Estás en:Emprego Novas

A Deputación convoca o premio Francisco Tettamancy para alumnado de secundaria

Dotado con 2.000 euros, ten como obxectivo popularizar e divulgar entre a mocidade, desde unha perspectiva lúdica e participativa, o legado do escritor, historiador e activista galeguista. O prazo de presentación de traballos remata o 18 de maio

A Deputación convoca o premio Francisco Tettamancy para alumnado de secundaria

A Deputación da Coruña convida os centros educativos de secundaria da provincia a concursar no Premio Escolar Francisco Tettamancy, destinado a popularizar e divulgar, desde unha perspectiva lúdica e participativa, o legado do escritor, historiador e activista galeguista. Os alumnos, dos cursos de 1º a 4º de ESO, deben realizar unha intervención artística arredor da figura de Tettamancy a partir do emprego de calquera disciplina de expresión creativa. O prazo de presentación de traballos remata o 18 de maio.

Concederase un único premio en metálico dotado cunha cantidade de 2.000 euros para a compra de material escolar, xunto coa entrega dunha distinción simbólica e un recoñecemento público. En todos os casos a participación por centro deberá ser colectiva. Os equipos deberán estar integrados polo alumnado de, cando menos, unha clase, e estar coordinados por, como mínimo, un ou unha das súas docentes, sendo esta persoa responsable da intervención. Valoraranse especialmente aqueles traballos que incorporen unha visión ampla do contexto da súa xeración ou atendan a acontecementos históricos aos que estivo vinculado, tanto de forma directa, como protagonista destes, como a través do seu estudo ou análise.

Escritor, colaborador en prensa, traballador da Deputación provincial, membro fundador da Real Academia Galega, integrante da Real Academia Belas Artes de San Fernando e participante na xuntanza constituínte das Irmandades da Fala, Tettamancy foi un dos principais personaxes do núcleo galeguista da Coruña e un dos protagonistas dos diferentes movementos do Rexurdimento cultural e político de Galicia desenvoltos entre finais do século XIX e comezos do século XX.

A convocatoria deste certame é outra das actividades que as áreas de Patrimonio e de Normalización Lingüística da Deputación programaron este ano para poñer en valor a figura e a obra do intelectual coruñés. En xaneiro celebrouse na sede provincial unha homenaxe, encabezada pola deputada María Muíño e o deputado Xosé Lois Penas, na que participou a bisneta de Tettamancy Charo Varela. O programa inclúe a realización dun pequeno vídeo sobre a vida, obra e contexto histórico do escrito e historiador, que xa se pode ver na cale de Youtube da Deputación, o deseño dunha unidade didáctica para facilitar que o profesorado poida traballar nas aulas a historia galega relacionada coa revolta de 1846, e a publicación da obra 'A revolución galega de 1846' traducida ao galego.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X