Páxinas
Novas

Novas

Vídeo Presentación PEL 2018
Image Slider
Formoso destaca a aporta do PEL pola estabilidade no emprego, facilitando que as empresas beneficiarias en 2017 manteñan aos traballadores xa contratados
Páxinas suxeridas
A día de hoxe, 1.414 persoas conseguiron un emprego na provincia ao abeiro do Plan de emprego da Deputación

A Deputación aumenta o orzamento do Plan de emprego ata os 10 millóns de euros en 2018

01 de Decembro de 2017

O Plan de emprego local (PEL) da Deputación contará en 2018 cun orzamento de 10 millóns de euros, un 33% máis que o ano anterior, co obxectivo de incrementar as liñas de axudas para o fomento do emprego e o emprendemento na provincia.

O presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, e o deputado responsable de Promoción Económica e Emprego, José Luis García, presentaron hoxe as novidades do PEL para o 2018. Ao igual que en 2017, o plan seguirá contando con tres eixos clave, PEL CONCELLOS, PEL PEMES e PEL EMPRENDE, ademais da segunda convocatoria do Premio á Mellor Iniciativa Provincial e unha liña destinada a impulsar proxectos europeos.

González Formoso destacou que, co actual goberno, "pasamos dos 1,3 millóns que a Deputación viña destinando a esta materia, ata 10 millóns de euros en dous exercicios orzamentarios" e lembrou que o obxectivo do Plan de emprego é "impulsar a creación de 3.000 postos de traballo ata 2019". Unha cifra que se espera superar posto que a día de hoxe xa son 1.414 os empregos creados ao abeiro do plan en toda a provincia.

Así mesmo, o presidente provincial enmarcou o PEL na "aposta polo emprego", que leva a cabo a Deputación en todos os seus plans e programas, xa que se trata dun "eido prioritario nunha provincia que aínda sofre o lastre social do desemprego".

Axudas para impulsar a dixitalización nos concellos

A liña PEL CONCELLOS, destinada a apoiar aos 82 municipios de menos de 20.000 habitantes na contratación de persoas desempregadas para a prestación de servizos básicos municipais, estará dotada este ano con 3.540.000 euros.

A principal novidade será a incorporación dunha liña específica para a contratación de persoal especializado en administración electrónica e novas tecnoloxías da información e a comunicación.

González Formoso afirmou que "a administración electrónica xa é unha realidade", polo que resulta indispensable que os concellos se actualicen e implementen medidas de transformación dixital.

Con este obxectivo, a Deputación destinará máis de 540.000 euros para financiar a contratación de técnicos especializados, que traballarán para varios concellos impulsando áreas coma a dixitalización dos trámites ou a modernización dos procedementos administrativos.

Fomento da estabilidade laboral

A liña PEL PEMES, dotada con 3 millóns de euros, ofrecerá ás mesmas axudas que en 2017, para financiar o 75% dos custos salariais dos novos empregados nas empresas da provincia durante 1 ano.

Ademais, as empresas que xa contrataron a unha persoa ao abeiro do PEL PEMES 2017, poderán solicitar tamén unha nova axuda para custear o 50% do salario deste traballador durante un segundo ano. O presidente da Deputación explicou que esta liña pretende fomentar "a estabilidade laboral e o mantemento de boa parte dos postos de traballo xa creados a través do PEL".

Estas dúas modalidades de axudas serán compatibles, permitindo ás empresas beneficiarias en 2017 realizar unha nova contratación e manter ás persoas xa empregadas con cargo ás subvencións da Deputación.

Apoio para os novos emprendedores

A través da liña PEL EMPRENDE, que terá un orzamento total de 2.485.000 euros, a Deputación concederá axudas aos novos emprendedores da provincia para realizar investimentos e actividades necesarias para o desenvolvemento da súa actividade profesional.

Respondendo ás peticións efectuadas polos solicitantes destas axudas durante este ano, a Deputación cambiou os criterios necesarios para concorrer ao PEL EMPRENDE. Así, elimínase o requisito de ter entre 25 e 35 anos e introdúcese no seu lugar a condición de que a empresa teña un máximo de cinco anos de vida, independentemente da idade do empresario.

Outra das novidades dentro deste eixo será que, ademais de bens inventariables, o PEL subvencionará actividades e actuacións que sirvan para desenvolver a empresa e potenciar a súa competitividade, como servizos de consultoría, marketing e comunicación ou formación. Esta nova liña estará dotada con 520.000 euros.


Rede provincial de espazos de traballo

Valentín González Formoso destacou que un dos grandes retos que presenta a Deputación dentro do PEL é a creación dunha Rede provincial de espazos de traballo, que aglutine viveiros de empresas, centros de negocio e espazos de coworking nos distintos concellos da provincia.

O presidente provincial indicou que se trata dun proceso "complexo e a longo prazo", posto que é necesario buscar as infraestruturas adecuadas e xestionar cos concellos a súa conversión neste tipo de espazos.

Durante este ano, a Deputación xa colaborou coa posta en marcha do espazo de coworking Accede Papagaio, no concello da Coruña, e está traballando no proxecto para o Pazo de Arenaza (Oleiros). Tamén se está estudando a implantación de espazos colaborativos noutros puntos da provincia.

González Formoso explicou que a intención da Deputación é que "estes espazos de traballo estean especializados nun sector concreto, potenciando que se establezan vínculos e sinerxías entre as distintas empresas situadas neles".

II Premio PEL

O Plan de emprego local 2018 incluirá a segunda edición do Premio á Mellor Iniciativa Empresarial, que contará con tres convocatorias dotadas con 25.000 € cada unha.

Este ano, engadirá a categoría Mellor Iniciativa Socialmente Responsable, que premiará a unha empresa da provincia que destaque polo seu compromiso co emprego responsable e a mellora social, económica ou ambiental da súa contorna. Así mesmo, volveranse a conceder os galardóns para a Mellora Iniciativa Empresarial Nova e a Mellor Iniciativa Empresarial Consolidada.

900.000 euros para proxectos europeos

A última das liñas do PEL consistirá no desenvolvemento de proxectos para optar a fondos europeos, co obxectivo común de impulsar a xeración de emprego e o crecemento sostible na provincia.

Neste eido, Valentín González Formoso destacou dous dos proxectos que xa se están desenvolvendo. Dunha banda, a través de EIXO foméntase a formación de mozos menores de 30 anos e a súa incorporación ao mercado laboral nas áreas industriais, con especialidades naqueles postos de traballo con máis demanda, coma a loxística ou o transporte. Por outra banda, o proxecto AMAdeira desenvolverá en Cerdido un programa formativo arredor das plantacións de castiñeiros e a comercialización de produtos derivados, do que se beneficiarán 70 persoas da comarca.