Páxinas
Novas

Novas

Image Slider
Na sesión plenaria de hoxe, aprobáronse investimentos por un total de 1.749.912 euros na rede viaria dos concellos de Tordoia, Pontedeume, Laracha, Oroso e Santiso
Páxinas suxeridas
O pleno da institución provincial aprobou financiar con 250.000 euros as obras para remodelar o inmoble, que contará con capacidade para 25 empresas e zonas destinadas a actividades formativas, eventos, exposicións e talleres

A Deputación rehabilitará o Pazo de Arenaza para crear un espazo de coworking

28 de Xullo de 2017

O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe por unanimidade un convenio de colaboración co Concello de Oleiros para rehabilitar o Pazo de Arenaza e crear un espazo de traballo colaborativo.

A Deputación destinará 250.000 euros ás obras, que permitirán reconverter os 780 metros cadrados cos que conta o inmoble, para ofrecer espazos de traballo para 25 empresas, ademais de salas de reunións, zona de fotocopiadoras, áreas de descanso, aulas de formación e outros espazos comúns para asegurar o desenvolvemento de todo tipo de accións formativas e de eventos empresariais.

O proxecto prevé deixar un espazo diáfano a disposición das empresas, para que poidan crear zonas temporais de "pop-up store", expoñer os seus produtos, realizar obradoiros e talleres ou incluso facer probas e prototipos para os seus negocios.

O Pazo de Arenaza leva sen estar en servizo desde o 2013, polo que presenta diversas carencias que tamén serán reparadas, como as filtracións de auga. Así mesmo, cambiarase a caldeira para o posibilitar a calefacción mediante gas natural.

O proxecto contempla a adecuación de todos os espazos para facilitar a súa utilización por parte de persoas con mobilidade reducida, todo iso conservando as características arquitectónicas do inmoble, catalogado coma Elemento de Interese Histórico Artístico, Arquitectónico e Ambiental.

O proxecto de creación deste espazo coworking inscríbese no Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación provincial, dotado con 30 millóns de euros durante o período 2016-2019 para estimular a creación de novos postos de traballo nos sectores público e privado e apoiar as iniciativas emprendedoras nacidas na provincia.
Neste sentido, o pleno celebrado hoxe tamén aprobou un convenio co Concello da Coruña para financiar con 75.000 euros os gastos de funcionamento do Viveiro de Empresas Papagaio. Os fondos provinciais permitirán levar a cabo unha programación de actividades formativas, foros de empresas, ciclos de conferencias e outros eventos que se celebrarán durante este ano, co obxectivo de atraer talento e proxectos innovadores ao centro situado na cidade da Coruña. Así mesmo, a Deputación financia a contratación dun técnico de dinamización e outros gastos derivados da xestión e o funcionamento do viveiro de empresas.

Melloras na rede viaria provincial

Na sesión plenaria celebrada hoxe, tamén se aprobaron investimentos por valor de 1.749.912 euros na rede viaria dos concellos de Tordoia, Pontedeume, A Laracha, Oroso e Santiso.

Dentro do Plan de Conservación de Vías Provinciais 2017, reforzarase o firme, con mestura bituminosa en quente, da DP DP4803 de Miño a Pontedeume por Perbes, cun investimento de 237.401 euros. Así mesmo, destínanse 334.185 euros á creación dunha nova capa de rodadura na DP8401 de Tablilla a Agro do Mestre por Pontepedra, no termo municipal de Tordoia.

Doutra banda, o pleno da Deputación aprobou destinar 308.189 euros á mellora do firme na DP 2404 da Larcha á Silva por Golmar. Ademais de reforzar a capa de rodadura coa aplicación dunha capa de mestura bituminosa en quente, tamén se revestirán as cunetas con formigón e se reporá a sinalización viaria.

No Concello de Oroso, a Deputación investirá 163.994 euros para mellorar a seguridade viaria na DP3801 de Sigüeiro a San Mauro. Este proxecto consistirá na creación dunha senda de dous metros de ancho na marxe dereita da estrada, dando continuidade aos camiños peonís xa existentes.

Así mesmo, a Deputación renovará as beirarrúas no núcleo da Balada, no termo municipal de Santiso, cun investimento de 536.396 euros. Tamén se crearán novas sendas nun tramo de preto de tres quilómetros entre os puntos quilométricos 7,600 e 10,400, onde se atopan numerosas vivendas que actualmente non contan con zonas habilitadas para o paso de peóns.

No Concello de Tordoia, o investimento provincial ascende a 169.745 euros para renovar e ampliaranse as beirarrúas do núcleo de Pontepedra. Tamén se reporá a canalización de pluviais e se pavimentarán os sobreanchos.

Apoio ao programa "Bule con Alcer"

O pleno aprobou o convenio mediante o cal a Deputación achega 36.000 euros á Asociación para a Loita contra as Enfermidades do Ril (ALCER) para o desenvolvemento de "Bule con Alcer", un programa de exercicios físicos e psicosociais que consisten en promover a actividade e a interacción para persoas con enfermidade crónica á espera de transplantes, transplantadas e aos seus familiares. A achega da Deputación supón o 51,50% do total do orzamento que ascende a 69.900 euros co que se financian os gastos correspondentes a un traballador social, licenciado de INEF, 10 monitores da actividade física, xestor administrativo, así como os gastos de desprazamento.

Alcer ten como fin a atención en procesos de rehabilitación psicosocial e inclusión laboral e social das persoas con discapacidade xerada por doenzas crónicas susceptibles de transplante, así como a execución de actividades culturais, de ocio e deportivas que faciliten a participación e a atención socio-sanitaria do colectivo. A asociación desenvolve as súas actividades na Coruña, Ferrol, Santiago, Narón, Arteixo, Melide, Culleredo, Ortigueira, Teo e Cedeira.

Financiamento dos servizos sociais da Mancomunidade de Ordes

A Deputación da Coruña financia con 120.815 euros, o 76,5% do orzamento total de 158.000 €, o mantemento dos Servizos Sociais Básicos da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes que inclúe os concellos de Frades, Ordes e Oroso.

A subvención destínase a financiar persoal dos servizos sociais básicos e persoal auxiliar do Servizo de Axuda a domicilio. En total, o convenio contempla seis postos de traballo nos tres concellos que forman parte da Mancomunidade de Ordes, tres deles correspóndense con persoal do servizo de axuda a domicilio.

A relación de persoal que se financia a través do convenio inclúe unha persoa para auxiliar para administración, técnica/técnico de grado medio e unha praza de persoal auxiliar Servizo de Axuda no Fogar no concello de Ordes; unha praza de persoal técnico de grado e persoal auxiliar Servizo de Axuda no Fogar no concello de Oroso e unha persoa auxiliar Servizo de Axuda no Fogar en Frades.

Tamén co Concello de Oroso, o pleno provincial aprobou un convenio para financiar, con 79.550 euros, a ampliación da piscina municipal. As obras consistirán na construción dunha nova edificación, para situar nela a cafetería. Deste modo, liberarase espazo no edificio principal no que se sitúan as piscinas, e se ofrecerán máis e mellores servizos aos usuarios das instalacións.