Páxinas
Novas

Novas

Image Slider
A Asociación Seara acolleu a presentación das novas liñas do PEL
Páxinas suxeridas
A liña PEL-PEMES subvenciona o 75% dos custes salariais das novas contratacións para PEME e autónomos dos concellos de menos de 20.000 habitantes

González Formoso presenta nas Pontes as novas axudas da Deputación para contratar persoal e crear empresas na provincia

23 de Febreiro de 2017

O presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, presentou esta tarde na sede da Asociación de Empresarios Usuarios de Solo Industrial da localidade (Seara) as novas liñas de subvención PEL-PEME e PEL-EMPRENDE, incluídas dentro do Plan de Emprego Local (PEL) impulsado polo goberno provincial e destinadas a apoiar ás pequenas empresas, autónomos e emprendedores da provincia na contratación de novo persoal e na posta en marcha de proxectos emprendedores.

Ante representes das empresas que integran a asociación e emprendedores e autónomos do municipio, González Formoso debullou as diferentes liñas de axudas, que xa se poden solicitar a través da páxina web emprego.dacoruna.gal.

"Coa activación destas novas liñas do PEL, esperamos facilitar a creación de máis de 200 novos postos de traballo na provincia e axudar a uns 100 emprendedores da provincia a pór en marcha o seu negocio", afirmou o presidente provincial e destacou o grande esforzo investidor que supón este plan, no que se multiplicaron por seis os recursos destinados ao emprego, ata alcanzar a cifra récord de 9 millóns de euros no 2017.

As novas subvencións dos programas PEL-PEME e PEL-EMPRENDE súmanse á liña PEL-CONCELLOS, xa en funcionamento dende 2016, e que permitiu, no seu primeiro ano de funcionamento, a inserción laboral de 519 persoas nos concellos da provincia.

3 millóns de euros para impulsar as contratacións nas PEME

Segundo explicou o presidente da Deputación, trátase da primeira vez que a institución provincial apoia as empresas e autónomos da provincia na contratación de novo persoal.

Todas as pequenas e medianas empresas e os autónomos con domicilio fiscal en calquera dos 82 concellos de menos 20.000 habitantes da provincia, entre os que se atopa As Pontes, poderán beneficiarse da liña PEL-PEME, dotada cun total de 3 millóns de euros.

Estas axudas cobren o 75% dos custes salariais totais de cada nova contratación, incluídas as cotas á Seguridade Social, por un período mínimo dun ano. Como máximo poderase contratar a unha persoa por empresa.

O presidente provincial explicou que serán as propias empresas as que seleccionen os perfís e que as persoas que se han contratar deberán cumprir unha serie de requisitos, como estar empadroadas en calquera dos 93 municipios da provincia da Coruña, estar en situación de desemprego e inscritas nos servizos públicos de emprego, non manter relación laboral coa empresa beneficiaria da subvención nos tres meses anteriores ou non ter relación de parentesco coa persoa empregadora.

Entre os criterios que se terán en conta para a concesión destas axudas están, entre outros: a duración do contrato e perspectivas de continuidade do traballador ao remate da subvención, o perfil profesional da persoa a contratar, o número de traballadores actuais da empresa ou o concello onde se sitúe.

Ata 20.000 € para apoiar a mocidade emprendedora

Valentín González Formoso presentou tamén a nova liña de subvencións do PEL-EMPRENDE, coa que se pretende apoiar aos mozos e mozas emprendedores de entre 25 e 35 anos e empadroados nos concellos da provincia da Coruña na posta en marcha da súa idea de negocio, ou no afianzamento de empresas de nova creación.

Segundo explicou o presidente provincial, estas subvencións están destinadas ao investimento en bens inventariables novos e necesarios para a realización da súa actividade empresarial, tales como maquinaria, equipos e aplicacións informáticas, mobiliario e útiles de traballo. As axudas cubrirán investimentos de ata 40.000 euros (IVE excluído), dos cales o 50% (20.000 euros) poderá ser subvencionado pola Deputación.

González Formoso apuntou que esta liña, dotada con 1.480.000 euros, "esixe un grande esforzo por parte da Deputación", pero contribuirá a consolidar o tecido emprendedor da provincia "con novos proxectos que empezan de xeito moi modesto, pero que nuns anos poden chegar a consolidarse e ser referencia no seu sector", afirmou.

Para a valoración das solicitudes á liña de subvencións do PEL-EMPRENDE, a Deputación terá en conta, entre outros aspectos, o carácter innovador da empresa, o número de traballadores, o seu sector profesional, dando maior puntuación ás iniciativas empresariais relacionadas co ámbito do medio ambiente, as enerxías renovables e as empresas de base tecnolóxica; así como aquelas que apliquen medidas de responsabilidade social empresarial, como conciliación da vida laboral e familiar dos traballadores, fomento da igualdade de xénero ou inserción laboral de persoas con discapacidade.

O prazo das solicitudes de ambas as dúas convocatorias está aberto ata o 3 de marzo.

Pódese obter máis información na web emprego.dacoruna.gal