Páxinas
Novas

Novas

Image Slider
O PEL permitiu a creación de 49 novos empregos noutras tantas explotacións agrogandeiras da provincia da Coruña e apoiou a adquisición de maquinaria noutras 12
Páxinas suxeridas
Valentín González Formoso visitou unha granxa familiar de produción leiteira en Curtis que recibe axudas do PEL para apostar pola innovación e mellorar a súa competitividade

Un 22% das axudas do Plan de emprego da Deputación destínanse á contratación de persoal e modernización de explotacións agrogandeiras coruñesas

20 de Outubro de 2017

Máis dun 22% dos 4,5 millóns de euros que o Plan de emprego local (PEL) da Deputación da Coruña destina este ano a apoiar ás pequenas e medianas empresas na contratación de novos traballadores e a apoiar proxectos empresariais impulsados por mozos e mozas de entre 25 e 35 anos benefician a empresas do sector primario, fundamentalmente explotacións gandeiras e agropecuarias dos municipios rurais da provincia.
Así o explicou o presidente da institución provincial coruñesa, Valentín González Formoso, durante a visita que realizou, acompañado do alcalde de Curtis, Javier Caínzos, a unha explotación agrogandeira deste municipio que se beneficiou das axudas da liña PEL-Emprende para a modernización das súas instalacións.
González Formoso destacou a importancia que ambas as dúas liñas do PEL teñen para "axudar a crecer e modernizarse ao sector primario, que é fundamental e estratéxico na economía coruñesa" e, ao mesmo tempo, "para aproveitar o potencial do rural, xa que as axudas contribúen a crear oportunidades de emprego e desenvolvemento económico e a fixar poboación", apuntou o presidente provincial, que sostivo que "as administracións deben implicarse a fondo en deter a sangría demográfica do rural, que é un dos maiores problemas que enfronta o futuro de Galicia".

González Formoso mostrou a súa satisfacción polos resultados que acadou o programa no seu primeiro ano de vida e anunciou que nas vindeiras semanas se presentará a convocatoria 2018 do PEL, que contará con algunhas novidades importantes que poderían beneficiar ás empresas radicadas no ámbito rural.

49 novos empregos e 12 granxas que medrarán co PEL

O montante total das axudas do PEL que se destinaron a empresas do sector primario ascende a 1.015.722 euros, arredor dun 22,5% do total destas subvencións, que contan cun orzamento total de 4,5 millóns de euros durante 2017.

A través da liña PEL-PEMES, a Deputación subvencionou este ano o 75% dos custes de contratación de 49 persoas durante un período de un ano en granxas e explotacións agrarias ou gandeiras da provincia da Coruña, a maior parte delas na comarca das Mariñas betanceiras (10), seguida pola de Ordes (9), Xallas (7), Santiago (4), Melide (4) e Ortegal (3). O importe total destas axudas á contratación ascende en 2017 a 648.058 €.

Coa liña PEL-Emprende, destinada a mozos/as de ata 35 anos, a Deputación apoia os procesos de modernización e innovación nas empresas. Un total de 12 empresas que pertencen ao sector agrogandeiro percibiron un total de 367.697 euros, das que a maior parte pertencen ás comarcas da Coruña (3), Ferrol (2) e Ordes (2).

Unha aposta pola innovación para mellorar a competitividade

Acompañado do mozo propietario desta explotación familiar, Pablo Ares Vilariño, o presidente da Deputación coñeceu o funcionamento da granxa, que foi medrando cos anos ata contar actualmente con 182 cabezas de gando que producen arredor de 3.600 litros de leite ao día.

O granxa produce un leite de primeira calidade que se obtén a base de ofrecer ao gando os mellores coidados e unha alimentación de calidade mediante mesturas realizadas fundamentalmente a base de millo e herba producidos na propia explotación, con algo de penso como complemento, segundo afirmou o dono da granxa, Pablo Ares, que explicou que agora conta coa colaboración do seu irmán menor, dedicado fundamentalmente ás tarefas agrícolas, e dun empregado.

O gandeiro explicou ao presidente provincial a importancia de "apostar pola innovación e a modernización neste tipo explotacións para mellorar a súa competitividade", pese ás dificultades que atravesa o sector nos últimos anos. Neste sentido, considerou "un gran apoio" a axuda por importe de 20.000 € recibida ao abeiro do programa PEL-Emprende da Deputación, destinado a mozas e mozos menores de 35 anos, que lle permitiu adquirir dúas máquinas que contribúen á automatización de procesos da granxa como a alimentación do gando vacún e a sega, compactación e secado da herba, facilitando e facendo máis eficiente o traballo da granxa.


Unha das máquinas adquiridas é un robot que, cada dúas horas durante as 24 horas do día, remove e coloca a liña de alimentación do gando, aforrando un importante traballo físico que require ademais dun amplo horario. A outra máquina adquirida coa subvención provincial e tamén relacionada coa alimentación das vacas, é unha segadora rotativa que permite segar e estender a herba realizando un proceso de pre-secado, "o cal nos permite que a herba se poda recoller antes e aforra moitas horas de traballo", explicou Pablo Ares.