Estás en:Emprego Novas

O vinte aniversario da estrea de “O bosque animado. Sentirá-la súa maxia” inicia en Cambre a itinerancia da man da Deputación

Trátase dunha exposición que, co apoio do departamento provincial de Normalización Lingüística, poderá ser visitada en cinco concellos: Cambre, A Pobra, Pontedeume, Narón e Ames

En Cambre estará aberta ata o 1 de abril na Casa da Cultura Vila Concepción, e inclúe paneis informativos sobre o filme, gañador de dous premios Goya e o primeiro de animación 3D producido en Europa

O vinte aniversario da estrea de “O bosque animado. Sentirá-la súa maxia” inicia en Cambre a itinerancia da man da Deputación

A Casa da Cultura Vila Concepción de Cambre acolleu a inauguración da exposición polo vinte aniversario da estrea de "O bosque animado. Sentirá-la súa maxia", o primeiro filme de animación 3D producido en Europa, realizado integramente na Coruña e gañador de dous premios Goya —mellor película de animación e mellor canción orixinal— e de vinte galardóns internacionais. Tras pasar por Cambre, a mostra chegará tamén aos concellos de A Pobra, Pontedeume, Narón e Ames, nunha itinerancia que conta co apoio da Deputación da Coruña, a través do departamento de Normalización Lingüística.

Na inauguración da exposición participou o deputado de Cultura, Xurxo Couto, quen cualificou este filme como "unha xoia que xa forma parte da historia do noso sector audiovisual, un fito para a nosa cultura, ao ser aquel 3 de agosto do ano 2001 a primeira obra deste tipo que se facía sen ser nos Estados Unidos e foi na Coruña,cunha empresa galega e na nosa lingua propia". Detrás deste fito estaba Dygra Films, unha produtora coruñesa fundada en 1987, pioneira na creación de interactivos táctiles, páxinas web e simuladores de xogo.

Adaptación da novela de Wenceslao Fernández Flórez "O bosque animado", xa levada con éxito á gran pantalla por José Luis Cuerda en 1987, a versión en 3D viuse en máis de 50 festivais de todo o mundo, estivo preseleccionada á edición dos Oscar de 2003, traduciuse a 21 linguas, vendeuse en 66 países e tivo máis de un millón de espectadores en Europa.

A exposición inclúe paneis informativos sobre a produción filme, entre eles maquetas, esculturas, ilustracións e os dous Goya que acadou. A estrea do filme celebrouse o na Coruña o 3 de agosto de 2001 e a celebración dese vinte aniversario chega un ano despois, por mor da pandemia da Covid-19.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X