Páxinas
Novas

Novas

Image Slider
O presidente provincial destacou que a acción formativa pretende “facilitar a inserción laboral” e “solventar a falta de socorristas nas praias galegas durante o período estival”
Páxinas suxeridas
A Cruz Vermella forma na Casa da Auga da Coruña a 15 persoas en situación de desemprego dos concellos de Arteixo, Betanzos, Cambre, Carballo, Coristanco, Culleredo, Curtis, Oleiros, Ordes, Santiso e Trazo

González Formoso inaugura o curso de socorrismo financiado pola Deputación

16 de Marzo de 2017

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, inaugurou hoxe xunto coa presidenta provincial da Cruz Vermella, Mercedes Casanova, o curso de socorrismo financiado pola institución provincial, no que se formarán 15 persoas en situación de desemprego da comarca da Coruña.

González Formoso explicou que, co desenvolvemento destas accións formativas, "a Deputación quere facilitar a inserción laboral das persoas desempregadas da provincia", aumentando o seu nivel formativo e a capacitación profesional.

Neste sentido, o presidente provincial enmarcou a acción formativa na estratexia de impulso ao emprego, que a Deputación desenvolve a través do Plan de Emprego Local (PEL), no que se multiplicaron por seis os recursos destinados a esta área, ata alcanzar a cifra récord de 9 millóns de euros no 2017.

Pola súa parte, Mercedes Casanova recordou que "Cruz Vermella é un referente na formación de este ámbito e que, dende o ano 2013, participaron nestes cursos un total de 120 persoas".

Ademais, González Formoso afirmou que outro dos obxectivos é que "os profesionais formados nestes cursos contribúan a solucionar en parte a falta de socorristas nas praias galegas durante os períodos estivais". En palabras de Mercedes Casanova, "co obxectivo ademais de seguir mellorando a seguridade nas nosas praias e piscinas".

Estas carencias xa supuxeron graves problemas durante o pasado verán, coma o aumento dos afogamentos ou a retirada da bandeira azul a varias praias da provincia, que non conseguiron contar co servizo de vixilancia axeitado por falta de profesionais adecuados.

110.000 euros para formar a 45 novos socorristas

A Deputación inviste 40.000 euros neste curso que imparte a Cruz Vermella dende o pasado 6 de marzo. Así mesmo, realizaranse cursos similares noutras dúas sedes, Santiago e Ferrol, acollendo en cada unha aos participantes dos municipios máis próximos. En total, o investimento provincial ascende a 110.000 euros para facilitar o acceso a estas accións formativas a 45 persoas, de maneira totalmente gratuíta.

Un centenar de persoas participaron no proceso de selección do alumnado. Todos os aspirantes, xunto co cumprimento dos requisitos académicos e de idade, tiveron que superar unha proba física combinada de 20 metros de apnea sen impulso e nado de 2.000 metros en menos de 4 minutos e 15 segundos.

Na comarca da Coruña foron seleccionadas 15 persoas, procedentes dos concellos de Arteixo, Betanzos, Cambre, Carballo, Coristanco, Culleredo, Curtis, Oleiros, Ordes, Santiso e Trazo.

O curso desenvolverase ata o mes de xuño, incluíndo clases teóricas nas instalacións da Cruz Vermella na Coruña e formación práctica tanto na Casa da Auga coma nas praias da cidade. Unha vez finalizadas estas clases, os participantes realizarán prácticas profesionais en praias dos concellos da provincia.

A formación permitirá a obtención do certificado de profesionalidade AFPD0209 Socorrismo en Espazos Acuáticos Naturais, indispensable para poder exercer esta profesión en Galicia dende o cambio de normativa do ano 2012. O curso consta de máis de 600 horas de formación en prevención de accidentes acuáticos, rescate, extracción e traslado de persoas accidentadas, así como destrezas básicas no medio acuático e técnicas específicas de nado.

Os certificados estarán acreditados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria con validez para todo o territorio nacional e a Unión Europea, e os participantes obterán tamén a titulación necesaria para o manexo dos desfibriladores semiautomáticos, con acreditación da Consellería de Sanidade.

Así mesmo, a partir do mes de outubro todo o alumnado volverá ás aulas para obter outra formación específica de acceso directo ao certificado AFDP0109 Socorrismo en Instalacións Acuáticas. Este curso permitirá aumentar as opcións laborais máis aló da tempada estival, habilitando aos profesionais para traballar en todo tipo de instalacións deportivas acuáticas.