Estás en:Emprego Novas

A Deputación destina 1,85 millóns de euros para apoiar a 238 pequenas empresas e profesionais autónomos a través da liña de axudas PEL-Emprende

González Formoso afirma que esta liña do PEL "contribúe a consolidar e modernizar o tecido empresarial da provincia, facéndoo máis competitivo"

Máis do 62% das empresas beneficiarias están dirixidas por mulleres e preto dun 10% foron creadas no último ano

As cidades da Coruña e Santiago, xunto con Ames, Fisterra, Vimianzo e Ferrol concentran o maior número de axudas

Estas axudas súmanse ás liñas de creación de emprego do PEL que este ano permiten a creación de 666 postos de traballo

A Deputación destina 1,85 millóns de euros para apoiar a 238  pequenas empresas e profesionais autónomos a través da liña de axudas PEL-Emprende

A liña de axudas de PEL-Emprende da Deputación da Coruña destina este ano 1.859.144 euros para apoiar a 238 empresas de recente creación e autónomos/as da provincia na realización de investimentos vinculados ao desenvolvemento dos seus negocios.

A concesión das axudas publícase hoxe no Boletín Oficial da Provincia e supón un importante apoio económico para que estas 238 empresas poidan adquirir aplicacións informáticas, mobiliario, maquinaria e/ou equipos para procesos de información necesarios para o crecemento, modernización e dixitalización dos seus negocios.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, afirmou o que "o investimentos desta liña do PEL contribúen a modernizar o tecido empresarial da provincia, facéndoo máis competitivo e permitindo que proxectos emprendedores que empezan de xeito moi modesto, poidan, en poucos anos, chegar a consolidarse e incluso ser referencia no seu sector".

González Formoso lembrou que a liña EMPRENDE apoia as empresas de recente creación, completando as liñas PEL-PEMES e PEL-CONCELLOS, que este ano crearon xa 666 empregos directos tanto nos concellos coma nas pequenas empresas da provincia.

A liña PEL-Emprende subvenciona ata un 70% dos investimentos das empresas, con axudas que van dos 2.450 aos 17.500 euros. O 62% dos beneficiarios/as son autónomos, seguidos por un 37% de microempresas, empresas que conta cun máximo de dez traballadores/as.

Máis do 62% das empresas beneficiarias das axudas PEL-Emprende 2020 están dirixidas por mulleres e céntranse sobre todo no sector terciario. Preto dun 90% das empresas beneficiarias enmárcanse neste sector, no que destacan as actividades relacionadas co comercio, a hostalería e o turismo.

O 98% das empresas que reciben axudas do PEL-Emprende 2020 non resultaron beneficiarias na convocatoria anterior e máis dun 9% son empresas creadas no último ano. De novo a Deputación aposta por impulsar as iniciativas emprendedoras de recente creación, na liña doutras accións de apoio ao emprendemento como a posta en marcha da Rede Provincial de Espazos de Coworking, que xa conta con 6 espazos adheridos. Ao coworking do Pazo de Arenaza en Oleiros, buque insignia desta rede, súmanse xa o coworking LAB Barbanza en Boiro, Transformando en Brión, coworking Carballo, coworking A Proa en Ames e Centro Comarcal de Apoio ao Desenvolvemento Rural en Moeche.

Distribución por concellos e comarcas

En canto á distribución das axudas por concellos, en PEL-Emprende Investimento cabe destacar que se van beneficiar 35 empresas e autónomos/as pertencentes ao concello da Coruña, cun importe total concedido de 273.587,20 euros, 15 de Santiago de Compostela con 142.300,66 euros, Ames tamén con 9 solicitudes concedidas e 85.348,96 euros, Fisterra con 9 solicitudes concedidas por un total de 73.490,92 euros, e Vimianzo con 7 solicitudes concedidas e un importe en axudas de 58.067,48 euros. Entre as catro suman 75 das 238 solicitudes concedidas para investimentos, o que supón un 31,51%.

En canto a distribución por comarcas, a da Coruña é a que conta cun maior número de solicitudes concedidas, o 24% do total, o que supón 433.518,76 euros en axudas, seguida da comarca de Santiago, cun 15% das solicitudes e 343.103,48 euros en subvencións e das comarca de Ferrol e Fisterra, cun 8% das subvencións concedidas e 119.788,61 euros e 135.597,83 euros, respectivamente.

Lista completa de axudas concedidas (BOP) 

Páxinas suxeridas
Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal ou  realiza unha consulta (formulario)X