Curso Robótica Lego Wedo en Vedra
Do 11 de abril ao 8 de maio, a Biblioteca Provincial achega a Vedra un curso orientado á cativada sobre robótica con Lego Wedo.
A inscrición xestiónase na biblioteca ou centro social onde se imparte.
ROBÓTICA EDUCATIVA: LEGO WEDO PARA PÚBLICO INFANTIL
Cada taller impartirase en 4 sesións, de 90 minutos cada unha, orientados a nenos e nenas de 10 a 12 anos, cun total de 6 horas de duración, cun máximo de 12 participantes.
OBXECTIVOS DO TALLER
Ademais da asegurada diversión, os nenos e as nenas practicarán a motricidade fina, terán un primeiro contacto coa robótica e aprenderán conceptos de mecánica a través da montaxe e posta en marcha dos robots. En función da curiosidade do grupo e as preguntas que fagan, coñecerán novos conceptos e entenderán mellor outros, xa adquiridos previamente, en relación ao mundo da tecnoloxía. No ámbito da programación, ao iniciarse nunha nova linguaxe, o alumnado verá reforzada a importancia de traballar cunha gramática, unha semántica e un léxico correctos.
A programación desenvolve unha fluidez no correcto uso doutras linguaxes, debido á obriga de utilizar as instrucións de código de forma correcta. O computador só entende o que queremos dicirlle se o expuxemos de forma correcta. Un piar fundamental que se potenciará con este taller será o das matemáticas, ben a través de operacións coñecidas e estruturas novas, ou ben coa necesidade que nos impón a programación de volvernos máis analíticos e analíticas e racionais. Así mesmo, abordaranse conceptos básicos doutros campos como a física; fomentarase o traballo cooperativo, terán que comunicarse activamente e chegar a puntos de encontro en canto a como se van a tratar os problemas, complementando debilidades e fortalezas dos e das integrantes.
Por último, coa presentación dos proxectos feitos ante os e as demais participantes, traballarán a comunicación en público, habilidade cada vez máis importante e necesaria no desenvolvemento escolar, social e profesional pois implica a capacidade de comunicación con eficacia coas demais persoas. Ao practicar esta destreza, aprenden a organizar e estruturar as súas ideas, a argumentar, escoitar e respectar as opinións dos e das demais, a desenvolver o pensamento crítico e, sobre todo, a gañar autoconfianza.
PROGRAMACIÓN DO CURSO
Farase unha inmersión na robótica. Traballarase cun kit montable e programable de marca LEGO, concretamente da serie LEGO WeDo, de robótica educativa co que ser verá o funcionamento mecánico do robot e explicarase o uso de elementos tecnolóxicos que se utilizarán na sua construción. Esto permitirá reforzar os coñecementos previos do grupo adquiridos no colexio nas materias vinculadas á ciencia e á tecnoloxía.
SESIÓN 1: ROBOT FUTBOLISTA
- Obxectivos: montaxe e programación dun robot para xogar ao fútbol controlado por Bluetooth.
- Contidos:
- Introdución a motores e bloques de programación
- Construción guiada do robot futbolista con pala frontal
- Programación de avance, retroceso, xiros e control remoto
- Mini partidos en campo delimitados
- Conceptos traballados: forza, dirección, fricción, control por eventos, secuencias
SESIÓN 2: ROBOT DE SUMO
- Obxectivos: adaptación do robot para sumo, programado para empurrar e resistir
- Contidos:
- Reforzo estructural do robot para empurre e estabilidade
- Programación básica de control ou semiautónoma
- Combates individuais en "dojo" circular
- Conceptos traballados: fcentro de masa, empurre, forza, lóxica de movemento, trens de engranaxe
SESIÓN 3: CARREIRAS DE ROBOTS
- Obxectivos: crear un robot veloz que compita nunha pista recta ou en circuíto
- Contidos:
- Optimización da montaxe para velocidade e dirección recta
- Programación de carreira en liña recta ou en zigzag
- Competición cronometrada e en paralelo
- Conceptos traballados: velocidade, fricción, simetría, sincronización de motores
SESIÓN 3: ROBOT MENSAXEIRO (Actividade creativa)
- Obxectivos: deseñar un robot con misión específica (entregar un obxecto, seguir un percorrido, etc.)
- Contidos:
- Personalización dun robot e decoración
- Programación con secuencias e bucles simples
- Presentación final do robot en acción
- Conceptos traballados: secuenciación, creatividade, orientación espacial, precisión en traxectorias
