Páxinas
Novas

Novas

Image Slider
A Deputación, a través do Plan de Emprego Local (PEL), apoia a dinamización de espazos de coworking como o Accede Papagaio e a creación de novos centros como o que se construirá no Pazo de Arenaza (Oleiros)
Páxinas suxeridas
O deputado de Promoción Económica e Emprego, José Luís García, e o concelleiro Alberto Lema presentaron hoxe a programación, que inclúe cursos orientados a axudar aos emprendedores a desenvolver proxectos empresariais de carácter innovador

A Deputación e o Concello da Coruña impulsan o programa “Compartindo Talento” no centro de coworking Accede Papagaio

08 de Novembro de 2017

O deputado de Promoción Económica e Emprego, José Luís García, e o concelleiro de Economía Social e Emprego da cidade da Coruña, Alberto Lema, presentaron esta mañá no centro Accede Papagaio o programa "Compartindo talento", unha iniciativa destinada a orientar e axudar aos emprendedores no desenvolvemento de proxectos de negocio innovadores e vinculados a sectores económicos que xeren valor engadido.

"Compartindo Talento" constará de cinco cursos gratuítos que se desenvolverán durante os meses de novembro e decembro e dos que se poderán beneficiar ata 125 persoas que sexan emprendedores/as con sede no viveiro de empresas ou conten co asesoramento do equipo técnico do centro Accede Papagaio.

Os asistentes completarán a súa formación e competencias en cuestións coma modelos innovadores de negocio, mercadotecnia dixital, conversa en inglés ou procura de investimento e financiamento para a súa idea empresarial. Tamén se realizarán diversas xornadas de rede de traballo nas que se abordarán cuestións como deseño de webs e aplicacións, arquitectura dixital ou o futuro das empresarias no sector tecnolóxico e dixital.

Apoio á creación e dinamización de espazos de coworking

O deputado José Luis García destacou a "boa acollida" e "excelente funcionamento" que está a ter o centro Accede Papagaio dende a súa entrada en funcionamento hai un ano e subliñou que a Deputación, a través da liña PEL-Emprende do Plan de Emprego Local (PEL) está a apoiar aos concellos da provincia na creación de "espazos de coworking como este, que permiten ás persoas emprendedoras contar cos recursos necesarios para iniciar o seu negocio e contribúen ao intercambio de ideas e experiencias empresariais,a aposta pola innovación e a ampliación da súa rede de contactos".

Neste sentido, José Luís García apuntou que a Deputación da Coruña contribúe este ano con 75.000 euros ao financiamento das actividades do centro Accede Papagaio, entre as que se atopa o ciclo "Compartindo Talento", pero que tamén está a desenvolver outros proxectos de promoción do traballo colaborativo na comarca coruñesa como a rehabilitación do Pazo de Arenaza, en Oleiros, no que se invisten 250.000 euros para a súa transformación nun moderno espazo de coworking que albergará ata 25 proxectos de start-ups coruñesas.

García destacou que "a creación de emprego é un dos obxectivos prioritarios e transversais" do goberno provincial que preside Valentín González Formoso e, neste sentido, lembrou que o PEL investirá ata 2019 un total de 30 millóns de euros para apoiar a creación de postos de traballo nos sectores público e privado e fomentar o emprendemento.

Accede Papagaio chega ao 85% de ocupación

Pola súa banda, Alberto Lema agradeceu a colaboración da Deputación para a posta en marcha deste centro. "Foi un reto chegar a cubrir as expectativas", sostivo o concelleiro coruñés de Emprego, que afirmou que o centro Accede Papagaio funciona hoxe ao 85% de ocupación e "impulsa unha nova cultura empresarial na cidade".

Lema considerou que o apoio económico da institución provincial servirá ademais para financiar accións de difusión que dean a coñecer as actividades e funcionamento deste espazo de coworking, atraendo a novos usuarios, e para a contratación dunha persoa que se encargue da súa dinamización.