Páxinas
Novas

Novas

Image Slider
A Deputación outorga os premios ás mellores iniciativas empresariais á pontesa Evasa e á compostelá E-Monte
Páxinas suxeridas
González Formoso destacou que ambas as dúas empresas son “exemplos da capacidade de innovación coruñesa” que sitúa a provincia “á cabeza do desenvolvemento económico de Galicia”

A Deputación outorga os premios ás mellores iniciativas empresariais á pontesa Evasa e á compostelá E-Monte

13 de Maio de 2017

A Deputación da Coruña concedeu esta noite os galardóns da I Edición dos Premios ás Mellores Iniciativas Empresariais da Provincia nun acto celebrado hoxe na Finca Montesqueiro, en Oleiros, que contou coa presenza do presidente provincial, Valentín González Formoso; o deputado responsable da área de Economía e Emprego, José Luis García; o presidente da Confederación de Empresarios da Coruña, Antonio Fontenla; o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, así coma outros alcaldes e representantes do mundo empresarial da provincia.

A empresa pontesa Encapsulantes de Valor Añadido (EVASA) foi galardoada coma a Mellor Iniciativa Empresarial Consolidada da provincia, mentres que a compostelá E-Monte obtivo o premio na categoría de empresas novas, de menos de doce meses de antigüidade. Cada unha das galardoadas recibiu un premio de 25.000 euros.

A innovación e o emprendento, claves do futuro

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, foi o encargado de entregar os galardóns a ambas as dúas empresas, das que destacou a "gran capacidade de innovación, un compoñente que levan inscrito no seu ADN e que lles permitiu destacar" entre as 70 empresas que se presentaron aos premios.

"Na Deputación, cremos que a clave do futuro está no emprendemento e na innovación", afirmou Formoso, que salientou que "este é un dos factores clave para que o tecido empresarial coruñés siga medrando en cantidade e calidade".

Neste sentido, o presidente provincial explicou que un dos obxectivos principais dos premios é "estimular o carácter emprendedor dos coruñeses" porque "a riqueza dun país non se mide só polo seu Produto Interior Bruto, senón pola súa capacidade para atraer e aproveitar o talento das persoas".

Outro dos obxectivos do certame convocado pola Deputación é "o recoñecemento ao esforzo diario de miles de autónomos, empresarios e empresarias que co seu traballo diario contribúen a xerar emprego, oportunidades e crecemento na provincia da Coruña".

O presidente provincial enxalzou o labor tanto dos novos emprendedores coma das empresas asentadas na provincia. "Cada iniciativa emprendedora que nace, cada novo proxecto empresarial, representa un paso cara adiante que contribúe a xerar riqueza, pero tamén a crear postos de traballo, a fixar poboación no rural, a aproveitar e manter os recursos naturais e, en definitiva, a construír un ecosistema produtivo que nos permite seguir á cabeza do desenvolvemento económico de Galicia", afirmou.

Pola súa banda, Antonio Fontenla, presidente da Confederación de Empresarios da Coruña e tamén presidente do xurado dos galardóns, agradeceu á Deputación da Coruña o impulso a "unha brillante iniciativa que valoriza a innovación, o esforzo e a responsabilidade social das nosas empresas" e destacou o elevado nivel das empresas que concorreron aos premios.

Asemade, Fontenla subliñou o "esforzo, imparcialidade e profesionalidade" de todos os membros do xurado, composto por José Manuel Cotos, adxunto ao reitor para Transferencia, Innovación e Emprendemento da USC; José Andrés Faíña, presidente do Grupo de investigación de Competencia e Desenvolvemento da Unión Europea da UDC; Carlos Fernández Bermúdez, vicepresidente da Cámara de Comercio da Coruña; Fernando Barros Fornos, secretario da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, e Marcos Balboa Beltrán, presidente da Asociación de Xóvenes Empresarios.

Estratexia de creación de emprego na provincia

O presidente provincial enmarcou os premios ás mellores iniciativas empresariais no Plan de emprego local (PEL), un plan estratéxico cun horizonte temporal de catro anos, ao que se destinan 30 millóns de euros para crear máis de 3.000 empregos nos 93 concellos da provincia da Coruña.

Ademais das diferentes liñas de axudas do PEL, destinadas a subvencionar contratacións nos concellos, impulsar as novas iniciativas emprendedoras e favorecer a creación de novos postos de traballo nas empresas coruñesas, Valentín González Formoso destacou que "o impulso ao emprego e ao emprendemento é o eixo transversal de todas e cada unhas das políticas, plans e accións que desenvolvemos durante os dous anos que levamos á fronte do goberno provincial".

"Cada plan, cada obra, cada investimento da Deputación, ademais de contribuír a mellorar a calidade de vida dos coruñeses e coruñesas, tradúcese inmediatamente en postos de traballo e oportunidades de desenvolvemento", sinalou Formoso.

EVASA e E-monte, exemplos da capacidade de innovación coruñesa

As dúas empresas premiadas pola Deputación, EVASA e E-monte, destacaron entre as setenta participantes no certame por incluír no seu modelo de negocio valores coma o traballo en rede, a aposta decidida pola calidade, o fomento de boas prácticas de xestión empresarial e de políticas de responsabilidade social corporativa ou a vocación de expansión.

No caso de EVASA, destaca a súa rápida evolución, posto que, tras unha década de percorrido, hoxe en día sitúase coma un dos principais provedores mundiais de encapsulantes para o sector fotovoltaico. O 1% destes compoñentes dos paneis solares a nivel mundial constrúense na súa planta pontesa, cunha produción que se comercializa xa en máis de 20 países de todo o planeta.

A compañía traballa ademais no desenvolvemento dun novo produto para incrementar a resistencia e durabilidade do vidro, tanto para o seu uso no sector fotovoltaico como na construción civil.

Pola súa banda, a compostelá E-monte é unha start-up de recente creación que pretende cubrir a eiva provocada pola falta de relevo xeracional na explotación forestal dos montes galegos. A través dunha aplicación en liña, E-monte ofrece unha opción de negocio sinxela e atractiva para os propietarios dos terreos, facilitando que se agrupen e que atopen compradores.

O xurado destacou que esta empresa, que conta con apenas un ano de vida, cubre un oco na realidade ao que ninguén dera resposta e fomenta o aproveitamento dun recurso tan importante como é o sector madeireiro en Galicia, líder a nivel estatal e situado entre os primeiros de Europa.