Páxinas
Novas

Novas

Image Slider
O proxecto piloto desenvolverase no Concello de Cerdido
Páxinas suxeridas
O proxecto piloto AMAdeira desenvolverase en Cerdido e incluirá 12 cursos sobre o mantemento das plantacións, a transformación de recursos como castañas e setas, rehabilitación con madeira, administración ou marketing

A Deputación formará a 70 persoas desempregadas da comarca de Ortegal para rendibilizar as plantacións de castiñeiros

15 de Novembro de 2017

A Deputación da Coruña desenvolverá un proxecto pioneiro na comarca de Ortegal para potenciar a reforestación dos montes galegos con castiñeiros, á vez que se crean postos de emprego ligados ao aproveitamento de recursos coma a madeira, as setas ou as castañas.

Este proxecto, que se denominará AMAdeira, permitirá formar a 70 persoas desempregadas para que creen novas plantacións e axuden ás asociacións e comunidades de montes a rentabilizar os castiñeiros de maneira eficiente e sustentable.

A Deputación acaba de obter a aprobación para a realización deste proxecto dentro do Programa Emplea Verde, que promoven conxuntamente o Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, o Fondo Social Europeo e a Fundación Biodiversidad.

Proxecto piloto en Cerdido

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, explicou que este programa desenvolverase por primeira vez no concello de Cerdido, que foi seleccionado polas súas particulares características, como a elevada superficie forestal, a porcentaxe de zonas rurais, a media de idade ou o gran número de empresas e entidades dedicadas á silvicultura e a sectores relacionados coa madeira.

"Agardamos contar coa colaboración da Asociación de Produtores de Madeira de Cerdido, a comunidade de montes e a todos aqueles concellos e entidades que queiran implantar modelos sustentables de plantación de árbores autóctonas contratando ao persoal formado", indicou o presidente provincial, que sostivo que unha vez testeado este proxecto, "a Deputación da Coruña agarda poder implantalo tamén noutros concellos da provincia nos que se dean as condicións axeitadas".

Mulleres e maiores de 45 anos, principais destinatarios do programa

Para participar, darase prioridade aos maiores de 45 anos dos concellos da comarca de Ortegal, aínda que se sobran prazas estas abriranse ás persoas interesadas de calquera concello da provincia. Así mesmo, un mínimo do 50% serán mulleres. Deste xeito, impulsarase a empregabilidade nos sectores de poboación máis afectados polo paro.

As actividades de AMAdeira incluirán obradoiros sobre as madeiras propias de Galicia, itinerarios formativos e unha bolsa de emprego en sectores relacionados. Realizaranse un total de 12 cursos formativos que abranguerán diversas disciplinas, coma a creación e mantementos das plantacións, aproveitamento e xestión da biomasa forestal, transformación agroalimentaria de castañas e setas, rehabilitación de elementos arquitectónicos con madeira, eco-construción, económica, administración ou mercadotecnia en liña.

Desde modo, os participantes de AMAdeira contarán coa formación necesaria para dirixir proxectos que obteñan a catalogación de castaña de Galicia ou reducir o risco de incendios mediante o mantemento axeitado dos terreos forestais.

Así mesmo, os 70 participantes realizarán prácticas facendo eles mesmos unha plantación de castiñeiros e tamén asesorando a outras asociacións e entidades no aproveitamento sostible das súas plantacións.

A través destas accións, a Deputación estima conseguir como mínimo a inserción laboral de 8 persoas en sectores relacionados coa cadea de valor do castiñeiro, así como estimular o aproveitamento das terras sen plantar e a repoboación con especies autóctonas.