Páxinas
Novas

Novas

Image Slider
Valentín González Formoso e José Luís García entregaron hoxe os diplomas aos participantes
Páxinas suxeridas
Corenta e cinco persoas completaron os cursos de socorrismo acuático incluídos no Plan de emprego (PEL) , dos que o 80% xa foron contratados

A primeira promoción de socorristas formados pola Deputación xa traballa nas praias coruñesas

03 de Xullo de 2017

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o deputado responsable da Área de Promoción Económica e Emprego, José Luís García, entregaron esta mañá os diplomas acreditativos ás 45 persoas que superaron os cursos oficiais de socorrismo acuático organizados pola institución provincial dentro das accións do Plan de emprego local (PEL). 

Os cursos, que estaban dirixidos a persoas en situación de desemprego dos concellos da provincia da Coruña, desenvolvéronse en colaboración coa Cruz Vermella e a Federación Galega de Salvamento e Socorrismo en tres sedes: A Coruña, Santiago e Ferrol. A institución provincial investiu un total de 110.000 euros na realización desta actividade formativa, que foi de carácter gratuíto para os 45 participantes que superaron as probas de acceso e que lles permitirá obter unha dobre titulación oficial para traballar como socorrista tanto en praias e espazos naturais como en piscinas e equipamentos deportivos.

O presidente da Deputación afirmou que os cursos "ademais de facilitar a formación e a inserción laboral de 45 persoas desempregadas, contribuirán a solucionar en parte a falta de socorristas nas praias galegas durante a época de verán", xa que o ano pasado moitos concellos non conseguiron cubrir as súas necesidades en materia de seguridade nas praias.

O 80% xa traballan nas praias coruñesas

De feito, o 80% dos alumnos e alumnas que superaron o curso están xa traballando como socorristas en distintas praias da provincia da Coruña. Moitos dos alumnos que aínda non conseguiron traballo están en listas de espera ou participando en procesos de selección, polo que se espera que a inserción laboral desta primeira promoción de socorristas formados dentro do Plan de emprego local (PEL) rodee o 100%.
As 45 persoas que superaron o curso recibiron máis de 600 horas de formación teórica e práctica en prevención de accidentes acuáticos, rescate, extracción e traslado de persoas accidentadas, ao tempo que melloraron as súas habilidades e destrezas no medio acuático con técnicas específicas de nado, o que os habilita para a obtención dos certificados de profesionalidade outorgados pola Xunta de Galicia e con validez en todo o territorio nacional.

A maiores, os alumnos realizaron 80 horas de prácticas laborais en praias da provincia da Coruña, co obxecto de pór en práctica os coñecementos adquiridos, e obtiveron tamén a titulación necesaria, outorgada pola Consellería de Sanidade, para o manexo de desfibriladores semiautomáticos.

A partir do mes de outubro volverán ás aulas para obter a formación necesaria que os habilita para desenvolver tarefas de socorrismo e salvamento en instalacións deportivas, aumentando así as súas oportunidades de emprego.