Páxinas
Novas

Novas

Image Slider
Un 20% das contratacións terán carácter indefinido, o que amosa a aposta do PEL pola estabilidade no emprego
Páxinas suxeridas
A Deputación destina case 3 millóns de euros para subvencionar o 75% do salario dos novos empregados durante un ano

A Deputación impulsa a contratación de 224 persoas en empresas da provincia da Coruña

14 de Xuño de 2017

A Deputación da Coruña publica hoxe no Boletín Oficial da Provincia a relación das 224 empresas coruñesas beneficiarias das axudas á contratación da liña PEL-Pemes do Plan de Emprego Local (PEL).

A través desta nova liña, dotada cun orzamento de preto de 3 millóns de euros para o exercicio 2017, a Deputación subvenciona a creación de 224 empregos noutras tantas empresas da provincia, financiando o 75% dos custes salariais totais, incluídas as cotas á Seguridade Social, da persoa traballadora durante un período mínimo de un ano.

Trátase da primeira vez que a Deputación subvenciona directamente a creación de emprego no sector privado, a través dunha liña de axudas destinada a autónomos e pequenas e medianas empresas que teñan o seu domicilio fiscal en calquera dos 82 concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia.

"Coa liña PEL-pemes pretendemos acadar un triplo obxectivo: axudar á inserción laboral das persoas desempregadas, apoiar as PEME coruñesas no crecemento e desenvolvemento do seu negocio e axudar a fixar poboación nos pequenos municipios rurais da provincia". Así o explicou o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, que expresou a "satisfacción" do goberno provincial coa "gran acollida" e os "bos resultados" que está a conseguir o Plan de emprego local no seu primeiro ano de vida.

Apostar pola estabilidade: o 20% dos contratos son indefinidos

A esta primeira convocatoria do PEL-Pemes concorreron un total de 624 empresas da provincia, entre as que unha comisión técnica de valoración seleccionou ás 224 que finalmente recibirán as axudas da Deputación para a contratación de novos traballadores/as.

Entre os criterios usados para a selección primaron cuestións como a estabilidade do novo posto de traballo, puntuando máis aquelas empresas que optan por contratacións indefinidas, as empresas con cadros de persoal máis reducidos (menos de cinco traballadores), ou as empresas que teñen a súa sede nos concellos máis pequenos. Tamén se valoraron cuestións como a calidade da memoria técnica presentada ou as formas de selección do persoal, primando as realizadas a través dos servizos públicos de emprego.

Un dato relevante que amosa a aposta desta liña de axudas polo emprego estable é a porcentaxe de contratacións que se realizarán de xeito indefinido. Un 20% do total dos contratos asinados ao abeiro do PEL-Peme (45) serán de carácter indefinido.

Distribución por concellos e comarcas

Entre os concellos con maior número de solicitudes presentadas e admitidas destacan Ordes (11), As Pontes (11), Cee (9), Curtis (9), Mazaricos (9), Teo (7), Cabana de Bergantiños (6), Santa Comba (6), Zas (6), Ponteceso (5), A Baña (5), Boiro (5), Camariñas (5), Melide (5) e Sobrado (5).

Analizando os datos do número de solicitudes concedidas por comarcas, Compostela e o Interior coruñés serán as zonas que percibirán máis fondos da liña PEL-Pemes, concretamente 970.139,24 euros, que contribuirán á creación de 72 novos empregos. Séguena as comarcas de Bergantiños-Costa da Morte, con 619.411 euros para a creación de 47 empregos; A Coruña e As Mariñas, con 538.115,45 euros para inserción laboral de 39 persoas; Ferrolterra, Eume e Ortegal, con 474.617,61 euros para a creación de 37 postos de traballo e Barbanza, onde o PEL-Pemes impulsará a creación de 29 novos empregos con 383.780,87 euros.

Atendendo ao tipo de negocio, a maioría dos beneficiarios (o 46,88%) son microempresas, empresas con menos de dez traballadores e cuxo volume de negocio anual non supera os dous millóns de euros. Dentro desta categoría, o empresariado individual (autónomos) supón o 29,45%.

Por sectores produtivos, a distribución é dun 16,97% para o sector primario, un 10,71% para o secundario e un 72,32% para o sector terciario. As empresas beneficiarias abranguen un amplo abano de actividades profesionais, destacando as vinculadas á agricultura e gandería, hostalaría e turismo e comercio minorista.

Máis de 700 persoas atoparon traballo ao abeiro do PEL

Aos 477 empregos xa creados este ano pola Deputación nos municipios coruñeses ao abeiro do programa PEL-Concellos, súmanse agora os 224 do PEL-Pemes; polo que máis de 700 persoas en situación de desemprego incorporaranse este ano ao mercado laboral grazas a estas dúas liñas do Plan de emprego local (PEL).

A Deputación publicará en breve a concesión da terceira liña de axudas do seu Plan de emprego: o PEL-Emprende, que destinará 1,5 millóns de euros para apoiar a máis de 100 mozos/as emprendedores na posta en marcha da súa idea de negocio.

Estas tres liñas integran o Plan de emprego local (PEL) 2016-2019, un programa estratéxico impulsado polo goberno provincial cun orzamento de 30 millóns de euros durante o presente mandato para estimular a creación de novos postos de traballo nos sectores público e privado, apoiar as iniciativas emprendedoras nacidas na provincia e unificar todas as accións da Deputación en materia de promoción do emprego.