Páxinas
Novas

Novas

Image Slider
O Orzamento da Deputación da Coruña ascenderá a 178 millóns de euros en 2018 e terá ao Plan Único como principal programa de investimentos
Páxinas suxeridas
González Formoso afirma que o Plan Único, dotado con 76 millóns para 2018, “supón un cambio de modelo na relación da Deputación cos concellos que vai ser difícil de revertir porque se basea no principio de autonomía local”

O Orzamento da Deputación da Coruña ascenderá a 178 millóns de euros en 2018 e terá ao Plan Único como principal programa de investimentos

03 de Novembro de 2017

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, compareceu esta mañá ante a Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia para presentar as liñas principais do Orzamento da institución provincial para o exercicio 2018.

González Formoso afirmou que a previsión de ingresos totais para 2018 ascende a 178 millóns de euros, o que supón un incremento do 0,84% sobre os do actual exercicio e destacou que todos os investimentos serán financiados con recursos propios, sen apelación ao crédito, de tal xeito que se manteña a actual situación de "débeda cero" do organismo provincial.


O presidente cualificou o seu proxecto de orzamento como "rigoroso, austero, realista, socialmente sensible e orientado á creación de emprego" e destacou a importante dotación orzamentaria coa que contarán os diferentes plans de investimentos provinciais, que ascenderá a 102.350.000 euros.

Plan Único, un novo modelo de Deputación

Entre estes plans destaca pola súa contía económica (76 millóns de euros xa consignados para 2018) e polo "cambio de modelo que supón" o novo Plan Único, que aglutina diferentes plans de investimentos e liñas de subvencións provinciais existentes nun único programa anual que distribúe os fondos entre os concellos baseándose en criterios obxectivos (poboación, superficie, número de parroquias) e ofrece unha maior autonomía para que sexan os propios concellos os que decidan en que invisten os fondos que lles achega a Deputación.


Os portavoces de todos os grupos políticos representados na Comisión de Economía do Parlamento, agás o Partido Popular, coincidiron en sinalar a importancia do Plan Único e en demandar á Xunta de Galicia un instrumento similar que racionalice e obxective as súas achegas aos concellos e permita unha mellor planificación orzamentaria aos municipios coruñeses, que a día de hoxe xa coñecen o importe que lles corresponderá en 2018 ao abeiro deste novo programa provincial.
Así, o portavoz do BNG, Xosé Luis Rivas Cruz, destacou o "cambio político profundo" que supuxo este plan e sostivo que "se a Xunta tivese un sistema similar de cooperación cos concellos, estes terían máis recursos e non habería discriminacións". Pola súa banda, a voceira do PSdeG-PSOE, Begoña Rodríguez Rumbo contrapuxo os 90 millóns de euros que a Deputación distribúe este ano entre os 93 concellos coruñeses cos só 112 que a Xunta reserva en 2018 para o Fondos de Cooperación Local e que se distribuirán entre os 313 municipios da comunidade.


Tamén o voceiro de En Marea, Antón Sánchez, sostivo que o Plan Único "representa un novo modelo de financiamento local" e reprochou que a Xunta non dese pasos tamén nese sentido.


González Formoso, pola súa banda, considerou que o Plan Único supón "un cambio de modelo na relación da Deputación e os concellos que vai ser difícil de reverter porque se basea no principio da autonomía local":


Outros plan importantes durante o vindeiro exercicio serán o Plan de Emprego Local (PEL), a principal aposta do organismo provincial pola creación de emprego, que conta con 9.950.000 euros, o Plan de Conservación de Vías Provinciais, con preto de 8.000.000 de euros consignados, ou os Plans de travesías e sendas peonís, con 4,5 millóns de euros.
No orzamento provincial de 2018, segundo explicou o presidente, reforzarase tamén o apoio á promoción económica dos sectores primarios (agricultura, gandería e pesca), estimaranse como "prioritarias" as partidas de servizos sociais e igualdade e contemplaranse, como é habitual, programas de solidariedade destinados a comunidades galegas no exterior e ONG.
Formoso insistiu tamén no "carácter prioritario da asistencia aos municipios da provincia" en cuestións xurídicas, económicas, técnicas e urbanísticas; así como na modernización administrativa dos concellos coruñeses, apostando polo desenvolvemento da tramitación telemática de facturas e expedientes administrativos e ampliando as funcionalidades informáticas para a xestión tributaria municipal".

Mellorar a cooperación entre administracións

O presidente provincial coruñés reiterou tamén a súa convicción de que o Fondo Galego de Cooperación Local "debería recoller unha asignación específica dirixida ás deputacións provinciais para dar cumprimento ao establecido no artigo 142 da Constitución Española e para garantir a adecuada prestación de servizos provinciais e supramunicipais esenciais cuxa competencia é atribuída ás deputacións", para o que considerou necesario un novo pacto local "que actualice a relación de competencias e concrete as condicións óptimas de financiamento dos servizos locais".


Neste sentido, e en resposta a algunhas das cuestións formuladas polos diferentes grupos políticos da Cámara galega, González Formoso reclamou "unha mellor coordinación" entre administracións para que a Xunta asuma a titularidade de distintos centros educativos e fogares infantís que a Deputación xestiona aínda a día de hoxe na Coruña e Ferrol e que son "anacronismos históricos", pois as competencias en materia de atención social a menores e educación son da administración autonómica.


González Formoso referiuse tamén aos avances que se están a dar de cara á implantación da xestión directa dos parques do Consorcio Provincial Contraincendios, que actualmente se realiza a través de empresas privadas, e á necesidade de debuxar un novo mapa de emerxencias de ámbito galego "un asunto que estamos tratando de amañar con boa vontade por parte de todos".