Páxinas
Novas

Novas

Image Slider
A liña PEL-PEMES subvencionará durante un ano o 75% dos custes laborais da contratación de máis de 200 persoas noutras tantas empresas da provincia
Páxinas suxeridas
A partir de mañá venres ata o 3 de marzo, PEME, microempresas e emprendedores coruñeses poden solicitar as novas axudas da Deputación

A Deputación da Coruña abre o prazo de solicitudes para as axudas do Plan de Emprego destinadas a PEME e emprendedores

26 de Xaneiro de 2017

O BOP publica hoxe xoves, 26 de xaneiro, as convocatorias oficiais das novas liñas do Plan de Emprego Local (PEL) destinadas a incentivar a contratación para a ampliación do cadro de persoal en pequenas e medianas empresas (PEL PEME) e de axudas ao fomento da iniciativa empresarial entre mozos emprendedores (PEL EMPRENDE) da provincia da Coruña, dotadas cun orzamento global de 4,5 millóns de euros.

A partir de mañá venres e ata o día 3 de marzo ás 14.00 horas, os interesados poden presentar as súas solicitudes de forma telemática a través do portal de subvencións da Deputación da Coruña (SUBTEL), accesible dende a sede electrónica da institución provincial (sede.dacoruna.gal).

PEL PEME bonifica o 75% das novas contratacións

A liñas PEL PEME, cun orzamento de 3 millóns de euros, subvencionará durante un período dun ano o 75% dos custes laborais, incluídas as cotas da Seguridade Social, da contratación de novo persoal nas pequenas e medianas empresas que teñen o seu domicilio fiscal en calquera dos 82 concellos de menos 20.000 habitantes da provincia da Coruña. Como máximo poderase contratar a unha persoa por empresa.

Segundo explicou o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, a través desta nova liña de subvencións á contratación en PEME, a institución provincial trázase como obxectivo facilitar a creación de máis de 200 novos empregos na provincia. "Nun marco de reactivación económica e redución progresiva do desemprego, agardamos que moitas destas persoas axuden a medrar ás pequenas empresas coruñesas e poidan continuar no seu cadro de persoal  cando remate o ano durante o que a Deputación subvencionará os seus salarios", apuntou o presidente.

As persoas que se van contratar deberán cumprir unha serie de requisitos, como estar empadroadas en calquera dos municipios da provincia da Coruña, estar en situación de desemprego e inscritas nos servizos públicos de emprego antes da convocatoria, non manter relación laboral coa empresa beneficiaria da subvención nos tres meses anteriores ou non ter relación de parentesco coa persoa empregadora.

Entre os criterios que se terán en conta para a concesión destas axudas están, entre outros: a duración do contrato e perspectivas de continuidade do traballador, o perfil profesional da persoa que se vai contratar, o número de traballadores actuais da empresa ou o concello onde se sitúe, tendo máis puntos os municipios máis pequenos, co obxectivo de axudar á dinamización económica dos concellos rurais.

PEL- EMPRENDE, axudas de ata 20.000 euros para impulsar os negocios dos mozos emprendedores

O BOP publica tamén hoxe a convocatoria oficial da nova liña PEL EMPRENDE, dotada cun orzamento de 1.480.000 euros e destinada a mozos e mozas de entre 25 e 35 anos, empadroados en calquera dos 93 concellos da provincia da Coruña, que promovan iniciativas empresariais de nova creación.

Segundo explicou González Formoso, a finalidade destas axudas é apoiar aos mozos emprendedores no impulso á súa idea de negocio a través de subvencións destinadas ao investimento en bens inventariables novos e necesarios para a realización da súa actividade empresarial, tales como maquinaria, aplicacións informáticas, mobiliario ou equipos e útiles de traballo. As axudas cubrirán investimentos de ata 40.000 euros (IVE excluído), dos cales o 50% (20.000 euros) poderá ser subvencionado pola Deputación.

Con esta liña do PEL, o Goberno provincial estima poder axudar a máis de 100 emprendedores da provincia a pór en marcha o seu negocio.

Para a valoración das solicitudes de subvencións do PEL-EMPRENDE, a Deputación terá en conta, entre outros aspectos, o carácter innovador da empresa, o número de traballadores, o seu sector profesional, dando maior puntuación ás iniciativas empresariais relacionadas co ámbito do medio, as enerxías renovables e as empresas de base tecnolóxica; así como aquelas que apliquen medidas de responsabilidade social empresarial, como medidas de conciliación da vida laboral e familiar dos traballadores, fomento da igualdade de xénero ou inserción laboral de persoas con discapacidade.

Pódese obter máis información na web da Deputación (www.dacoruna.gal) e na web do PEL www.emprego.dacoruna.gal.