballadores que teñan ao seu cargo.

Unha vez concedidas, serán os propios concellos os que anunciarán as convocatorias para que microempresas e persoas autónomas poidan beneficiarse destas contías. A achega provincial constitúe o 80 % da axuda total a distribuír, poñendo os concellos o 20% restante con fondos propios.

Páxinas suxeridas
Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal ou  realiza unha consulta (formulario)X