Páxinas
Novas

Novas

Image Slider
Os cursos serán gratuítos para os participantes e contribuirán a paliar a falta de profesionais no sector, que o pasado verán provocou o aumento dos afogamentos e a retirada de bandeiras azuis nas praias da provincia
Páxinas suxeridas
A institución provincial licita, por 129.000 euros, os servizos de impartición dos cursos que terán lugar na Coruña, Santiago e Ferrol

A Deputación ofertará 90 prazas de formación en socorrismo acuático para persoas desempregadas

27 de Decembro de 2016

A Deputación da Coruña saca a licitación, por un importe máximo de 129.000 euros, os servizos de impartición de cursos de formación en socorrismo acuático dirixidos a persoas desempregadas.

Os cursos serán totalmente gratuítos e estarán abertos para os habitantes de todos os concellos da provincia en tres sedes : A Coruña, Santiago e Ferrol, acollendo en cada unha aos participantes dos municipios máis próximos.

En cada zona, impartiranse dúas formacións, unha de especialidade en espazos acuáticos naturais e outra en instalacións acuáticas, cuxos custos de 22.500 euros e 20.500 euros respectivamente asume integramente a Deputación. En total, a institución provincial destina 43.000 euros a cada unha das zonas para que se impartan os cursos de socorrismo.

Estas formacións permitirán o acceso directo aos certificados de profesionalidade AFDP0109 Socorrismo en Instalacións Acuáticas e AFPD0209 Socorrismo en Espazos Acuáticos Naturais, con carácter oficial e validez en todo o territorio nacional.

O número de asistentes será dun máximo de 15 persoas por edición, polo que as prazas ofertadas ascenden a 90 en toda a provincia. Os beneficiarios serán designados polo equipo técnico do proxecto de entre as persoas que resulten admitidas nos procesos de captación e selección realizados nos municipios.

Co obxectivo de chegar ao maior número de usuarios posibles e facilitar a súa asistencia ás clases, poderán ser consideradas diversas opcións de flexibilización das accións formativas, coma horarios adaptados ou a validación dalgúns dos módulos formativos. Así mesmo, fomentarase a participación en ambas as dúas especialidades nun período de tempo relativamente curto, coa corresponde obtención de dous certificados de profesionalidade.

Co desenvolvemento destas accións formativas, incluídas no proxecto Rede Xiana 2, a Deputación pretende mellorar os niveis de empregabilidade dos demandantes de emprego na provincia, aumentando o seu nivel formativo.

Ademais, esperase que os profesionais formados nestes cursos contribúan a solucionar a falta de socorristas nas praias galegas durante os períodos estivais. Estas carencias xa supuxeron graves problemas durante o pasado verán, coma o aumento dos afogamentos ou a retirada da bandeira azul a varias praias da provincia, que non conseguiron contar co servizo de vixilancia axeitado.