Páxinas
Novas

Novas

Image Slider
O BOP publica hoxe as bases para a selección de catro operarios de limpeza de praias, tres peóns para a brigada medioambiental e un técnico de turismo
Páxinas suxeridas

A Deputación financia a creación de 8 postos de traballo en Corcubión

09 de Xuño de 2017

O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe as convocatorias para o proceso selectivo dun total de 8 novos traballadores para a prestación de servizos municipais no Concello de Corcubión, todos eles financiados a través de plans da Deputación da Coruña. Trátase de catro operarios para a limpeza de praias, tres peóns para a brigada medioambiental do Plan de Medio Ambiente (PMA) provincial e un técnico de turismo.

Para optar a estes postos de traballo, cuxo prazo de presentación de solicitudes comeza hoxe, é indispensable acreditar a condición de demandante de emprego e ter máis de 16 anos. Ademais, darase prioridade ás persoas con dificultades para a integración laboral, coma os maiores de 45 anos, os parados de longa duración ou as persoas con discapacidade.

No caso dos aspirantes á brigada medioambiental e á limpeza de praias, tamén puntuará a formación e experiencia laboral, e deberán realizar tres probas: unha sobre lingua galega, outra sobre coñecementos teóricos en xardinaría e medioambiente e un último exercicio práctico.

Doutra banda, para optar ao posto de técnico de turismo establécese coma condición indispensable estar en posesión do título de técnico superior en Guía, Información e Asistencia Turística, Técnico en Empresas e Actividades Turísticas, grao ou diplomatura en Turismo, grao ou licenciatura en Historia, Historia da Arte, Humanidades ou Xeografía e Ordenación de Territorio. A fase de oposición consistirá na realización dunha proba de lingua galega, outra sobre coñecementos teóricos de turismo e o xeodestino Costa da Morte e unha última sobre práctica profesional.