Páxinas
Novas

Novas

Image Slider
O goberno provincial aspira a incrementar os 519 postos de traballo creados o ano pasado con este programa, no que leva investido 5,8 millóns
Páxinas suxeridas
O PEL-Concellos distribúe este ano 2.845.354,16 euros para apoiar os 82 municipios coruñeses de menos de 20.000 habitantes na creación de emprego

O Plan de Emprego da Deputación asigna preto de 3 millóns de euros para contratacións nos concellos en 2017

04 de Abril de 2017

A Deputación da Coruña destinará durante o ano 2017, a través do Plan de Emprego Local (PEL), un orzamento 2.845.354,16 euros para apoiar aos 82 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes na contratación de persoas desempregadas para a prestación de servizos locais básicos. As asignacións económicas que corresponden a cada municipio veñen de publicarse no Boletín Oficial da Provincia de onte, 3 de abril.

Segundo subliñou o presidente provincial, Valentín González Formoso, neste segundo ano da posta en marcha do PEL, "a Deputación pretende manter a súa aposta polo emprego como a principal prioridade e o eixo transversal das súas políticas". Neste sentido, a liña de apoio aos concellos do PEL, que en 2016 creou 519 postos de traballo nos concellos coruñeses, volverá ter en 2017 un importante protagonismo para favorecer a inserción laboral das persoas con maiores dificultades e paliar as dificultades que a Lei Montoro impón aos municipios para a contratación de novo persoal. En total, durante os anos 2016 e 2017 o PEL-Concellos supón un investimento de 5.825.254 euros para a creación de emprego nos pequenos e medianos concellos coruñeses.

Asignación de fondos en función do número de parados

En 2017, a Deputación triplicará de novo o orzamento que se viña destinando a creación de emprego nos concellos, usando como criterio de distribución das axudas o número de persoas desempregadas en cada municipio en lugar do número total de habitantes, como se viña facendo ata 2015, de xeito que o reparto sexa máis equitativo e acorde ás necesidades reais en materia de creación emprego de cada concello.

Tomando como base a porcentaxe de desempregados de cada municipio sobre o total de parados nos 82 concellos coruñeses de menos de 20.000 habitantes establécese unha táboa de asignación económica por tramos que van dende os 19.000 aos 52.000 euros por municipio (ver táboa ao final da nota). Todos estes concellos presentaron solicitudes a este programa. Só unha resultou descartada.

Coa súa asignación do PEL- Concellos, os municipios coruñeses poderán financiar, ata o 31 de decembro de 2017, os custos salariais e de seguridade social derivados da contratación de novo persoal que se destinará á mellora dos servizos municipais básicos.

Os operarios contratados realizarán labores como recollida e tratamento de residuos, limpeza viaria, mantemento da rede de sumidoiros e alumeado público, melloras no acceso aos núcleos de poboación e pavimentación de camiños, mantemento de parques e xardíns ou traballos nas bibliotecas municipais. A xornada mínima semanal será de 25 horas.

Destinado a persoas con dificultades de inserción laboral

A Deputación esixe nas bases do programa que a contratación beneficie especialmente a aqueles colectivos máis afectados polo desemprego: maiores de 45 anos, parados de longa duración, persoas cun grao recoñecido de discapacidade, persoas pertencentes a fogares con todos os seus membros en paro, vítimas de violencia de xénero, persoas en risco de exclusión social ou mulleres, dado que o índice de paro rexistrado entre as mulleres é sensiblemente superior ao dos homes.

Dentro destes colectivos, os concellos primarán a aquelas persoas que teñan rematado favorablemente programas de capacitación, formación e integración no mundo laboral organizados ou financiados polas administracións públicas.

Así, a liña PEL-Concellos do Plan de Emprego da Deputación persegue un dobre obxectivo: por unha banda, mellorar a prestación de servizos e obras a nivel local por parte dos concellos que, debido á crise e ás restricicións que afectan a todas as entidades locais, teñen dificultades para cubrir axeitadamente a prestación de servizos mínimos esenciais para a poboación e, por outra banda, favorecer a incorporación ao mercado laboral de persoas con necesidades especiais e con maiores dificultades para atopar un emprego.

30 millóns de euros para crear 3.000 empregos na provincia ata 2019

O PEL-Concellos é unhas tres liñas coas que conta o Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación da Coruña, que contempla un investimento global de 30 millóns no período 2016-2019 para estimular a creación de 3.000 novos postos de traballo directos nos sectores público e privado, así como apoiar as iniciativas emprendedoras nacidas na provincia.

As novas liñas PEL-PEMES e PEL-EMPRENDE, destinadas a subvencionar a contratación de persoal nas pequenas e medianas empresas coruñesas e a impulsar a posta en marcha de proxectos mozos e mozas emprendedores recibiron un total de 854 solicitudes.