Páxinas
Novas

Novas

Image Slider
González Formoso explica aos empresarios melidenses os programas de axudas á contratación e apoio a emprendedores da Deputación da Coruña
Páxinas suxeridas
Destacou o “carácter estratéxico” de Melide pola súa privilexiada situación xeográfica, “unha cualidade que debemos aproveitar na provincia que lidera o desenvolvemento económico de Galicia”

González Formoso explica aos empresarios melidenses os programas de axudas á contratación e apoio a emprendedores da Deputación da Coruña

30 de Novembro de 2017

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, realizou onte unha visita ao parque empresarial de Melide e á sede de ASETEM, onde foi invitado pola entidade empresarial para dar a coñecer as políticas de apoio a peme e emprendedores que está a desenvolver a institución provincial a través do seu Plan de Emprego Local (PEL).

Acompañado pola alcaldesa da localidade, Dalia García, por concelleiros dos diferentes grupos políticos da Corporación municipal e por representantes da entidade empresarial melidense, González Formoso percorreu o parque empresarial e coñeceu de primeira man diferentes problemas existentes nel.

Os empresarios demandan melloras no alumeado, limpeza, saneamento e conexións telemáticas do polígono e explicaron que o parque empresarial presenta unha ocupación próxima ao 100%, con só tres parcelas dispoñibles nos seus máis de 67.500 metros cadrados, pero linda con zonas catalogadas como LIC (Lugar de Importancia Comunitaria) da Rede Natura, o que impide a súa expansión e crecemento no futuro.

Situación "estratéxica" de Melide

O presidente provincial participou despois nunha reunión na sede da Asociación de Empresarios Terra de Melide (ASETEM), na que destacou o "carácter estratéxico" e o "enorme potencial" do municipio pola súa privilexiada situación xeográfica no interior coruñés, a medio camiño entre Santiago e Lugo, "unha cualidade que debemos aproveitar nunha provincia que lidera o desenvolvemento económico de Galicia, que xa é a cuarta de España en exportacións e a quinta no ránking estatal de facturación empresarial".

Formoso explicou a aposta do seu goberno por facer da creación de emprego un dos eixos transversais das políticas da Deputación. Neste sentido destacou a creación do Plan de emprego local (PEL), que supuxo multiplicar por seis os recursos que a institución viña destinando a esta materia e abrir por primeira vez axudas para a contratación de persoal destinadas a peme e autónomos e liñas de apoio a emprendedores "que son a semente do futuro", afirmou.

1.400 empregos no primeiro ano do PEL

Segundo explicou o presidente, o PEL permitiu no seu primeiro ano de funcionamento que máis de 1.400 coruñeses atoparan un emprego a través das tres liñas que engloba: PEL-Concellos, que apoia a contratación de persoas con especiais dificultades de inserción laboral nos concellos de menos de 20.000 habitantes; PEL-Emprende, que apoia os mozos e mozas na posta en marcha na súa idea de negocio, e PEL-Pemes, que subvenciona o 75% dos custes laborais das novas contratacións en pequenas e medianas empresas coruñesas.

Valentín González Formoso avanzou en Melide que nos vindeiros días o seu goberno presentará as novas bases do PEL para 2018, que incrementará o seu orzamento de 7 a 10 millóns de euros e incorporará importantes novidades baseadas nas ideas e suxestións que as empresas, os traballadores e as entidades como ASETEM, en encontros como o de hoxe, fixeron chegar ao departamento de Promoción Económica da Deputación.