Páxinas
Novas

Novas

Image Slider
González Formoso destaca o “éxito da convocatoria”, que permitirá “cumprir con creces os obxectivos do goberno provincial” e plantexa a posibilidade de seguir incrementando os fondos destinados a emprego
Páxinas suxeridas
623 empresas e autónomos optan á liña PEL-PEMES, que subvenciona o 75% das novas contratacións nos concellos de menos de 20.000 habitantes

854 pemes, autónomos e emprendedores da provincia da Coruña optan ás axudas do Plan de emprego da Deputación

17 de Marzo de 2017

Un total de 854 peme, autónomos e emprendedores da provincia da Coruña optan ás liñas de axuda PEL-PEMES e PEL-EMPRENDE, incluídas no Plan de emprego (PEL) da Deputación da Coruña.

En concreto, 623 empresas da provincia presentáronse á convocatoria do PEL-PEMES, que subvencionará ata o 75% dos custes salariais das novas contratacións en empresas situadas nos concellos coruñeses de menos de 20.000 habitantes, mentres que 231 emprendedores da provincia concorren na liña PEL-EMPRENDE, destinada a mozos e mozas de entre 25 e 35 anos para impulsar os seus negocios.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, deu a coñecer hoxe estes datos e mostrouse satisfeito co "éxito da convocatoria, cunha gran acollida entre as empresas e os emprendedores da provincia que superou as nosas expectativas e que nos obriga a pensar na posibilidade de incrementar aínda máis a dotación económica do Plan de Emprego nas vindeiras edicións do programa".

Formoso considerou que o elevado número de solicitudes rexistradas nesta primeira edición do programa permitirá esgotar a totalidade dos fondos destinados ao PEL en 2017 e "cumprir con creces os obxectivos formulados polo goberno provincial tanto na creación de emprego como no apoio a emprendedores".

O PEL naceu en 2016 como "unha aposta estratéxica do goberno provincial para fomentar a creación de emprego no sector público e privado" e supuxo "multiplicar por seis o investimento que a Deputación da Coruña viña realizando nesta materia" e que prevé alcanzar a cifra récord de 30 millóns de euros durante o presente mandato para facilitar a creación de 3.000 postos de traballo directos, segundo explicou González Formoso.

O Plan de emprego da Deputación conta con tres liñas fundamentais destinadas a fomentar o emprego en concellos, peme e a impulsar proxectos emprendedores creados por mozos e mozas da provincia.

A primeira delas, o PEL-CONCELLOS conta este ano cun orzamento de 3 millóns de euros que se destinan á contratación de persoal nos 82 municipios coruñeses de menos de 20.000 habitantes. Os concellos perciben entre 19.000 e 52.000 euros euros ao ano, en función do número de parados, para facilitar a inserción laboral de persoas con especiais dificultades para atopar un emprego. Maiores de 45 anos, parados de longa duración, persoas pertencentes a fogares con todos os seus membros en paro ou en risco de exclusión social benefícianse especialmente deste programa que o ano pasado permitiu a contratación de 519 persoas. O goberno provincial espera acadar en 2017 unha cifra similar, dado que os 82 municipios coruñeses que podían optar ao programa presentaron a súa solicitude.

Empresas de Ordes, Melide, As Pontes, Bergondo, Betanzos e Boiro suman o 25% das solicitudes do PEL- PEMES

Este ano, a Deputación da Coruña puxo en marcha por primeira vez un programa de apoio á contratación de persoal destinado aos autónomos e ás pequenas e medianas empresas da provincia.

As axudas da liña PEL-PEMES, cun orzamento de 3 millóns de euros en 2017, están destinadas ás pequenas e medianas empresas con domicilio fiscal en calquera dos 82 concellos de menos 20.000 habitantes da provincia e cubrirán o 75% dos custes salariais totais de cada nova contratación, incluídas as cotas á Seguridade Social, por un período mínimo de un ano. Como máximo poderase contratar a unha persoa por empresa.

A esta liña presentáronse un total de 623 solicitudes, a maior parte delas procedentes de empresas situadas en Ordes, Melide, As Pontes, Bergondo, Betanzos e Boiro, que representan o 25% do total. Un total de 17 solicitudes veñen de ser descartadas por pertencer a concellos con máis de 20.000 habitantes.

Por comarcas, Compostela é a zona da provincia con maior número de solicitudes neste programa (210), entre as que destacan os concellos de Ordes (26), Melide(25), Santa Comba (22) e Teo (22).

