Páxinas
Novas

Novas

Image Slider
O deputado de Economía e Facenda, Antonio Leira, defendeu a aposta pola "autonomía local" e a modernización da institución
Páxinas suxeridas
Entre as áreas nas que máis se incrementa a dotación económica, destacan Servizos Sociais (28,62%), Cultura e Deportes (9,65%) e Asistencia aos Concellos (5%)

A Deputación aproba un orzamento de 178,9 millóns de euros orientado á creación de emprego e co Plan Único como protagonista

24 de Novembro de 2017

O pleno da Deputación da Coruña, aprobou hoxe, cos votos favorables do PSdeG-PSOE, BNG, Marea Atlántica, Compostela Aberta e Alternativa dos Veciños e o voto en contra do Partido Popular, o orzamento da institución provincial para o exercicio 2018, que ascende a 178,9 millóns de euros. Isto supón un incremento de 2,43 millóns de euros, un 1,38% máis, que no presente exercicio.

O deputado responsable da área de Economía e Facenda, Antonio Leira, foi o encargado de explicar o proxecto do Orzamentos do goberno provincial, que definiu como "rigoroso, responsable, comprometido co benestar dos cidadáns e orientado ao emprego".

Entre as principais partidas dos Orzamentos 2018 da Deputación, Leira destacou especialmente o Plan Único, que estará dotado cun orzamento inicial de 76 millóns de euros. Este plan, que unifica nunha soa convocatoria o Plan de Obras e Servizos, o Plan de Acción Social, o Plan de Aforro e Investimentos e 11 liñas de subvencións, ten un carácter dinámico polo que verá aumentado o seu presuposto ao longo do ano coa incorporación de remanentes.

Ao igual que en 2017, os fondos do Plan Único distribuiranse entre os concellos baseándose en criterios obxectivos (poboación, superficie, número de parroquias) e ofrecerá unha maior autonomía local para que sexan os propios concellos os que decidan en que invisten as achegas da Deputación. Antonio Leira explicou que este plan responde aos obxectivos de "racionalizar e obxectivar a colaboración da Deputación cos concellos" e "dar resposta ás necesidades concretas" de cada municipio.

Así mesmo, o deputado de Economía e Facenda lembrou o "compromiso especial" da Deputación co emprego, que se traduce no aumento do orzamento para o Plan de Emprego Local, que pasará de 6 millóns de euros a máis de 7,8.

Leira fixo un "chamamento responsable á colaboración e á achega da Xunta de Galicia e á participación activa dos concellos" neste plan. Neste sentido, tamén salientou o aumento no área de Medio Ambiente, que en gran parte irá destinado á contratación de técnicos nos concellos.

Saneamento financeiro e débeda cero

O deputado de Economía e Facenda, Antonio Leira, destacou que todos os investimentos serán financiados con recursos propios, sen apelación ao crédito, de tal xeito que se manterá a actual situación de "débeda cero" do organismo provincial,e engadiu que esta situación de "saúde económica e financeira que nos permite abordar o futuro con solvencia".

O deputado apuntou que orzamentos do actual goberno provincial se caracterizan polo respecto aos obxectivos "de estabilidade orzamentaria, regra de gasto e sostibilidade financeira establecidos polas normas europeas e estatais", e demandou a "necesaria adecuación da normativa" ás condicións de cada entidade.

Neste sentido, Leira subliñou que a Deputación da Coruña, a pesar de ter unha débeda cero e gozar de boa saúde económica e financeira, "ten limitada a súa capacidade de financiamento debido á regra de gasto".

Deputación "moderna e ao servizo dos cidadáns"

Entre as partidas dos orzamentos da Deputación para o 2018, Leira destacou a área de Promoción Económica, que estará dotada con preto de 15,5 millóns de euros, un aumento de 1,51% respecto ao exercicio anterior, e de Asistencia Técnica aos Concellos, que sube preto dun 5%.

Así mesmo, o área de Acción Social contará cun orzamento inicial de 10,9 millóns de euros, un 28,6% máis que no exercicio anterior. Tamén ascende considerablemente a dotación asignada a Cultura e Deportes, que será de 13.725.150 euros, cun incremento do 9,65% respecto ao ano anterior.

Antonio Leira destacou que se incorporan novidades e melloras para lograr unha Deputación "máis moderna e ofrecer máis e mellores servizos aos concellos e á cidadanía". Neste sentido, explicou que o gasto para a Administración Electrónica ascenderá nun 52%, co obxectivo de aumentar os proxectos en marcha para dotar a todos os concellos de sedes electrónicas e impulsar a tramitación en liña. Tamén avanzou que se aumentarán os servizos que a institución provincial facilita aos concellos como a recadación, tesourería ou a asesoría xurídica.

Debate

No debate, o representante de Alternativa de Veciños, Ángel García Seoane, anunciou o seu voto a favor dos orzamentos malia cuestionar o descenso da partida destinada a estradas, e reclamou que se incrementase este partida en canto fose posible. "Non se pode deixar de man un tema tan importante como a obriga do mantemento e seguridade das estradas", dixo na súa intervención.

Pola súa parte, Manuel Dios, de Compostela Aberta, defendeu o voto positivo por seren quen de "tender pontes e superar as diferenzas polo interese xeral" e demandou a aprobación "dun plan de grandes cidades".

Parabenizándose pola sinatura do protocolo de acordo para o financiamento da reforma das cubertas do estadio de Riazor, comezou a súa intervención o deputado de Marea Atlántica, Daniel Díaz Grandío, que despois de facer público o seu voto a favor dos orzamentos, manifestou a necesidade de incrementar o compromiso co benestar animal, a promoción do emprego, a cultura, a igualdade de oportunidades ou as políticas sociais xustas.

O voceiro do BNG, Xosé Regueira, manifestou que o que leva feito o goberno nestes dous anos é " revolucionario se se compara cos catro anos anteriores" e destacou o cambio na maneira de se relacionar cos concellos a través do Plan Único e tamén na redución da das subvencións nominativas.

Pola súa banda, o portavoz do grupo popular, Agustín Hernández valorou que se presentasen os orzamentos en novembro, pero considerou que son "continuistas" e "centrados no Plan Único e a limitación das subvencións nominativas". Ante isto, Hernández defendeu que "o Goberno non debe transformar este organismo nunha mera institución administrativa porque as decisións políticas son importantes e discrecionalidade non é arbitrariedade" en relación á concesión de subvencións.

Moción sobre a Lei Galega de Saúde

O pleno aprobou tamén unha moción trasladada pola Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia na que solicita a retirada do anteproxecto de modificación da Lei galega de saúde do ano 2008.

A moción foi apoiada por todos os grupos da corporación agás o PP insta ao goberno da Xunta a retirar un anteproxecto de lei e a restituír as xerencias de atención primaria e que as dote de medios e recursos para reforzar a súa capacidade de resolución. A iniciativa demanda, finalmente, o desenvolvemento da Lei galega de saúde do ano 2008.

Novos deputados

Durante o pleno, tomaron posesión dous novos deputados, a concelleira socialista de Carral Patricia Blanco Fidalgo, e o alcalde das Somozas, Juan Alonso Tembrás.