Estás en:Emprego Novas

As axencias de viaxe poderán optar á próxima convocatoria de axudas de reactivación que prepara a Deputación da Coruña

O Goberno provincial ultima a creación dunha nova liña de axudas directas aos sectores máis afectados pola pandemia similar ao PEL-Reactiva

O presidente e o vicepresidente reuníronse con representantes da Asociación Galega en defensa das axencias de viaxes, que explicaron que moitos negocios están nunha "situación límite"

As axencias de viaxe poderán optar á próxima convocatoria de axudas de reactivación que prepara a  Deputación da Coruña

As axencias de viaxe poderán optar á próxima liña de axudas de reactivación para autónomos e microempresas que xa prepara a Deputación da Coruña e que estará dotada cun mínimo de 12 millóns de euros.

Así llo comunicaron o presidente provincial, Valentín González Formoso, e o vicepresidente e responsable da área de Turismo, Xosé Regueira, ás representantes das Asociación Galega en defensa das axencias de viaxes na reunión que mantiveron nos últimos días. A entidade conta con máis dun centenar de socias, a maioría delas mulleres, que integra a pequenos minoristas, autónomos e micropemes, susceptibles polo tanto de acceder ás axudas directas que a Deputación puxo en marcha con programas como o PEL-Reactiva.

O obxectivo do encontro era coñecer a situación actual e as demandas dun colectivo profesional que, xunto coa hostalaría e o pequeno comercio, é máis afectados polas consecuencias económicas da pandemia, xa que a Covid-19 supuxo "a anulación das viaxes que xa estaban contratadas e a falta de novos contratos durante meses", segundo explicaron as responsables da entidade, que destacaron a necesidade de "axudas urxentes" a un sector que viu diminuída a súa facturación en máis dun 90%, o que pon en risco de quebra a máis de 500 pequenas axencias.

González Formoso e Regueira destacaron que a Deputación, en colaboración cos concellos, destinou o ano pasado 15,5 millóns de euros (máis do 8% do seu orzamento) en axudas directas de entre 1.500 e 3.000 euros para autónomos e microempresas. 12,5 millóns destináronse, en colaboración cos concellos, ao programa PEL-Reactiva para concellos de menos de 50.000 habitantes e outros 3 millóns adicionais foron para complementar os plans de rescate e reactivación das grandes cidades: A Coruña, Ferrol e Santiago de Compostela.

A estas axudas accederon miles de profesionais e pequenos negocios dos sectores máis afectados pola pandemia, entre os que destacan a hostalaría e o comercio local, pero tamén axencias de viaxe.

O Goberno provincial traballa agora nas bases dun novo plan de axudas para 2021 ao que poderán acceder tamén os autónomos e microempresas do sector. 

Páxinas suxeridas
Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal ou  realiza unha consulta (formulario)X