Estás en:Emprego Novas

A Deputación remata as obras do novo coworking da Capela, que se integrará na Rede Provincial de Espazos de Traballo

Valentín González Formoso visitou hoxe o centro e destacou a importancia de que "municipios como A Capela conten con este tipo de equipamentos para fixar poboación no rural, unha aposta estratéxica da Deputación a través do PEL"

O alcalde, Manuel Meizoso, expresou o seu desexo de que "sirva como un impulso económico e demográfico e que a veciñanza se anime e veña aquí a desenvolver as súas iniciativas empresariais"

O centro ocupa o primeiro andar do antigo centro de saúde das Neves. As obras supuxeron un investimento de 72.000 euros e foron financiadas co Plan Único

No pleno provincial de mañá aprobarase un convenio co Concello para desenvolver as actividades de dinamización do novo centro

A Deputación remata as obras do novo coworking da Capela, que se integrará na Rede Provincial de Espazos de Traballo

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou esta mañá o novo coworking da Capela que proximamente entrará en funcionamento e se integrará na Rede Provincial de Espazos de traballo.

Agárdase que este novo equipamento, instalado no primeiro andar do edificio do antigo centro de saúde das Neves, acolla en breve aos seus primeiros emprendedores tras rematar as obras de rehabilitación do espazo, valoradas en 72.000 euros e para as que a Deputación achegou, a través do Plan Único, 58.560.30 euros e o concello asumiu a contía restante de 13.439,97 euros.

O coworking da Capela conta cunha superficie de 178,75 m2 útiles e ten capacidade para acoller a 12 iniciativas empresariais. Este espazo singular, que servirá de xerme de creación e atracción de novas empresas e xerará sinerxias entre elas, conta con todo o equipamento necesario para a posta en marcha de proxectos empresariais. Así mesmo, a zona de traballo divídese en 4 oficinas modulares con mesas, cadeiras, armarios, enchufes e tomas de conexión de banda ancha.

Valentín González Formoso destacou a importancia "de que municipios como A Capela conten con este tipo de equipamentos que permiten reter á xuventude, atraer a novos talentos e fixar poboación, loitando contra o baleirado do rural, unha aposta estratéxica da Deputación da Coruña a través do Plan de Emprego Local. O presidente apuntou que o coworking centrarase especialmente no sector primario nun municipio que conta con gran experiencia nese sector.

Ademais, incidiu en que "o apoio provincial non se vai quedar na rehabilitación do espazo senón que imos involucrarnos, con presenza diaria, para levar a cabo a parte máis importante, que é a da dinamización do coworking e a súa difusión para captar interesados, da Capela e de toda a comarca, que nos consta que xa hai".

Pola súa parte, o alcalde do Concello da Capela, Manuel Meizoso, agradeceu o apoio da Deputación e expresou o seu desexo de que "sirva como un impulso económico e demográfico para A Capela e que os nosos veciños e veciñas e animen e veñan aquí a desenvolver as súas iniciativas empresariais".

Rede Provincial de Espazos de Traballo

O Coworking da Capela súmase deste xeito á Rede Provincial que xa integran o Pazo de Arenaza en Oleiros, o Fórum de Carballo, Transformando en Brión, LabBarbanza de Boiro, A Proa en Ames e o coworking de Moeche, que tamén entrará proximamente en funcionamento.

Os cambios que afectaron no último ano ao xeito de concibir o traballo, así como á evolución das novas tecnoloxías e ao pulo das novas modalidades da economía de carácter social e colaborativo, foi considerado polo concello da Capela como un eixo de futuro a creación, posta en marcha e dinamización dun coworking enmarcado na Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación da Coruña para contribuír así á creación de novas iniciativas económicas ás que se lles prestará un abano de servizos de apoio, seguimento e asistencia técnica xeral para impulsalas e afianzalas no tempo.

A importancia deste programa radica non só na súa natureza de colaboración público-privada e no seu ámbito de actuación nun dos territorios máis castigados polo baleirado do rural, senón sobre todo, por todos os recursos que a través del se poñerán en prol do desenvolvemento e benestar do concello da Capela e da provincia da Coruña en xeral, a través da formación e profesionalización, o fomento do espírito emprendedor, a creación de empresas, a mellora da competitividade, a colaboración interempresarial e a atracción de talento novo foráneo.

A Rede provincial funciona dun xeito eficiente, de maneira que os distintos centros adheridos prestan un servizo eficaz e coordinado non só no concello no que se emprazan, senón tamén en concellos circundantes, ben atendendo aos límites administrativos da comarca, ben atendendo a outros criterios de eficiencia.

Páxinas suxeridas
Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X