Estás en:Emprego Novas

A Deputación destina 9 millóns de euros a unha liña de axudas dirixida á hostalaría e axencias de viaxes

O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe as bases desta nova liña de axudas, destinada aos negocios dos sectores da hostalaría e turismo dos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia

Valentín González Formoso mantivo unha reunión coa Asociación Hostalería Federada de Galicia para coñecer de primeira man as necesidades do sector

Estas subvencións súmanse aos 15,5 millóns de euros xa concedidos a través do Fondo de Financiamento para a reactivación socioeconómica de PEL-Reactiva

A Deputación destina 9 millóns de euros a unha liña de axudas dirixida á hostalaría e axencias de viaxes

A Deputación da Coruña destina 9 millóns de euros ao programa PEL-Reactiva Hostalería, dirixido a dar apoio á hostalería, turismo e ás axencias de viaxes da provincia, os sectores máis afectados pola crise xerada pola pandemia da COVID-19.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o deputado responsable da área de Emprego da institución provincial, José Ramón Rioboo, reuníronse con representantes da asociación Hostalería Federada de Galicia (HOSFEGA), un encontro ao que asistiron Antonio Fernández, Lois Lopes e Quín Riveiro. González Formoso sinalou nesta reunión que as axudas se enmarcarán dentro do Plan de Emprego Local (PEL) provincial e súmanse aos 15,5 millóns de euros xa concedidos ao abeiro do Fondo PEL-Reactiva, a través do que o ente provincial e os concellos coruñeses apoian a miles de persoas autónomas e pequenos negocios locais afectados pola crise derivada da situación sanitaria nos 93 concellos da provincia da Coruña.

"Este novo plan de axuda conta cun orzamento de 9 millóns de euros para manter a actividade económica e o emprego sectores fundamentais na economía da provincia e de Galicia, como o da hostalaría, que tiveron que pechar de xeito prolongado e contaron con menos oportunidades de retomar o seu traballo", sinalou González Formoso. "As administracións públicas debemos estar ao carón das persoas traballadoras e do tecido empresarial, composto na meirande parte por microempresas e autónomos e autónomas, non podemos deixar a ninguén atrás nesta crise", apuntou.

As bases do PEL-Reactiva Hostalería publícanse hoxe no Boletín Oficial da Provincia (BOP). O programa está dirixido a persoas traballadoras por conta propia ou autónomas e microempresas dos concellos de menos de 50.000 habitantes que non resultaran beneficiarias das axudas PEL-Reactiva Fondo de Financiamento para a Reactivación Económica e Social da Provincia da Coruña. As axudas serán de 1.500 euros por beneficiario/a.

O prazo para solicitar as axudas abrirá o 3 de maio de 2021 ás 08:00 horas e permanecerá aberto ata o esgotamento do crédito. As solicitudes poderán presentarse por vía telemática a través da plataforma SUBTeL da Deputación https://sede.dacoruna.gal/

Páxinas suxeridas
Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X