Estás en:Emprego Novas

A Deputación da Coruña impulsa o deporte da provincia con máis de 3 millóns de euros

Convoca cinco liñas de axudas dirixidas a fomentar a actividade física; a apoiar a clubs en competicións locais, provinciais, autonómicas, estatais e internacionais; a organizar eventos deportivos e a mellorar infraestruturas e equipamentos

"Unha aposta firme polo futuro dos nosos e as nosas deportistas, para facer da nosa provincia un referente no eido do Deporte", afirmou a deputada Cristina Capelán, que destaca que 513 entidades recibiron axudas da Deputación o ano pasado

As achegas permitirán que entidades deportivas sen ánimo de lucro, federacións ou ANPA financien gastos de equipamento deportivo, material ante a covid-19, transporte, seguros, salarios, dereitos de arbitraxe ou gastos de participación en competición, entre outros

A Deputación da Coruña impulsa o deporte da provincia con máis de 3 millóns de euros

FOTO (ARQUIVO): Visita de Cristina Capelán ao Club Halterofilia Coruña, unha das 513 entidades deportivas que apoia a Deputación na provincia

Deputación da Coruña promove a actividade deportiva na provincia coa convocatoria de cinco liñas de subvencións por importe de máis de 3 millóns euros. A través das diferentes liñas, a Deputación pretende dar apoio a entidades sen ánimo de lucro, federacións ou ANPA no desenvolvemento de diferentes modalidades e do deporte base, así como de iniciativas encamiñadas ao benestar das persoas.

"Un programa comprometido coa igualdade e o deporte inclusivo, e unha aposta firme polo futuro dos nosos e as nosas deportistas, para situalos na elite do deporte nacional e internacional", sinalou a deputada de Deportes, Cristina Capelán, que lembrou que en en 2021 un total de 513 deportistas e entidades deportivas da provincia accederon ás axudas da Deputación.

Este apoio ás entidades compleméntase coa contratación de arredor de 70 técnicos deportivos noutros tantos concellos coruñeses, un programa no que a Deputación inviste 1.015.000 euros.

O Boletín Oficial da Provincia vén de publicar as bases destas subvencións, dirixidas a entidades privadas sen fins de lucro, incluídas as federacións deportivas, legalmente constituídas e con domicilio fiscal na provincia da Coruña. As contías que recibirán os beneficiarios poderán empregarse para a mellora de infraestruturas e equipamento, salarios, outros aprovisionamentos, material ante a Covid-19, gastos de participación en competicións ou transporte, entre outros.

Con este programa, a Deputación busca mellorar a condición física, a ocupación activa do tempo de lecer, o deporte afeccionado e a participación en actividades deportivas non federadas. Tamén pretende difundir os valores deportivos con iniciativas de divulgación e formación, como charlas, talleres, cursos, simposios ou xornadas de debate. Por último, a institución provincial promove as competicións deportivas federadas e non federadas. "Queremos que a provincia da Coruña se sitúe na vangarda a nivel deportivo e sexa referente no ámbito", afirmou Capelán.

450.000 euros para fomentar a actividade física e o deporte

O ente provincial achega unha axuda de 450.000 euros para promover e desenvolver distintas modalidades deportivas e, en especial, fomentar o deporte base e as actividades encamiñadas a fomentar o benestar das persoas. Este programa contará con contías que van dun mínimo de 1.000 a un máximo de 30.000 euros.

O investimento permitirá financiar a adquisición de material deportivo, compra de aprovisionamentos, material ante a Covid-19, arrendamentos e canons, transporte, seguros, salarios do persoal deportivo, seguridade social, dereitos de arbitraxe e gastos de participación en competición deportiva non federada.

Apoio a equipos e deportistas en competicións locais, provinciais ou autonómicas cunha achega de 700.000 euros

O ente provincial aposta polo desenvolvemento e proxección das e dos deportistas galegos cunha liña dirixida a clubs deportivos da provincia que conten con algún equipo ou deportista que participen en competicións oficiais federadas de ámbito local, provincial ou autonómico. As achegas, que irán dos 1.000 aos 60.000 euros, permitirán financiar os gastos derivados da súa participación nas probas.

Así pois, subvenciónase a adquisición de aprovisionamentos varios, material Covid-19, arrendamentos e canons, transporte, seguros, aloxamento, dereitos de arbitraxe, cotas a entidades deportivas ou gastos de inscrición en competicións.

Un millón para impulsar a deportistas en competicións nacionais e internacionais

Por outra banda, a Deputación financia cun millón de euros a participación de clubs deportivos sen ánimo de lucro con equipos ou deportistas que participen en competición federada de ámbito nacional ou internacional. O importe máximo achegado será de 100.000 euros.

O orzamento permitirá adquirir aprovisionamentos; material Covid-19; arrendamentos e canons; servizos profesionais médicos; transporte; seguros; aloxamento; salarios de técnico, adestrador, fisioterapeuta, preparador físico, monitor deportivo, xestor deportivo; seguridade social, dereitos de arbitraxe, cotas a entidades deportivas ou gastos de participación en competición.

400.000 euros para organizar grandes eventos deportivos

Os eventos deportivos que acolle a provincia son unha oportunidade única para impulsar os deportistas galegos, pero tamén un acicate para fomentar un turismo deportivo, impulsando deste xeito tamén a economía da provincia. O ente provincial destina 400.000 euros das súas liñas de axuda a financiar o desenvolvemento de grandes probas singulares de interese na provincia.

Os importes a conceder van dun mínimo de 6.000 a un máximo de 70.000 euros que irán destinados a sufragar os gastos inherentes á organización dos eventos, promovidos por entidades deportivas, de carácter relevante para a provincia pola súa incidencia en termos deportivos, sociais e económicos, xerando ingresos e beneficios para o territorio. Como condicións: cada entidade presentará só unha proposta e o encontro deberá estar incluído no calendario de competicións oficiais.

A achega permitirá financiar material deportivo non inventariable, outros aprovisionamentos, material ante Covid-19, arrendamentos e canons, transporte, seguros, salarios, seguridade social, dereitos de arbitraxe, transferencias e gastos de participación en competicións, entre outros.

500.000 euros para infraestruturas e equipamento

A través dunha achega de 500.000 euros, desde o ente provincial apoiarase a entidades deportivas na mellora das súas infraestruturas e equipamento, co obxectivo de ofrecer as mellores condicións para a práctica deportiva.

As subvencións poderán oscilar entre os 1.000 e os 40.000 euros, e permitiran financiar construcións (edificios e outros inmobles de uso deportivo), material inventariable (colchonetas, pesas, balóns medicinais, porterías, canastras, ring, marcadores, tatamis ou similares), equipamento téxtil inventariable (petos electrónicos, traxes de neopreno, etc.), elementos de transporte (vehículos, remolques, embarcacións) e equipos electrónicos para a mellora da práctica ou rendemento deportivo).

Presentación de propostas

As entidades interesadas en solicitar as subvencións poderán facelo de xeito telemático a través da plataforma Subtel da Deputación https://sede.dacoruna.gal/subtel/acceso/login. O prazo de presentación determinarase no anuncio do extracto de cada convocatoria que se publicará na Base de Datos Nacional de Subvencións.

Á hora de conceder as axudas valoraranse elementos como o ámbito territorial das actividades, o interese da proposta presentada ou o número de persoas asociadas, no caso de entidades, e persoas federadas, no caso das federacións.

As bases poden consultarse en:

https://bop.dicoruna.es/bopportal/cambioBoletin.do?fechaInput=26/01/2022

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X