Na comarca coruñesa, rexistráronse 120 solicitude, entre as que destacan as procedentes de Bergondo (22), Betanzos (21), Sada (13) e Miño (13). A zona de Ferrolterra contou con 102 solicitudes, entre as que sobresaen as 45 das Pontes e as 11 de Pontedeume; mentres que as comarcas de Bergantiños-Costa da Morte e Barbanza rexistraron respectivamente 97 e 77 solicitudes, destacando por número os municipios de Boiro (22), Cee (16), Vimianzo (15), Ponteceso (13) e Mazaricos (13).

Por sectores, destacan polo volume de solicitudes as empresas relacionadas coa hostalería e a restauración, seguidas do comercio e o sector industrial. O sector agrogandeiro conta tamén cun importante volume de solicitudes, especialmente nos concellos máis rurais da provincia.

Entre os criterios que se terán en conta para a concesión destas axudas están, entre outros: a duración do contrato e perspectivas de continuidade do traballador ao remate da subvención, o perfil profesional da persoa a contratar, o número de traballadores actuais da empresa ou o concello onde se sitúe.

Preto do 40% das solicitudes do PEL - EMPRENDE proceden da Coruña, Arteixo, Narón, Oleiros, Santiago e Santa Comba

O programa PEL-EMPRENDE, tamén de nova creación, conta cun orzamento de 1,5 millóns de euros en 2017, está destinado a mozos e mozas de entre 25 e 35 anos, empadroados nos concellos da provincia da Coruña e que promovan iniciativas empresariais e outorgará axudas de ata 20.000 euros para investimentos en bens inventariables novos e necesarios para a realización da súa actividade empresarial, tales como maquinaria, aplicacións informáticas, mobiliario ou equipos e útiles de traballo.

A esta liña concorren un total de 231 iniciativas empresariais da provincia, a maior parte delas pertencentes ao sector servizos e ao comercio. Tamén destacan o número de empresas relacionadas co medio ambiente e a promoción de enerxías renovables e, en menor medida, as de base tecnolóxica.

A maior parte das solicitudes recibidas proceden dos concellos da Coruña, Arteixo, Narón, Oleiros, Santiago e Santa Comba, que suman o 39,82% das peticións.

A comarca coruñesa agrupa a maior parte das solicitudes, cun total de 83, procedentes na súa maior parte da cidade da Coruña (42), Oleiros (7) e Culleredo (7) e Arteixo (6). A seguinte por número de peticións rexistradas é a comarca compostelá, con 26 solicitudes do concello de Santiago, 11 de Santa Comba e 5 de Ames. Por outra banda, entre as 33 solicitudes da comarca de Ferrol, destaca especialmente Narón con 10; mentres que en Bergantiños- Costa da Morte, con 28 solicitudes, e Barbanza, con 16, os concellos que rexistraron un maior número de peticións son Ribeira, Vimianzo, Camariñas e Boiro.

Para a valoración das solicitudes á liña de subvencións do PEL-EMPRENDE, a Deputación terá en conta, entre outros aspectos, o carácter innovador da empresa, o número de traballadores, o sector profesional; así como aquelas que apliquen medidas de responsabilidade social empresarial, como o apoio á conciliación da vida laboral e familiar dos traballadores, fomento da igualdade de xénero ou inserción laboral de persoas con discapacidade.

As comisións técnicas de valoración que decidirán sobre a concesión das axudas dos programas PEL-PEMES e PEL-EMPRENDE reuniranse durante o vindeiro mes de abril, polo que se prevé que as axudas poidan estar dispoñibles en maio, facilitando así a moitos empresarios a contratación de persoal durante a campaña de verán.

I Premio á mellor iniciativa empresarial

Valentín González Formoso deu a coñecer estes datos durante a primeira reunión do xurado do I Premio provincial á mellor iniciativa empresarial que tivo lugar esta mañá no Pazo de Mariñán.

Un total de 70 empresas da provincia concorren a este galardón que está dotado con 50.000 euros, divididos en dúas categorías de 25.000 € cada unha (mellor iniciativa empresarial nova e mellor empresa consolidada) e que pretende "recoñecer e promover o traballo realizado polas pequenas empresas comprometidas co desenvolvemento da provincia da Coruña, así como alentar o espírito emprendedor".

O xurado conta con representantes da Deputación, das universidades de Santiago de Compostela e A Coruña, as cámaras de comercio da provincia, a Confederación e Empresarios da Coruña e Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE).