Estás en:Emprego Novas

A Deputación conmemora o Día de Rosalía con poemas musicados e lectura pública da obra da poeta

A deputada de Normalización Lingüística, María Muíño, participará no acto que terá lugar o mércores 23 de febreiro ás 17h diante do Teatro Rosalía, organizado en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritoras en Lingua Galega e a Asociación Cultural Alexandre Bóveda

A Deputación conmemora o Día de Rosalía con poemas musicados e lectura pública da obra da poeta

A deputada de Normalización Lingüística, María Muíño, participará o vindeiro mércores, día 23, no acto que terá lugar na cidade da Coruña para conmemorar o Día de Rosalía de Castro. Comezará ás 17h diante do Teatro Rosalía e consistirá nunha lectura pública da obra da poeta homenaxeada que estará complementada coa interpretación de poemas musicados a cargo de 'Lía pamina es os peregrinos'.

O acto está organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a Asociación Cultural Alexandre Bóveda e na lectura participarán, ademais de María Muíño, autores e autoras da AELG, membros da AC Alexandre Bóveda, e alumnando de centros educativos da cidade. Convén lembrar que a conmemoración do Día de Rosalía é unha iniciativa posta en marcha pola AELG en 2010 mediante a que se pretende poñer en valor non só a figura de Rosalía de Castro, senón tamén a literatura galega e en galego. Con este obxectivo entre as propostas para conmemorar este día sitúanse as lecturas públicas da obra da poeta, que a cidadanía agasalle cun libro en galego e cunha flor a amizades e persoas queridas, e a difusión dun Manifesto que cada ano escribe un autor ou autora da AELG. Neste 2022, a autora do Manifesto é Beatriz Maceda Abeleira que escolleu o lema #SementadePensamentos.

Alén do acto central que se celebra na data do nacemento de Rosalía de Castro, o departamento que dirixe María Muíño programa unha serie de actividades relacionadas coa figura e a obra da poeta, para difundir o seu legado ao longo de todo o ano e orientadas a unha ampla diversidade de públicos.

Nesta programación máis espallada no tempo cabe salientar a representación da obra 'Libre coma os paxaros' que chegará a catro concellos da provincia. Trátase dunha proposta escénica da compañía Teatro do Atlántico, dirixida a público maior de 14 anos, na que a figura protagonista é Rosalía de Castro interpretada por María Barcala e que comparte co público momentos clave da súa vida e da súa creación.

Outras dúas iniciativas salientables son a itinerancia da exposición "50 anos da Casa de Rosalía" que comezará a partir de marzo un percorrido por varios concellos da provincia, e o obradoiro sobre Rosalía de Castro que a AELG realizará en 24 centros de ensino coruñeses da man da Deputación.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X