Páxinas
Novas

Novas

Image Slider
O deputado Bernardo Fernández participou na inauguración dunhas xornadas sobre a materia no Paraninfo da Universidade da Coruña
Páxinas suxeridas
O Plan de Emprego (PEL) da Deputación inclúe novas liñas de acción estratéxicas como o impulso a proxectos emprendedores, a creación de espazos de coworking e viveiros empresariais, ou o apoio a iniciativas de I+D impulsadas desde os campus universitarios

A Deputación aposta pola innovación nas políticas locais de emprego

10 de Novembro de 2017

O deputado provincial e alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández, subliñou esta mañá a aposta pola innovación como "un dos eixes estratéxicos que a institución provincial está a levar a cabo dentro das súas políticas de fomento da creación de emprego".

Fernández fixo estas afirmacións no acto de inauguración das xornadas sobre esta materia que se desenvolven no Paraninfo da Universidade da Coruña e que contou tamén coa asistencia do alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e do concelleiro de Emprego e Economía Social do concello herculino, Alberto Lema.

Bernardo Fernández definiu as políticas de fomento do emprego como "a pedra angular" da acción do goberno provincial durante o presente mandato e considerou que, para que estas medidas sexan efectivas, "non basta coa implementación de políticas activas de emprego" como se vén facendo ata agora, senón que deben apoiarse tamén os proxectos emprendedores e as iniciativas innovadoras e investigadoras que nacen no seo das universidades coruñesas, unhas liñas nas que xa traballa a Deputación, a través do Plan de Emprego Local (PEL)

Novas liñas de acción do PEL

Neste sentido, destacou que a creación do PEL, cun investimento de 30 millóns de euros programado para o período 2016-2019, supuxo "multiplicar por seis o esforzo económico que a Deputación viña facendo en materia de promoción do emprego".

O deputado subliñou "a importancia que ten a incorporación de novas liñas de acción que ata agora apenas se desenvolvían, como o impulso a proxectos emprendedores, a creación de espazos de coworking e viveiros empresariais, como o centro Accede Papagaio da Coruña ou o Pazo de Arenaza en Oleiros, ou o apoio a iniciativas de I+D impulsadas desde os campus universitarios coruñeses, co obxectivo de aproveitar o talento e o coñecemento no tecido empresarial da provincia".

Bernardo Fernández destacou a "boa marcha" do programa, que no seu primeiro ano de funcionamento conseguiu a inserción laboral de 1.500 persoas na provincia e anunciou que, antes de finais de ano, o goberno provincial espera presentar a convocatoria do PEL 2018, que incrementará de novo o investimento con respecto a este ano e que incluirá algúns cambios formulados "en base á experiencia adquirida neste primeiro ano e aos intercambios de ideas que mantivemos ao coas empresas, os emprendedores e os concellos coruñeses".