Páxinas
Novas

Novas

Image Slider
A Deputación da Coruña incrementa os criterios sociais e de calidade do emprego nos novos pregos de contratación
Páxinas suxeridas
Favorecerán a participación das pequenas e medianas empresas nos concursos

A Deputación da Coruña incrementa os criterios sociais e de calidade do emprego nos novos pregos de contratación

26 de Abril de 2018

A condición transversal dos criterios sociais, a simplificación da documentación, o control da calidade do emprego, a contratación de persoas desempregadas ou a presenza de mulleres no cadro de persoal das empresas son algúns dos criterios que a Deputación da Coruña engade aos novos pregos de contratación adaptados á nova Lei de contratos. Os pregos irán a pleno este venres despois dun proceso de encontros con asociacións sindicais e empresariais por parte do deputado de Contratación, Xesús Soto.

A Deputación da Coruña promoverá e velará polo emprego digno e de calidade, pola igualdade e polo rigor e a simplificación dos procedementos nos novos pregos de contratación que irán a pleno este venres día 27 de abril.

O deputado de Contratación e Patrimonio, Xesús Soto, destaca que os novos pregos "incrementan a relevancia dos criterios sociais e contribuirán a que as empresas ofrezan emprego de calidade, comprometéndoas a que cumpran coas súas obrigas laborais e de seguridade social en aspectos claves como o cumprimento dos convenios, os pagos de salarios e demais obrigas coas persoas traballadoras".

Nos novos pregos contémplase, polo tanto, o carácter transversal dos criterios sociais e ambientais incluíndo criterios de valoración como a porcentaxe de persoal fixo ou a porcentaxe de mulleres en relación co cadro global da empresa ademais de se ter en conta tamén a existencia de Plan de igualdade.

En canto á xestión dos propios contratos, as novas condicións da Deputación da Coruña apostan pola simplificación da documentación que se ha presentar coa ampliación de posibilidades en canto aos medios para acreditar a solvencia económica, financeira e técnica co obxectivo de facilitar o acceso ás licitacións das pequenas e medianas empresas. "Coa simplificación procedemental tentamos paliar en parte as dificultades que para as peme supón cumprir coas tramitacións unicamente electrónicas, de obrigado cumprimento na nova lei ", sinala Xesús Soto.

A pesar destas facilidades na simplificación da tramitación, os novos pregos inclúen novas medidas de control e esixencias que se dirixirán a combater os valores anormais ou desproporcionados das ofertas ou a introdución de penalidades administrativas non só pola demora no prazo de execución senón tamén polo incumprimento de condicións de execución e de subcontratación. Controlarase, desta maneira, con maior intensidade as relacións entre contratistas e subcontratistas.

En canto aos criterios de adxudicación, estes pregos-tipo introducen unha importante flexibilidade para que os concellos fagan uso da súa autonomía á hora de priorizar uns criterios de valoración sobre outros, o que o deputado xustifica defendendo a dita autonomía " que deben e van ter as administracións locais á hora de marcar os seus obxectivos tamén no proceso de contratación en función do tipo de obras que se han executar".

Os pregos irán ao pleno deste mesmo venres despois de que, para a súa elaboración, desde o Departamento de Contratación se desenvolvera un proceso de encontros con sindicatos e asociacións empresariais para dar a coñecer as novidades e pulsar as opinións dos sectores máis directamente implicados.

Finalmente, Xesús Soto quixo poñer en valor " a dificultade de elaborar uns pregos-tipo que se adapten ás múltiples modificacións da nova Lei de contratos e que ao mesmo tempo sexan capaces de dar resposta aos intereses de todos os colectivos presentes na contratación pública, ou o que é o mesmo, aos intereses xerais da economía provincial nesta materia"