Estás en:Emprego Novas

A Deputación reforza con 3 millóns de euros os plans de axudas á hostalaría e comercio local das cidades da Coruña, Ferrol e Santiago

Valentín González Formoso asinou hoxe os convenios con Inés Rey, Ángel Mato e Xosé Sánchez Bugallo

O investimento súmase aos 12,5 millóns do plan provincial PEL-Reactiva, que destina axudas de entre 1.500 e 3.000 euros a miles de autónomos e microempresas dos concellos de menos de 50.000 habitantes

A Deputación destina practicamente o 10% do seu orzamento en axudas a autónomos e microempresas para paliar os efectos da pandemia

Tanto o presidente provincial como a alcaldesa e os alcaldes demandaron un maior compromiso da Xunta de Galicia neste tipo de axudas

A Deputación reforza con 3 millóns de euros os plans de axudas á hostalaría e comercio local das cidades da Coruña, Ferrol e Santiago

Valentín González Formoso, Inés Rey, Xosé Sánchez Bugallo e Ángel Mato asinaron os convenios, que contemplan unha achega de 3 millóns de euros

A Deputación da Coruña destina 3 millóns de euros a reforzar os plans de axudas a hostalaría e comercio local das cidades da Coruña, Ferrol e Santiago.

O presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, formalizou hoxe con Inés Rey, Ángel Mato e Xosé Sánchez Bugallo, rexedores das tres grandes cidades da provincia, os convenios polos que a Deputación suplementará cun total de 3 millóns de euros os fondos do PRESCO da Coruña, o Plan de Reactivación de Santiago e o PAME de Ferrol, todos eles programas municipais deseñados para amortecer as consecuencias económicas da COVID-19 entre os sectores máis prexudicados pola pandemia. No acto estiveron tamén presentes o vicepresidente do Goberno provincial, Xosé Regueira, e o deputado responsable da área de Emprego, José Ramón Rioboo.

A través dos acordos subscritos hoxe, a cidade da Coruña recibirá 1,2 millóns de euros para reforzar o PRESCO, que coa achega provincial pasa de 13,2 a 14,4 millóns de euros; Santiago suma un millón de euros ao seu Plan de Reactivación, que alcanza os 3,5 millóns de euros, e Ferrol reforza o seu PAME con 800.000 euros de fondos provinciais, alcanzado os 1,8 millóns nesta edición, que se suman aos dous millóns xa concedidos.

González Formoso destacou o "firme compromiso" demostrado no último ano polo mundo municipal para facer fronte aos devastadores efectos da pandemia. "Durante esta crise, Deputación e concellos estamos a centrar todos os recursos no ámbito social e do emprego para apoiar aos que máis nos necesitan",afirmou o presidente da Deputación.

"A resposta das tres grandes cidades da provincia para paliar o impacto que está a ter a crise sanitaria de xeito directo nun sector como é o da hostalería foi inmediata e desde a Deputación, a través destes convenios, o que quixemos foi reforzar esa aposta que eles fixeron", explicou o presidente provincial.

Incidiu ademais en que "o noso compromiso coa hostalería e o comercio é claro pero nunca é suficiente e por iso imos seguir dando este apoio sempre de forma coordinada coas entidades locais, que son as que reciben o impacto, as queixas e as necesidades deste sector nos seus concellos".

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, subliñou que "os motores do sector hostaleiro na provincia están nas tres grandes cidades e toda a axuda que lles podamos prestar é pouca".

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, agradeceu que a Deputación e o seu presidente sexan "consciente das necesidades que teñen estes sectores no eido local e dos esforzos orzamentarios que están a facer os distintos concellos para saír adiante".

A rexedora coincidiu en definir este convenio como "unha boa nova para o sector, temos que seguir traballando porque esta crise aínda non rematou pero enviamos a mensaxe de que a administración local está sempre ao lado dos sectores que máis o necesitan e que hai que traballar para saír xuntos desta crise económica".

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, lembrou que "os concellos, sexa a nosa competencia ou non, volcámonos cos sectores afectados e é de agradecer o apoio e o acubillo da Deputación" e avisou de que "temos que ir pensando en plans para a adaptación do comercio e hostalaría para despegar nun escenario no que están carentes de recursos".

Pola súa banda, Ángel Mato, alcalde de Ferrol, quixo incidir en que "o esforzo que estamos a facer a concellos é enorme, que se ve agora reforzado coa sinatura deste convenio por parte da Deputación, consciente das necesidades que tíñamos tamén nas cidades de facerlle fronte a esta problemática".

Demanda dun maior compromiso por parte da Xunta

Tanto o presidente provincial como os tres rexedores demandaron un maior compromiso por parte da Xunta de Galicia para executar este tipo de axudas directas á hostalería e o comercio local.

González Formoso subliñou que "nós estamos a destinar practicamente o 10% do orzamento provincial, unha porcentaxe maior do que destinan para este fin outras administracións con maior orzamento" e Inés Rey lembrou que desde o inicio da pandemia "as administracións locais estamos a asumir competencias impropias porque a poboación esixe a nosa implicación e oxalá que a Xunta de Galicia fixera ese mesmo esforzo".

Pola súa banda, Ángel Mato expresou o seu malestar porque "os cartos que chegaron do Estado para as Comunidades Autónomas neste eido non chegan a quen máis o necesitan que son os negocios".

12,5 millóns para autónomos e microempresas dos concellos de menos de 50.000 habitantes

Estes 3 millóns de euros súmanse aos 12,5 millóns do plan PEL-REACTIVA que a Deputación, en colaboración cos concellos coruñeses de menos de 50.000 habitantes, ten en marcha para apoiar aos autónomos e pequenos negocios locais afectados pola Covid-19. Isto supón destinar practicamente o 10% do orzamento provincial para axudas a autónomos e microempresas.

Durante os últimos meses, os municipios están a resolver as solicitudes do programa, con miles de axudas que oscilan entre os 1.500 e os 3.000 euros. Un total de 80 concellos, o 91% do total, xa resolveron a concesión provisional ou definitiva das axudas do PEL-Reativa, mentres que 8 municipios (un 9%) están aínda en proceso de resolución

Páxinas suxeridas
Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X