Estás en:Emprego Novas

A mostra que homenaxea os 100 anos da bandeira galega remata a itinerancia en Sada

A exposición, que inclúe unha selección de obras de ilustradores e ilustradoras da plataforma Coruña Gráfica, aínda pode visitarse na Casa da Cultura de Sada ata esta fin de semana. Posteriormente continuará o seu percorrido polos concellos de Santiago de Compostela, Ribeira, Carballo e San Sadurniño

A mostra que homenaxea os 100 anos da bandeira galega remata a itinerancia en Sada

A deputada de Normalización Lingüística, María Muíño, o alcalde de Sada, Benito Portela, e a concelleira de Normalización, Marisa Rúa, encabezaron esta mañá unha visita á exposición que conmemora os 100 anos da bandeira galega, que estivo guiada por Calros Silvar, un dos ilustradores que participa con obra na mostra.

A mostra, que chegou á Casa da Cultura Pintor Lloréns de Sada o pasado 11 de decembro, conmemora os 100 anos do día –o 25 de xullo de 1921- en que a bandeira galega ondeou nun edificio institucional por primeira vez na historia, concretamente no Palacio municipal da Coruña. A itinerancia da mostra polos concellos da provincia, a cargo da área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, iniciouse precisamente en Sada, onde permanecerá ata esta fin de semana, e continuará ao longo de 2022 por Santiago de Compostela, Ribeira, Carballo e San Sadurniño.

O pintor e ilustrador, Calros Silvar salientou durante a visita guiada "a variedade de estilos e o gran nivel técnico e artístico" das ilustracións que compoñen parte da exposición. Convén lembrar que a mostra inclúe un cómic que amosa a historia do nacemento da bandeira galega e unha serie de ilustracións que reinterpretan a súa evolución e a sitúan no contexto artístico contemporáneo. Neste sentido, a deputada de Normalización Lingüística, María Muíño cualificou como "un gran acerto utilizar a ilustración e a banda deseñada para facer máis accesible e máis atractiva a historia da bandeira a todo tipo de públicos". Mentres que o rexedor, Benito Portela, explicou que a mostra contou cun alto número de visitantes, unha circunstancia que situou tanto no período de vacacións como no interese que o tema e as obras espertan entre o público.

"1921-2021. 100 anos da bandeira galega no Palacio municipal da Coruña" está comisariada por Manel Cráneo e Henrique Torreiro que, a través de diversos documentos históricos e co asesoramento do historiador Xosé Alfeirán, crearon un cómic que ilustra o nacemento e evolución da bandeira galega e que foi debuxado por Alberto Taracido e Rubén Rial. A exposición tamén inclúe unha selección de obras de ilustradores e ilustradoras da plataforma Coruña Gráfica que, en conxunto, ofrecen unha versión particular e persoal da bandeira galega en diversos contextos. Participan coas súas ilustracións Branda, Uxío Broullón, Aurora Cascudo, Iria do Castelo, Miguel Cuba, Alberto Díaz, Brais Fierro, Héctor Francesch, Alberto Guitián, Uxía Larrosa, Antón Lezcano, Jorge Peral, Perdivel, Xulia Pisón, Javier de la Rosa, Irene Sanjuán, Luis Sendón e Calros Silvar.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X