Páxinas
Novas

Novas

Image Slider
O BOP vén de publicar as bases da convocatoria para a selección dun albanel, tres peóns de obras públicas e un peón forestal, que se encargarán de realizar traballos de mellora e mantemento dos espazos verdes municipais
Páxinas suxeridas
O BOP vén de publicar as bases da convocatoria para a selección dun albanel, tres peóns de obras públicas e un peón forestal, que se encargarán de realizar traballos de mellora e mantemento dos espazos verdes municipais

O Plan de emprego da Deputación financia a contratación de cinco traballadores no Concello de Abegondo

01 de Xuño de 2017

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) vén de publicar hoxe as bases do proceso selectivo para a contratación dun albanel, tres peóns de obras públicas e un peón forestal durante un período de cinco meses no Concello de Abegondo, cuxos custos laborais e de seguridade social asume a Deputación da Coruña a través da liña de apoio aos concellos do Plan de emprego local (PEL-Concellos).

Os cinco operarios seleccionados realizarán traballos de acondicionamento e mellora de diversas áreas e zonas verdes de titularidade municipal. Estes traballos incluirán o mantemento de camiños e vías de acceso municipais a distintos núcleos de poboación do concello, a limpeza de cunetas ou a reparación de parques, áreas recreativas e instalacións deportivas.

Segundo se especifica nas bases reguladoras, para poder optar a estes postos de traballo é necesario estar en posesión do certificado de estudios primarios ou equivalente e do Celga 1 de lingua galega.

Destinado a desempregados/as con dificultades para a integración laboral

Entre os requisitos que deben cumprir os/as aspirantes a estes postos de traballo, figuran ter cumpridos os 16 anos de idade e estar inscritos no Servizo Galego de Colocación como demandantes de emprego.

Así mesmo, a Deputación esixe nas bases do programa que a contratación beneficie especialmente a aqueles colectivos máis afectados polo desemprego: maiores de 45 anos, parados de longa duración, persoas cun grao recoñecido de discapacidade, persoas pertencentes a fogares con todos os seus membros en paro, vítimas de violencia de xénero, persoas en risco de exclusión social ou mulleres, dado que o índice de paro rexistrado entre as mulleres é sensiblemente superior ao dos homes.

Dentro destes colectivos, outorgaranse puntos extra a aquelas persoas que teñan rematado favorablemente programas de capacitación, formación e integración no mundo laboral organizados ou financiados polas administracións públicas.

Máis de 1.000 empregos creados nun ano ao abeiro do PEL- Concellos

No primeiro ano de funcionamento do Plan de emprego local, a liña PEL-Concellos facilitou a inserción laboral de preto de 1.000 coruñeses e coruñesas con especiais dificultades para atopar un posto de traballo. Uns resultados que superan os obxectivos marcados polo goberno provincial que, a través das diferentes liñas do PEL, destinadas a concellos, PEME, autónomos e emprendedores, pretende favorecer a creación de máis de 3.000 postos de traballo directos ata 2019.