Páxinas
Novas

Novas

Image Slider
46 empresas con menos dun ano de traxectoria aspiran ao premio a novas iniciativas empresariais, e 24 empresas optan ao galardón á empresa consolidada, con máis de cinco anos de experiencia
Páxinas suxeridas
A maioría das empresas que aspiran ao premio están radicadas na cidade da Coruña (24), seguida por Santiago de Compostela (9), Ferrol (5), Sada (4), Oleiros (4) Ames (3), Arteixo (2) e Narón (2)

70 empresas coruñesas optan ao I Premio provincial á mellor iniciativa empresarial, convocado pola Deputación

11 de Xaneiro de 2017

Un total de 70 empresas coruñesas optan ao I premio á mellor iniciativa empresarial, convocado pola Deputación da Coruña no marco das accións de apoio ao emprendemento que recolle o Plan de emprego local (PEL) 2016-2019. O prazo de presentación das candidaturas rematou o pasado 30 de decembro.

Segundo explicou o presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, o galardón "pretende recoñecer e promocionar o traballo realizado polas pequenas empresas, autónomos e emprendedores comprometidos co desenvolvemento da provincia da Coruña, así como alentar o espírito emprendedor e contribuír ao crecemento destas iniciativas empresariais", cun premio de 50.000 euros, que se dividirá en dúas categorías.

A primeira categoría (25.000 euros) está destinada a novas iniciativas empresariais, cunha traxectoria de menos de doce meses dende o inicio da súa actividade. Nesta modalidade concorren un total de 46 empresas. Na segunda modalidade do galardón, tamén cunha dotación de 25.000 euros, participan 24 empresas e recoñecerase á mellor iniciativa empresarial consolidada, con máis de cinco anos de experiencia.

Atendendo ao tipo de negocio, a maioría das participantes son microempresas (64,29%), empresas con menos de 10 traballadores e cuxo volume de negocio anual non supera os dous millóns de euros. Dentro das microempresas, o empresariado individual (autónomos) supón preto do 30%. A porcentaxe restante das empresas candidatas corresponde a pequenas e medianas empresas.

Por localidades, a maioría das empresas que aspiran ao premio teñen o seu domicilio fiscal na cidade da Coruña (24), seguida por Santiago de Compostela (9), Ferrol (5), Sada (4), Oleiros (4) Ames (3), Arteixo (2) e Narón (2). Tamén concorren ao galardón iniciativas empresariais de Negreira, Pontedeume, Noia, Padrón, O Pino, As Pontes, Vilarmaior, Cerdido, Bergondo, Fene, Monfero, Oroso, Carral, Cee, Ribeira, Abegondo e Brión

Os ámbitos de actividade das empresas son moi variados destacando as empresas relacionadas coa aplicación das novas tecnoloxías da información e a comunicación e as dos sectores turístico, do transporte e do comercio, así como empresas especializadas do sector alimentario, en especial na produción e comercialización de produtos ecolóxicos. En menor medida, concorren tamén a este primeiro premio provincial empresas do sector téxtil, metalúrxico, da construción, sanidade e servizos sociais.

Xurado e criterios de concesión do premio

Para a selección das candidaturas gañadoras, establecerase unha comisión de expertos que estará presidida polo presidente da Deputación ou a persoa na que delegue e formada por persoas de diferentes ámbitos relacionados co mundo da empresa, representantes das cámaras de comercio e universidades da provincia e das asociacións de emprendedores.

Entre os criterios que se terán en conta para a concesión do premio figuran cuestións como o grao de innovación, a creatividade da idea de negocio, a creación de postos de traballo, a estratexia comercial e perspectivas de crecemento, no caso das empresas con menos de 12 meses de existencia e crecemento en facturación e en demanda de servizos, capacidade de expansión e internacionalización, grao de innovación, boas prácticas de xestión empresarial e políticas de responsabilidade social corporativa, presenza feminina na empresa e axuda a novos proxectos emprendedores no caso das empresas consolidadas con máis de cinco anos de traxectoria.

A Deputación espera facer público o fallo deste I premio á mellor iniciativa empresarial coruñesa durante o primeiro trimestre de 2017.