Boqueixón recibe este ano máis de 1,2 millóns de euros do Plan Único da Deputación da Coruña
A institución provincial leva investidos máis de 11,7 millóns de euros no municipio durante a última década, con máis de medio cento de obras financiadas
Formoso destacou o apoio fundamental da Deputación para impulsar a Festa da Filloa de Lestedo, unha das máis tradicionais do municipio e convertela no gran evento que é hoxe

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou hoxe o concello de Boqueixón, onde se reuniu co alcalde, Ovidio Rodeiro Tato, e cos membros da corporación municipal para analizar os investimentos da institución provincial no municipio e estudar novas novas liñas de colaboración.
Formoso destacou que este ano o concello recibe 1.215.584 euros do Plan Único (POS+2025), o maior plan de cooperación municipal de Galicia, que acada un récord histórico de 138 millóns de euros para os concellos da provincia."O Plan Único é unha ferramenta esencial para garantir o equilibrio territorial e apoiar aos concellos máis pequenos, que atopan nesta cooperación provincial un instrumento clave para mellorar servizos e infraestruturas", subliñou o presidente.
Durante a última década, a Deputación destinou máis de 11,7 millóns de euros a Boqueixón, dos cales 7 millóns proceden do Plan Único, co que se financiaron 52 obras e centos de servizos públicos que melloran a vida da veciñanza. Entre as actuacións realizadas destacan as melloras en estradas e camiños municipais —como os de Lamas, Pazos, Cruceiro de Pousada ou Loureda—, así como proxectos en alumeado público, redes de saneamento, abastecemento de auga e a reparación do parque infantil de San Vicente de Boqueixón, entre outras.
Formoso incidiu tamén en que os investimentos da Deputación nos 93 concellos coruñeses superan este ano os do Fondo de Cooperación Local da Xunta, e reclamou ao Goberno galego que eleve este fondo ata os 200 millóns de euros "para reforzar o financiamento municipal e garantir unha distribución máis xusta dos recursos".
A Deputación apoia a Festa da Filloa de Lestedo con 30.000 euros
No marco da visita institucional, Formoso e Rodeiro asinaron o convenio de colaboración para o financiamento da Festa da Filloa de Lestedo, unha das citas gastronómicas máis emblemáticas do municipio. A Deputación achega 30.000 euros dos 37.000 que custa o evento, organizado pola Asociación Cultural da Filloa de Lestedo.
Na sinatura participaron tamén Juan Manuel Silva (vicepresidente da asociación) e os vogais Juan Manuel Corral e Pascual Villaverde. O presidente lembrou que a Deputación colabora cada ano con esta celebración, unha das máis tradicionais do municipio, e coa entidade organizadora, contribuíndo, por exemplo, á compra da máquina filloeira que se utiliza no evento, con capacidade para producir ata 800 filloas por hora.
O alcalde destacou o "apoio fundamental" da Deputación para que esta festa alcanzara este ano a declaración de interese turístico nacional- xa era de interese turístico galego- e gabou o traballo dos veciños de Lestedo "que organizan todo para que sexa un éxito cada ano".
Proposta de itinerario peonil na DP 1201
Formoso e Rodeiro falaron tamén do proxecto presentado polo municipio para mellorar a seguridade peonil na estrada provincial DP 1201, a única estrada provincial existente no municipio, na que a Deputación xa realizou investimentos de ampliación e mellora nos últimos anos.
En concreto, a actuación proxectada tería lugar no PK 2+250, no entorno da intersección desta estrada co viario municipal e o campo da festa de O Forte e aproveitaría o antigo trazado da citada estrada provincial- actualmente en desuso- para convertelo nun paseo peonil, acondicionando a superficie existente entre ambas vías e dando continuidade aos itinerarios peonís xa existentes nas marxes da DP 1201, permitindo conectar a pé con seguridade o Concello, o centro de saúde ou o campo de fútbol.
O Concello de Boqueixón presentará o proxecto para a súa valoración por parte dos servizos técnicos de Vías e Obras da Deputación.
MercaNaVila mobilizará 25 millóns de euros no comercio local
Durante o encontro, Formoso tamén destacou a posta en marcha do programa MercaNaVila, impulsado pola Deputación da Coruña e a Federación Galega de Comercio, cun orzamento de 6 millóns de euros. A iniciativa distribuirá bonos de 100 euros para fomentar as compras nos comercios dos concellos de menos de 20.000 habitantes.
O presidente provincial animou aos establecementos de Boqueixón e da comarca de Compostela a sumarse ao programa antes do 20 de outubro, lembrando que xa hai 763 comercios adheridos e que o obxectivo é mobilizar 25 millóns de euros en vendas no comercio de proximidade, "un sector clave para a cohesión social e o desenvolvemento económico dos municipios".
Os consumidores poderán descargar os bonos de 100 € de MercaNavila a partir do 20 outubro para facer compras nos comercios locais.