Páxinas
Novas

Novas

Image Slider
O Plan de Emprego Local xerou 168 empregos na comarca no seu primeiro ano de funcionamento
Páxinas suxeridas
Este plan, que inviste 32,1 millóns de euros na comarca de Ferrol no bienio 2017-2018, baséase en criterios obxectivos e achega máis autonomía aos concellos

González Formoso demanda á Xunta un sistema de distribución obxectivo de recursos similar ao Plan único

25 de Outubro de 2017

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou esta mañá, no Parador de Turismo de Ferrol, no ciclo "Conversas no Parador" organizado polo Club de Prensa de Ferrol.

González Formoso destacou a "revolución" que significou a entrada en vigor do Plan Único, que supón unha "asignación de recursos en función de criterios obxectivos" e un "maior protagonismo dos concellos", e instou á Xunta de Galicia a que "copie este sistema".

Formoso afirmou que "o Plan Único supón que os alcaldes non teñan que ir a Santiago ou á Coruña a solicitar algo que é un dereito", xa que os fondos do Plan Único se distribúen entre os concellos coruñeses en base a criterios obxectivos consensuados polos alcaldes dende hai máis de dúas décadas.

Por outra banda, subliñou que o plan outorga unha maior autonomía local, xa que "son os concellos os que deciden onde investir os fondos". Isto supón un cambio fundamental con respecto ao funcionamento tradicional da Deputación. "Anteriormente facíanse plans para facer campos de herba artificial ou piscinas nos concellos da provincia, agora son os concellos os que deciden porque ninguén mellor que eles pode dar prioridade as súas necesidades", explicou.

O presidente da Deputación apuntou que este programa provincial modifica tamén o concepto tradicional de gasto e investimento. "O gasto ben gastado é investimento, e o investimento mal feito supón un gasto", destacou  Formoso e explicou que o Plan único permite non só facer obras e investimentos, senón tamén financiar parte do gasto corrente municipal. "A Deputación achega fondos que contribúen a custear servizos de utilidade pública como a axuda a domicilio, a iluminación pública ou as nóminas de persoal das escolas infantís", apuntou.

32,1 millóns de euros para fomentar o emprego na comarca

O Plan único supón un investimento de 32,1 millóns de euros na comarca de Ferrolterra para o bienio 2017-2018, unha importante inxección económica que contribúe á mellora das infraestruturas dos municipios da zona e á dinamización da economía local.

Emprego

Outro dos eixos fundamentais das políticas da Deputación é a xeración de emprego. O presidente da Deputación destacou os "excelentes resultados" que acadou o Plan de emprego local (PEL), que no seu primeiro ano de funcionamento xerou 168 empregos na comarca ferrolá, a través de tres liñas de actuación, PEL CONCELLOS, PEL PEMES e PEL EMPRENDE.

O goberno provincial, que multiplicou por seis o orzamento da Deputación destinado ao emprego, presentará antes de que remate o ano as bases do PEL 2018.

Bombeiros

Outro dos asuntos abordados neste almorzo informativo foi o modelo de xestión dos parques comarcais de bombeiros. Neste punto, González Formoso defendeu un modelo de xestión directa, xa que "se trata dun servizo básico de emerxencias, e a prioridade é que sexa o máis eficiente posible".

Formoso lembrou que "actualmente, os parques de bombeiros están xestionados por empresas privadas" e que Galicia é "a única comunidade autónoma onde se aplica este modelo". Tamén neste aspecto, o presidente provincial demandou un novo mapa de emerxencias de Galicia que inclúa unha mellor coordinación dos diferentes servizos.