Estás en:Emprego Novas

Formoso destaca a contribución da emigración ao desenvolvemento de Galicia na VII edición do Ares Indiano

O presidente da Deputación participou na inauguración oficial do 'Ares Indiano', unha celebración coa que o municipio conmemora as súas raíces e os seus vínculos coa emigración en Iberoamérica

"Ares é un dos mellores exemplos desa nova Galicia que se soñaba desde América", afirmou Formoso, que reivindicou "a pegada que deixou a emigración apostando pola educación e a cultura" con iniciativas pioneiras como a Alianza Aresana

Formoso destaca a contribución da emigración ao desenvolvemento de Galicia na VII edición do Ares Indiano

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou hoxe xunto ao alcalde de Ares, Julio Iglesias Redondo, no acto institucional de inauguración da sétima edición do 'Ares Indiano', unha celebración coa que o municipio rememora, do 16 ao 18 de agosto, o seu pasado e a pegada histórica que a emigración de moitos dos seus veciños e veciñas América a finais do século XIX e principios do XX deixou no municipio.

"A cultura indiana é unha parte fundamental do ADN de Ares, non só pola evidente pegada na arquitectura, con máis de 20 edificacións entre as que destaca esta fermosa Alianza Aresana, senón pola contribución da emigración ao desenvolvemento da vila e de Galicia", afirmou o presidente, que destacou como exemplo ás máis de 300 escolas levantadas pola emigración galega na nosa comunidade que supuxeron "un importante retorno en educación e cultura para o noso país".

"Ares é un dos mellores exemplos desa nova Galicia que se soñaba desde América", afirmou Formoso, que lembrou que nas primeiras décadas do século XX máis de 900.000 galegos e galegas emigraron a América na procura dun futuro mellor "pero mantiveron sempre vivo o seu vínculo e o seu compromiso coa súa terra natal".

Un recoñecemento á implicación da vila na recuperación do seu pasado

O alcalde de Ares, Julio Iglesias, reivindicou tamén a contribución da emigración aresá ao desenvolvemento do municipio e agradeceu a colaboración de institucións como a Deputación da Coruña e do tecido social, veciñal e empresarial de Ares para manter durante sete anos esta festa que rende homenaxe aos emigrantes da localidade e recupera a súa historia.

"Hoxe, coa colaboración da Deputación, presentamos un novo libro "Treinta y nueve años de mi vida", de Manuel Rodríguez Ramos, "Canelo". Con este son xa catro os libro escritos por veciños de Ares que emigraron a América pero mantiveron vivo o seu compromiso co seu municipio", lembrou o rexedor, que incidiu tamén na importancia de recuperar a historia da emigración para que sexa coñecida polas novas xeracións.

Durante o acto, o alcalde entregou distintos premios ao presidente da Deputación e a numerosos veciños e veciñas de Ares pola seu apoio e implicación para facer posible esta festa, que supón un retorno ás orixes e un recoñecemento á emigración aresá como motor de progreso para o municipio.

Tras o acto de inauguración presentouse o libro de "Canelo", editado por primeira vez na Habana en 1894 e no que narra en primeira persoa a súa interesante biografía, chea de aventuras e experiencias, desde a súa infancia en Ares ata a súa xuventude e madurez na emigración cubana, onde desempeñou multitude de oficios (limpabotas, peón, tabaqueiro, violinista, compositor ou libreiro) e, como tantos galegos, foi un emprendedor constante.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X