Estás en:Emprego Novas

A Deputación da Coruña forma a 30 socorristas

116 persoas concorren ao proceso de selección e o 32% delas son mulleres

Os novos especialistas en salvamento e socorrismo acuático contribúen a paliar a falta de profesionais cualificados coa que se atopan algúns concellos nos últimos anos

O 98% dos socorristas formados pola Deputación en edicións anteriores dos cursos traballan cada verán

A Deputación da Coruña forma a 30 socorristas

Foto (ARQUIVO). Cursos de socorrismo en 2018

Un total de 116 persoas de 44 concellos da provincia presentaron a súa candidatura para optar a unha das 30 prazas dos cursos de capacitación profesional de salvamento e socorrismo acuático que organiza este ano a Deputación da Coruña, en colaboración coa Cruz Vermella.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou a utilidade dos cursos, realizados dentro das actividades do Plan de Emprego Local (PEL), que ademais de facilitar a inserción laboral destas persoas "contribúen en parte a solucionar a falta de profesionais cualificados coa que se atopan algúns concellos nos últimos anos". Nas últimas edicións, o 98% dos socorristas formados cos cursos da Deputación atoparon emprego como mínimo durante os meses de verán.

O 32% das aspirantes deste ano son mulleres e, por comarcas, destacan por número de solicitudes presentadas as de Bergantiños-Costa da Morte (32), Ferrolterra, Eume e Ortegal (34) e A Coruña- Betanzos (29).

Durante esta semana, a Deputación comunicará a data das probas de selección e as persoas admitidas, que deben ser maiores de 18 anos, estar inscritas como demandantes de emprego en concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia da Coruña e reunir os requisitos médicos e de formación especificados nas bases de selección.

Ao presentárense máis persoas candidatas que prazas dispoñibles terase en conta, para establecer a orde de participación destas a información que se obteña como resultado do proceso de entrevistas en canto aos coñecementos e formación previa relacionada con esta área, a experiencia profesional ou en voluntariado, a antigüidade como demandante de emprego, así como os resultados obtidos nas probas físicas determinadas para o acceso á formación, como nadar 200 metros estilo libre nun tempo máximo de 4 minutos e 15 segundos e realizar, sen impulso, 200 metros en apnea. Nesta ocasión, as probas desenvolveranse nas praias da cidade da Coruña, debido ao peche das instalacións deportivas, polo que se organizarán varias quendas nas que se terán en conta o respecto dos protocolos existentes nestes momentos en canto ao número de persoas reunidas.

Está previsto que a formación se inicie a finais de febreiro, programando inicialmente as unidades de competencia teórica, de xeito que a formación práctica poida realizarse en instalacións deportivas homologadas cando se flexibilicen as restricións motivadas pola Covid-19.

Os cursos, que se celebrarán na Coruña en dúas quendas de mañá e tarde, permitirán a un total de 30 persoas obter os certificados de profesionalidade en socorrismo, tanto para espazos acuáticos naturais, na súa primeira fase, como en instalacións deportivas acuáticas, nunha segunda fase. Unha dobre titulación obrigada para traballar nos servizos de salvamento, coa que ademais aumentan as súas oportunidades de traballar durante todo o ano, e non só na tempada de verán.

Páxinas suxeridas
Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X