Estás en:Emprego Novas

A Deputación da Coruña edita “A revolución galega de 1846”, de Francisco Tettamancy Gastón

É unha das iniciativas que departamento provincial de Normalización Lingüística programou para a poñer en valor a figura e a obra do intelectual coruñés

A Deputación da Coruña edita “A revolución galega de 1846”, de Francisco Tettamancy Gastón

A Deputación da Coruña anunciou hoxe, data do 176 aniversario do fusilamento dos coñecidos como Mártires de Carral, a presentación, nas vindeiras semanas, da tradución ao galego de "La revolución gallega 1846", cumio da produción bibliográfica de Francisco Tettamancy Gastón. O orixinal, publicado en 1908 pola libraría rexional de E. Carré, recolle un labor de investigación de décadas e supón a crónica máis exacta da rebelión galega contra o presidente Narváez, que rematou coa execución dos militares sublevados e co cárcere e exilio de máis de 2.000 galegos.

A tradución, que vai contar cun prólogo de Xosé Ramón Ermida Meilán, permitiralle aos lectores e lectoras achegárense de primeira man á obra de referencia sobre o abril galego. Un texto cuxas pegadas están presentes na totalidade das investigacións posteriores e que conta cun amplo apéndice documental, as teses centrais do cal manteñen plena vixencia. Coa nova versión, a Deputación quere tamén contribuír ao mellor coñecemento da obra de Tettamancy e a unha valoración máis axustada do esforzo do intelectual coruñés, membro fundador da Real Academia Galega, para que as galegas e os galegos profunden na súa historia.

"Desde o departamento provincial de Normalización Lingüística da Deputación", sinala a deputada María Muíño, "queremos salientar tamén o papel fundamental que xogou Tettamancy na inauguración na vila de Carral, en 1904, do monumento aos Mártires, nun acto no que fixo unha sentida intervención Manuel Murguía". Muíño lembrou tamén a actual reivindicación para que o monumento, obra do arquitecto Juan Álvarez Mendoza, sexa declarado Ben de Interese Cultural, a través dunha iniciativa rexistrada pola deputada do BNG, Mercedes Queixas, no Parlamento autonómico.

Normalización Lingüística puxo en marcha en 2021 un programa de actividades arredor da figura de Tettamancy. En decembro dese ano o Salón de Plenos da Deputación acolleu un acto institucional no que se lle entregou un agasallo á bisneta do escritor e historiador, Charo Varela. Xa en 2022, Normalización Lingüística apoiou a edición dun pequeno vídeo e a convocatoria dunha concurso de murais, dirixido ao alumnado de secundaria, sobre a vida, obra e contexto histórico de Tettamancy, así como o deseño dunha unidade didáctica para facilitar que o profesorado poida traballar nas aulas a historia galega relacionada coa revolta de 1846. O prazo de presentación de traballos ao concurso de murais, dotado cun premio de 2.000 euros para compra de material escolar, segue aberto ata o 18 de maio.

Escritor, colaborador en prensa e traballador da Deputación provincial, Tettamancy foi un dos principais personaxes do núcleo galeguista da Coruña e un dos protagonistas dos diferentes movementos do Rexurdimento cultural e político de Galicia desenvoltos entre finais do século XIX e comezos do século XX. Membro fundador da Real Academia Galega e participante na xuntanza constituínte das Irmandades da Fala, foi un grande estudoso da historia galega. Ademais de asinar traballos sobre druidismo, celtismo e diversos elementos patrimoniais como a Torre de Hércules ou as Torres de Altamira de Brión, é autor de importantes investigacións arredor da Guerra de Independencia e da revolución de 1846, sendo autor do primeiro estudo sobre os Mártires de Carral e promotor do monumento que se elevou na súa memoria. Participante asiduo dos faladoiros de intelectuais da Cova Céltiga, foi tamén integrante da Real Academia Belas Artes de San Fernando.

Un dos líderes civís do pronunciamento de 1846 foi Antolín Faraldo, de cuxo nacemento se celebra en 2022 o segundo centenario e a quen Normalización Lingüística tamén lembrará este ano cunha serie de actividades en colaboración cos concellos e con entidades de Santiago, Teo, Oroso, Betanzos e Carral.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X