Páxinas
Novas

Novas

Image Slider
Valentín González Formoso e Anxo Queiruga fixeron balance dos resultados do programa
Páxinas suxeridas
Valentín González Formoso destaca os bos resultados da iniciativa e anuncia que a Deputación incrementará o seu apoio económico ao Servizo de Intermediación Laboral da entidade nun 50%

A Deputación da Coruña e Cogami colaboran nun programa que facilitou a inserción laboral de 936 persoas con discapacidade na provincia

31 de Xullo de 2017

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o presidente de Cogami e da federación estatal de asociacións de discapacidades, Anxo Queiruga, presentaron esta mañá os resultados do Servizo de Intermediación Laboral (SIL), un programa que conta co apoio económico da institución provincial e que o ano pasado facilitou a inserción laboral de 2.112 persoas con discapacidade en Galicia, 936 delas na provincia da Coruña.

González Formoso expresou a satisfacción do goberno provincial cos resultados deste programa e anunciou que a Deputación incrementará este ano nun 50% a súa achega económica para contribuír ao seu financiamento, pasando dos 60.000 euros actuais aos 90.000 €.

O presidente da Deputación da Coruña gabou o "extraordinario traballo" desenvolvido por un equipo multidisciplinar de máis de 40 persoas (orientadores laborais, técnicos de emprego, traballadores sociais...) nas sete sedes de Cogami para buscar os perfís profesionais que mellor se adapten ás necesidades das empresas. "Cando a crise golpea, o primeiro que se resinte é o emprego, e máis aínda no caso das persoas con discapacidade", afirmou González Formoso.

Neste punto coincidiu co presidente de Cogami, Anxo Queiruga, que subliñou que "o emprego é unha forma de inserción social" que permite a este colectivo desenvolver o seu proxecto vital, xa que taxa de desemprego das persoas con discapacidade duplica a xeral e a de inactividade é tres veces superior.

"Cogami ten once iniciativas de carácter social que xeran 1.080 empregos, pero a nosa prioridade é a inserción laboral na empresa privada, porque enriquece un país e normaliza", apuntou o presidente de Cogami, que destacou que os bos resultados do SIL durante o ano pasado "serían inviables sen o apoio da Deputación".

Queiruga explicou que o programa conta con 12.000 persoas inscritas como demandantes de emprego na provincia, das que 936 atoparon emprego durante 2016 e que están observando que este ano "repunta a contratación".

Tamén destacou a súa utilidade para "rachar estereotipos" nas máis de 300 visitas a empresas efectuadas, nas que explican as bonificacións e subvencións para a contratación de persoas con discapacidade e ofrecen a súa axuda na busca das persoas axeitadas aos perfís profesionais requiridos.

Dos preto de 1.000 empregos creados o ano pasado a través do Servizo de Intermediación Laboral de Cogami na provincia, 345 corresponden á área coruñesa, 231 á de Ferrol e 360 á de Santiago de Compostela.