Estás en:Emprego Novas

O Plan de emprego quintuplica os recursos que a Deputación destina ao fomento do emprego en Sada

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou esta mañá os concellos de Sada e Arteixo, nos que os distintos plans de investimentos provinciais están a financiar, en cooperación con ambos municipios, novas infraestruturas "que contribúen a mellorar a calidade de vida dos veciños".
González Formoso, acompañado do deputado José Manuel Pequeño, e de varios técnicos do Servizo de Vías e Obras da Deputación, visitou a primeira hora da mañá o Concello de Sada, onde foi recibido no Salón de Plenos municipal polo alcalde, Benito Portela, e polos membros da corporación sadense.

O Plan de emprego quintuplica os recursos que a Deputación destina ao fomento do emprego en Sada

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou esta mañá os concellos de Sada e Arteixo, nos que os distintos plans de investimentos provinciais están a financiar, en cooperación con ambos municipios, novas infraestruturas "que contribúen a mellorar a calidade de vida dos veciños".
González Formoso, acompañado do deputado José Manuel Pequeño, e de varios técnicos do servizo de Vías e Obras da Deputación, visitou a primeira hora da mañá o Concello de Sada, onde foi recibido no Salón de Plenos municipal polo alcalde, Benito Portela, e polos membros da corporación sadense.
Portela lembrou que se trata da segunda visita do presidente ao municipio, tras a realizada o pasado 31 de marzo, o día despois das inundacións que asolagaron o centro do municipio. "Valentín soubo estar cos veciños de Sada nun momento moi complicado e agradecémosllo e témosllo en conta", afirmou o rexedor sadense, que apuntou tamén que o goberno local formulará certos proxectos ás diferentes administracións, co obxecto de atender "a prioridade" que supón evitar que estes sucesos volten a repetirse.
O presidente provincial apuntou que os diferentes plans provinciais supuxeron no último ano para Sada unha inxección económica de preto dun millón de euros, a través de programas provinciais como o POS, o PAS, o PAI, o Plan de medioambiente ou o Plan de emprego.
Uns investimentos que se materializarán en obras como a pavimentación das rúas do Río e da Obra, o saneamento do lugar de Lamela (Carnoedo), a reordenación do tráfico ciclista no paseo marítimo ou a mellora de camiños municipais na parroquia de Soñeiro, todas elas obras financiadas con cargo ao Plan de Acción Social da Deputación, do que Sada recibe 749.000 euros.
Outros programas como o POS financiarán a mellora da accesibilidade ao campo de fútbol de As Mariñas e de parques infantís do municipio, como o de Souto, mentres que o Plan de aforro e investimento (PAI) permitiralle ao concello sadense renovar o seu parque móbil e a adquirir nova maquinaria.
"Son investimentos que se plasman en obras concretas e que contribúen a mellorar a calidade de vida dos veciños", afirmou González Formoso, que subliñou ademais que con esta forma de distribución obxectiva de fondos permítelles aos concellos establecer as súas prioridades á hora de programar os investimentos e axudan tamén ao mantemento do emprego, ao xerar actividade.
Neste sentido, apuntou que Sada é un dos concellos máis beneficiados polo novo Plan de emprego local (PEL), que por primeira vez ten en conta a taxa de paro do municipio en lugar de atender exclusivamente a un criterio de poboación á hora de destinar fondos para o fomento do emprego
Así, o municipio sadense pasa dos 11.400 euros que lle correspondían o ano pasado aos 52.000 de 2016, quintuplicando os recursos, o que lle permitirá contratar máis persoal durante máis tempo para mellorar os servizos públicos.
Máis de medio millón de euros en mellora de estradas
Tras a recepción oficial no Concello, o presidente provincial, o alcalde e o deputado de Vías e Obras visitaron as obras, xa practicamente rematadas, de construción dunha senda peonil na DP 7504 de Castelo a Carnoedo, nas que a Deputación investiu 320.000 euros, e que contribúe a mellorar a seguridade dos peóns nun tramo moi transitado duns dous quilómetros de lonxitude.
Posteriormente, a comitiva desprazouse ata Meirás, onde supervisaron as obras da estrada provincial DP 5812, que conecta con Santa Cruz (Oleiros), onde se efectuaron traballos de pavimentación nunha superficie de máis de 14.000 metros cadrados de estrada nos dous primeiros quilómetros do vial, pertencentes ao termo municipal de Sada, nunha senda peonil, xa no termo municipal oleirense.
Visita a Arteixo
González Formoso desprazouse despois ata o Concello de Arteixo, onde foi recibido polo alcalde, Carlos Calvelo, e por membros da corporación local.
Calvelo deu a benvida a Arteixo ao presidente e percorreu con el os distintos departamentos do concello, antes de participar nunha reunión na que ambos mandatarios repasaron algúns dos principais investimentos da institución provincial no municipio.
Na localidade arteixá, os plans da Deputación recollen investimentos por importe de máis de 1,3 millóns de euros, que o Concello destinará a cuestións como a dotación de herba artificial ao campo de fútbol de Os Brozos, a cuberta do campo da festa de Arteixo ou a renovación da rede de auga potable da travesía de Meicende, cunha achega provincial de 550.000 euros.
Calvelo e Formoso falaron tamén verbo dos compromisos de investimento da Deputación no polígono de Sabón, onde a institución provincial aprobou xa obras de mellora por importe de 1,3 millóns de euros, entre as que se inclúen a substitución de antigas luminarias por leds, o cambio de equipos de bombeo e a mellora da captación do encoro de Rosadoiro.
A posibilidade de transferirlle ao concello arteixán determinados tramos de estradas de ámbito urbano foi outro dos asuntos abordados no encontro, unha cuestión que se analizará máis polo miúdo en futuras reunións a nivel técnico.

Páxinas suxeridas
Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal ou  realiza unha consulta (formulario)X