Páxinas
Novas

Novas

Image Slider
A Cruz Vermella impartirá os cursos oficiais na Coruña e a Federación de Salvamento de Galicia encargarase dos de Santiago e Ferrol
Páxinas suxeridas
González Formoso, manifestou a intención do goberno provincial de que os cursos, de carácter gratuíto, “ademais de facilitar a formación e inserción laboral de 90 persoas desempregadas, contribúan a solucionar, en parte, a falta de socorristas nas praias

A Deputación contrata a formación de 90 socorristas na Coruña, Ferrol e Santiago

03 de Febreiro de 2017

A Deputación da Coruña vén de adxudicar, por un total de 110.000 euros, os servizos de impartición de cursos de formación en socorrismo acuático á Cruz Roja Española e á Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia.

A sede da institución provincial acolleu esta mañá a sinatura dos contratos con ambas as dúas entidades para a realización dos cursos, dirixidos a persoas desempregadas de todos os concellos da provincia, que terán lugar en tres sedes: A Coruña, Santiago e Ferrol, acollendo en cada unha aos participantes dos municipios máis próximos.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, manifestou a intención do goberno provincial de que os cursos, de carácter gratuíto, "ademais de facilitar a formación e inserción laboral de 90 persoas desempregadas da provincia, contribúan a solucionar, en parte, a falta de socorristas nas praias galegas durante os períodos estivais". Estas carencias xa supuxeron graves problemas durante o pasado verán, como o aumento dos afogamentos ou a retirada da bandeira azul a varias praias da provincia, que non conseguiron contar co servizo de vixilancia axeitado por falta de profesionais cualificados.

Os cursos comezarán en marzo

A Cruz Vermella Española será a encargada de impartir os cursos na Coruña, nos que a Deputación inviste 40.000 euros e que comezarán a principios do mes de marzo na Casa da Auga da Coruña. Doutra banda, á Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia adxudicáronselle os cursos en Santiago e Ferrol, cun custe de 35.000 euros cada un.

En cada unha destas cidades, impartiranse dúas formacións, unha de especialidade en espazos acuáticos naturais e outra en instalacións acuáticas, que permitirán o acceso directo aos certificados de profesionalidade AFDP0109 Socorrismo en Instalacións Acuáticas e AFPD0209 Socorrismo en Espazos Acuáticos Naturais, con carácter oficial e validez en todo o territorio nacional.

O número de asistentes será dun máximo de 15 persoas por edición, polo que as prazas ofertadas ascenden a 90 en toda a provincia. Os beneficiarios serán designados polo equipo técnico do proxecto de entre as persoas que resulten admitidas nos procesos de selección realizados nos municipios.

Co obxectivo de chegar ao maior número de usuarios posibles e facilitar a súa asistencia ás clases, poderán ser consideradas diversas opcións de flexibilización das accións formativas, coma horarios adaptados ou a validación dalgúns dos módulos formativos. Así mesmo, fomentarase a participación en ambas as dúas especialidades nun período de tempo relativamente curto, coa corresponde obtención de dous certificados de profesionalidade.

Co desenvolvemento destas accións formativas, incluídas no proxecto Rede Xiana 2, a Deputación pretende mellorar os niveis de empregabilidade dos demandantes de emprego na provincia, aumentando o seu nivel formativo.