Páxinas
Novas

Novas

Image Slider
Valentín González Formoso e Xulio Ferreiro asinaron o convenio esta mañá na sede da institución provincial
Páxinas suxeridas
A institución provincial financia a realización de actividades e accións formativas e a contratación dun técnico de dinamización

A Deputación inxecta 75.000 euros ao viveiro de empresas Accede Papagaio da Coruña

18 de Setembro de 2017

A Deputación da Coruña financia con 75.000 euros un programa de dinamización e formación no viveiro de empresas Accede Papagaio.

O presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, e o alcalde do Concello da Coruña, Xulio Ferreiro, asinaron hoxe o convenio de colaboración. Os fondos provinciais custearán accións de promoción, campañas de comunicación e publicidade, programas formativos, xornadas, encontros e conferencias, ademais da contratación dun técnico responsable de dinamización.

González Formoso destacou que "a Deputación colabora co viveiro de empresas Papagaio desde a súa creación", co obxectivo de que "calquera iniciativa empresarial poida ter un espazo para desenvolverse". Con esta nova inxección de 75.000 euros, a Deputación xa ten investido 150.000 euros para a posta en marcha do viveiro de empresas.

O presidente provincial enmarcou esta colaboración na estratexia de impulso ao emprendemento e Plan de emprego local (PEL), impulsado pola Deputación da Coruña cun orzamento de 30 millóns de euros para o presente mandato e que ten entre os seus obxectivos contribuír á posta en marcha de medio cento de novas iniciativas empresariais cada ano.

Pola súa banda, o rexedor coruñés agradeceu o compromiso da Deputación e salientou que os fondos servirán para "apoiar as empresas que xa se están desenvolvendo no viveiro" e proporcionarlles máis medios e formación para "crear sinerxías entre o tecido local e achegar valor engadido" á economía da provincia.